segunda-feira, dezembro 29, 2008

Orisel Gaspar con ALMA na Galiza


Galicia... oh Galicia!

Verde sempre, sempre verde,
que terra a miña terriña,
ben se di nos cantares:
despois do ceo Galicia!
.

Da miña alma douche a alma miña,

no reflexo de Alma e a súa mirada,

o seu sorriso de paz toda bañada,

equilibrio, cores e harmonía.

.- Orisel Gaspar -

"O Apalpador e outros mitos"

(Faro de Vigo. Domingo, 28 de decembro de 2008)
.
A aparición do "Apalpador" é a gran novidade do nadal galego deste ano. Grazas ao pulo proporcionado polo colectivo compostelán "A Gentalha do Pichel", ademais do apoio doutros grupos culturais de base e de redes sociais de Internet, a simpática figura deste xigante carboeiro, que durante o resto do ano vive nas devesas das altas montañas orientais do Caurel e do Cebreiro, sae estes días de pasarrúas por Santiago, Vigo, Ponteareas, Pontevedra, Ferrol, Lugo ou O Barco de Valdeorras. A recuperación ou, máis ben, recreación dun mito galego do nadal, que reparte agasallos e mimos aos miúdos, semellante á figura do "Pai Inverno" nórdico (reconvertida, tras múltiples ensaios da mercadotecnia e da publicidade no exitoso "Papa Noel" da cultura da globalización norteamericana), constitúe un proxecto a longo prazo que merece ser apoiado.
Debemos a recreación do mito do "Apalpador" ao estudoso José André López Gonçâlez quen hai só dous nadais publicou un artigo fulcral sobre o tema: "O Apalpador personagem mítico do natal galego a resgate". Neste traballo establécense os riscos primixenios para realizar un retrato deste mito galego en desenvolvemento. Presenza física: un xigante esfarrapado, de profesión carboeiro, que usa boina, fuma en cachimba (o que non é moi politicamente correcto nestes tempos sen tabaco nin fume nos espazos públicos) e aliméntase de bagas e xabaril. Comportamento: dende as espesas devesas, onde ten a súa morada, baixa na noitiña de San Silvestre (a derradeira do ano) a visitar as casas todas onde houber picariños e cando estivesen ben durmidos apalparlles a barriguiña e comprobar se están ben mantidos. O "Apalpador" dilles, entón: "Así, así esteades todo ao ano" para logo, antes de marchar, deixarlles unha presiña de castañas quentes. Para acougar a excitación da chegada do carboeiro, segundo López Gonçález, os vellos do Caurel, aprendíalles aos pícaros esta cantiga: "Vaite logo meu meniño, / marcha agora para camiña. / Que vai vir o Apalpador / a palparche a barriguiña". Interpretación: o Apalpador, como subministrador de lume (luz e calor) é anunciador de fartura, de protección, da alianza coa boa fortuna, o que o une a outras tradicións indoeuropeas coincidentes co solsticio de inverno, logo tamén cristianizadas.
Esta presenza do "Apalpador", que López Gonçález, acredita documentada nas comarcas das montañas orientais luguesas, ten precedentes, como se acreditou esta pasada semana no programa "Aberto por Reformas" da Radio Galega, nas Terras de Trives, onde unha figura con funcións semellantes, que recibe o nome de "Pandigueiro" (unha denominación bastante máis xeitosa ca de "Apalpador", a verdade), baixaba da Serra da Cabeza Grande a visitar tamén aos picariños. En todo caso, sexa como "Apalpador" sexa como "Pandigueiro", este novo mito galego ten moito que ver con outros semelllantes inseridos na mesma tradición precristiana e pagá de celebración do solsticio de inverno. Eis figuras tan consolidadas nestas datas como o bo do Olentzero euscaldún que na noite de reis reparte os seus agasallos con forza, coraxe e amor. Eis o caso tan singular da Bruxa befana italiana que montada na súa basoira trae os doces e carbóns aos pequenos, que na noite do cinco ao seis de xaneiro lle deixan unha copiña de coñac.
Sexa o carboeiro barrigudo euscaldún, sexa a fea bruxa que enche os carpíns dos picariños italianos, sexan os tres cambiantes magos de Oriente ou sexa este solitario pandigueiro de noso, o relevante de todos estes mitos é o papel que desempeñan na relación das persoas adultas cos nenos e nenas e no permanente renacer que para cada ano novo supón a súa presenza. Alén do relato creado en cada caso para facer verosímil a historia dos seus protagonistas, o esencial é o mito fundacional que representan cada un deles na súa comunidade, o da necesidade de intercambiar agasallos entre os membros da familia para asumir o inicio dun novo ciclo coa maior ventura. Fronte ao consumismo desaforado e compulsivo, que a actual crise económica pon en evidencia durante este Nadal máis austero, non estaría de máis que aproveitásemos a posibilidade de relectura destes mitos para acuñar novas prácticas de consumo máis sustentable. Benvido sexa este Pandigueiro se axuda a agasallar aos nosos pequenos máis brinquedos artesanais e reutilizables ou se aumenta o interese polos libros para pequenos e maiores. Benvido sexa este Apalpador se nos axuda a dar un paso atrás no noso comportamento como consumidores voraces, apostando por agasallos máis útiles, baratos e manufacturados. En todo caso, sexa grazas a eles ou aos clásicos magos desorientados, que a estrela dos afectos sexa a que a todos nos guíe ao longo de todo o novo ano.
.
........... - Manuel Bragado -
video

sábado, dezembro 27, 2008

Manuel Izquierdo

Obra cinético-interactiva
de 1990 a 2008







quarta-feira, dezembro 24, 2008

Unha ducia de razóns

O IMPROPÓSITO

E pingaba o sangue no medio das escaleiras
pingaba do nariz pequecho,
do nariz pequecho e sen bigote embaixo.

Non sentín pena por ela.
Sei que todos nos desangramos por dentro
algunha vez.

Sen embargo aquilo foi inesperado,
coma se lle reaccionasen as veas
xusto ante os meus pasos.

Apurei un pano branco
contra as súas mans estreitas
e vino cubrirse de cor, atacarse de vermello.

Seguín piso arriba polo descansillo deserto.
A todos non ten pasado iso
de que nos pingue o olfacto.

Non lle quixen dar maior importancia,
máis valor do que debería ter
unha simple anécdota.

Pero a rapaza non volveu nunca por estes lares.
Xamais puiden ver de novo ese pequecho nariz colgado.
O que si vin o seguinte día foron as gotiñas do seu ser por riba do chan.

ANA VALÍN

quarta-feira, dezembro 17, 2008

FECUNDACIÓN E ALIVIO

O tempo corre estando parado
escoitamos o tic- tac biolóxico
da nosa natureza animal
persistimos e insistimos
na supervivencia
do pequeno homo...

O tempo pasa inmutable
e creamos monstros
criamos corvos impetuosos
que agardan para arrincarnos os ollos…


O tempo dorme, o soño eterno
represéntase mecanicamente
nun reloxo e nunha célula
sistemática e estrutural

E así, ouvimos o noso
Tic tac tic tac tic tac…

Texto: rosanegra
Fotografías: Cruz Martínez

Esta colaboración realizouse para participar nun proxecto de "incomunidade" . O Filo- Café do 22 de novembro do 2008, co mesmo título.

segunda-feira, dezembro 15, 2008

Ábrelle a porta ao Apalpador!!


Vaite logo meu ninín,
marcha agora prá camiña
que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña
.
Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus, importado dende outras latitudes, viñese ben promocionado pola sociedade consumista, na Galiza tamén había unha figura mítica e moi entrañábel propia do Nadal: O Apalpador. Nalgunhas comarcas do leste da Galiza, nas serras do Courel, os Ancares e o Cebreiro, conservábase aínda ata datas moi recentes esa tradición.
O Apalpador era un vello xigante con oficio de carboeiro que vivía nas devesas das altas montañas. Polo Nadal, baixaba ás aldeas para achegarse caladiñamente aos nenos e ás nenas que durmían, e apalpáballes as barrigas para comprobar se estaban ben mantidas. O Apalpador vixiaba que vivisen con fartura, desexáballes que no vindeiro ano continuasen a non pasar fame, e deixáballes unha presada de castañas quentes como agasallo e lembranza da súa visita.
.
Dende A Gentalha do Pichel (Compostela) animan a que se recupere esta figura autóctona da tradición galega que eles están a difundir este ano para popularizala entre @s máis picariñ@s. Abrámoslle pois as portas ao Apalpador!
.

sexta-feira, dezembro 12, 2008

quarta-feira, dezembro 03, 2008

a modo

ti abríasme.
e eu entraba
dentro de ti
ata viaxar
polo teu universo
o tempo xusto,
para repousar
no tedio
que incita a volver,
sempre coma
se fora a única
vez.
para volver
a desexar viaxar
polo contorno
interior do teu sexo,
adheríndonos
como a calor
a chama do lume
e a brancura á neve,
nun silencio
entre cortado
so por todo
o que se di a modo
cando tanto se sinte,
como unha única flor
que florece
para logo falecer.

Enrique Leirachá Gutiérrez