domingo, agosto 07, 2005

ESTIRPE (1994) Méndez Ferrín

TESTAMENTO DO GHEBO
O día en que eu me perda no Calexón de Núñez,
chimpádeme unhas cascas de manises no Náutico.
O día en que eu me vaia no Nautilus, avante,
polo mare de Rande cara as lamas máis últimas,
levai camelias murchas á taberna de Armando.
O día en que eu naufrague nos furanchos de antano,
que no Bar Abanico latrique a pianola.
Que me choren con fados e cántigas canallas
os chaíñas e os ghichos que me fixeron punto
con chavalas curriñas no baile das Cabañas.
Cando eu rache a paipa, como fixo Brassens,
e deixe á descendencia as zapatillas vellas,
que coman caldeirada de pata-roxa todos
os amigos, na Anguila, con raiba encantadora.
O día en que, de súpeto, onda as Almas Perdidas,
eu pille ese tranvía fantasma que nos leva
aos bébedos, na néboa, aos solares de tras,
lembrádevos de Chambi, Martinico, o Chinito,
e a boca se vos encha de pirulí e barquillo,
e que ninguén me faga pranto de cascarilla
cando eu estire a pata nesta cidade estrépito
e poñan no meu texto: “fechou por defunción”.

X.L. Méndez Ferrín
Un clásico en vida. O noso Nobel galego.
Desexamos neste día que cumpras moitos máis!

Sem comentários: