quinta-feira, julho 31, 2008

rosanegra

A imaxe é rápida coma o tempo
nunha tarde de verán
e o mañá vén aí...
percorrendo un pasado
que albiscou no serán.

terça-feira, julho 29, 2008

Chegará a treboada - AMARAL


Dixéronme que volviches por fin ao teu fogar
Que viches na túa viaxe por terras de lonxe?

Caín entre a brétema dunha ducia de montañas
Vagando por seis autoestradas cortadas
No medio de sete bosques calados
Perdido nas costas de negros océanos
Subín a dez mil millas cara un camposanto

E chegará, chegará, chegará,
chegará a treboada
Que anuncia o ceo

Dixéronme que volviches por fin ao teu fogar
Que oíches na túa viaxe por terras de lonxe?

O ruído dun trebón preludio do medo
A última onda ao final dos tempos
Tambores soando na liña de fogo
E tantos murmurios que non escoita ninguén
Oín gargalladas e laios de fame
A triste canción do poeta na rúa
A voz dun paiaso cuberto de sangue

E chegará, chegará, chegará,
chegará a treboada
Que anuncia o ceo

Dixéronme que volviches por fin ao teu fogar
E que farás agora que a viaxe remata?

Volver antes da chuvia de estrelas
Ao máis profundo do descoñecido
Onde hai multitudes sen nada nas mans
Alí onde o sol secou os ríos
Onde es escravo ou un pobre fuxitivo
Que viu os ollos dun home sen rostro
Onde todas as almas foron esquecidas
Onde negra é a cor e o número non existe
Berrarei ata que quede gravado no vento
E a miña voz se reflicta dende esta montaña
Aínda que teña que andar enriba das augas
Ata que esta chamada sexa escoitada

E chegará, chegará, chegará,
chegará a treboada
Que anuncia o ceo
E chegará, chegará, chegará,
chegará a treboada
Que anuncia o ceo
.
(Versión ao galego de Alfonso Láuzara)

sexta-feira, julho 25, 2008

.
25 de Xullo
.
Día da Patria Galega
.
Saúde e terra!

video

quarta-feira, julho 23, 2008

Soño nas Illas Marabillas...

Nas augas salgadas de Cíes
emerxe o resplandor moreno
a ollada centrífuga
os cabelos longos do enredo;
a brisa fai piruetas
simplementes por engalanarte
e toda a lus do sol
quer estoupar
nos zafiros que escintilan
baixo as túas pestanas de raíña.
E velaí o ventre dourado de chocolate
do meu desexo relambido,
ventre cheo de bicos
bicos salgados e fresquiños
coma as ondas que te acariñan
nesta praia fermosa onde ti,
muller matria de encantos exclusivos,
aínda es un soño para min.
.
................ Alfonso Láuzara

segunda-feira, julho 21, 2008

Os espellos proxectan estruturas

que rexeitan inquebrantábeis espíritos
................................arroutados desconformes
.................................................carecen de xeonllos
......................................................non morden a terra
e sosteñen pancartas revolucionarias
Argumentos inacabados
crechos pensamentos entréganse
........................................ao sublime acto
............................................de lamber feridas
Soños en salmoira
debuxan unha paisaxe imperfecta
Designios fatalistas inxéctanse
....................nun océano intravenoso
namentres, o resto dorme a conciencia
...................................recontando moedas
..........................................apuntalando o sorriso
no pico dun iceberg metafórico
invento dun repelente traficante
...........................................de fantasía

Cruz Martínez


sexta-feira, julho 18, 2008

Vaia vaia vaia... Teis ten praias!!

.

Onte á tarde, @s veciñ@s de Teis, amparad@s no Artigo 31 da Lei de Costas, volveron a "asaltar" a praia da ETEA en Ríos, para reivindicar outra volta o libre acceso e o uso público e gratuito dun espazo que é de tod@s, pois forma parte do Dominio Público Marítimo-Terrestre.

Fóra muro da vergoña con arames de espiños!!

Vaia vaia vaia... Teis ten praias!!

........... - tioTeis -

domingo, julho 13, 2008

PARAÑOIA



- detalles recibidos de Igor Lugris -


sexta-feira, julho 11, 2008

O submariño de Sanjurjo Badía...

.

O submariño de Sanjurjo Badía (1898) deseñado para a defensa da bahía de Vigo. Unha reliquia dos tempos en que Teis tiña armada. ;-) Está exposto de xeito permanente no Museo do Mar, de Vigo.

........ - sc. afonso trece -

quarta-feira, julho 09, 2008

mulleres mesoamericanas

oaxaca 1-08

as veces cando unha muller camiña
non sabemos que leva no seu rebozo
a sua crianza vai toda tapada e retorcita
e confundimola con outros bultos

chamula 3-08

todas as chamacas que venden pola rua
van con roupa indixena como as suas maiores
saia de grosa la negra e blusa branca e azul
pero a nena do cerrito que leva as negras ovellas
vai con chandal e camisola que son mais practicas pues

morelia 2-08

na caracola zapatista á güerita rapaza
preguntan de onde ven ela
e como sempre sorrinte di soy costeña
mui calida e chiapaneca resposta
para quen naceu entre frios fiordos

caracol 3-08

a muller tzeltal da cafeteria do caracol
hoxe visible sorriso que pon o colorista delantal
e onte foi o pasamontañas que ocultou ese sorriso
no alzamento que destapou tantas e tantas inxustizas

rexion triqui 4-08

asasinadas
por ser mulleres e por ser indixenas
por formar parte dun municipio autonomo
por ser as voces que na radio rompen o silencio
que seguirán rachando silencios


bolon ajaw 5-08

con paus nas suas mans as mulleres camiñan
para sair da comunidade a levar os poucos excedentes

polo irregular carreiro descalzas os paus axudan a camiñar
pero elas agora os cargan para intimidar aos paramilitares

mais abaixo do camiño o rio e as cascadas que eles queren
e ao chegar a estrada agardan uns aramios de espiños ás mulleres


mesoamerica 5-08

á chamaca chamanlle chiquis
porque foi a ultima en nacer
e xa non queren ter mais fillas


terras do rebozo 08


Manolo Pipas

segunda-feira, julho 07, 2008

O noso LIBRO na rúa!

Aínda non o tes? A que esperas?!

Depósito legal: VG543-2007 .. P.V.P.: 10 €

A Porta Verde do Sétimo Andar

Foto: Begoña Miguélez

De esquerda a dereita: Luís Viñas, Minus-bálido (A.Rodríguez), Manolo Pipas, Alfonso Láuzara, Cruz Martínez, Abilio Rodríguez, Rosanegra (Rosa Martínez) e Alberte Momán

9 xeitos de traspasar a porta da poesía.

9 olladas que indagan na paixón, no cotián, na memoria... creando espazos para recuperar o poder revelador da palabra.

9 voces contemporáneas que nos conducen polo universo polimorfo do poema. Abrir a porta verde do sétimo andar é entrar en 9 mundos poéticos posibles e diferentes. Adiante, a porta está aberta!

Pódese mercar en...

Galería SARGADELOS Vigo (Urzáiz, 17)

A Cova dos Ratos (Romil, 3 - Vigo)

Libraría CARTABON (Urzáiz, 125 - Vigo)

Galería SARGADELOS Ferrol (Rubalcava, 30-32)

Libraría Limiar (Venezuela, 33) Ultramar – Ferrol

Libraría Torga (rúa da Paz, 12) Ourense

Libraría Internacional (Capitán Eloy, 8) Ourense

Local Social a esmorga

(Telheira, 9 - Zona Universitária) Ourense

Libraría Eixo (Cardenal Quevedo, 36) Ourense

Centro Social Gomes Gaioso

(rúa marconi, 9 Montealto - A Coruña)


Ou tamén contactando con A Porta Verde:

e-mail: aportaverde@gmail.com

terça-feira, julho 01, 2008

Dedicado a Diego de Giráldez

O MAR



É pintor, escultor, naturista... a súa sabedoría abrangue a esencia da natureza. Posiblemente absorba e reflicta; misticismo, intelectualidade, infindos coñecementos. Ata é probable que o seu reino non sexa deste mundo... o seu reino é a Arte.
Home, artista, xenio... é a triloxía de si mesmo e para iso sobrevoa o Olimpo dos Deuses, aqueles que plantaron a flor do secreto nunha bouza preto do Edén. Os seus cadros son parábolas da realidade, poemas pintados nun lenzo, formas e cores con vida propia. Son a creación no seu máximo grao de expresión que se expande ata ao universo. Un pincel nas mans trócaselle maxicamente en ciencia pura. El, acolle na mente todos os segredos inimaxinables que coma homo amasa pacientemente. Un Ser Tranquilo que observa todo o seu perímetro espacial, comprendendo o que está máis aló xa que a súa ollada penetra nas moléculas.
Diego de Giráldez só precisa do ar para existir nos cadros. A enerxía flúe dende o seu centro gravitacional cara á todas partes. É un satélite no mundo artístico e vivirá eternamente nas súas obras, que son atemporais.

rosanegra