segunda-feira, dezembro 15, 2008

Ábrelle a porta ao Apalpador!!


Vaite logo meu ninín,
marcha agora prá camiña
que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña
.
Moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus, importado dende outras latitudes, viñese ben promocionado pola sociedade consumista, na Galiza tamén había unha figura mítica e moi entrañábel propia do Nadal: O Apalpador. Nalgunhas comarcas do leste da Galiza, nas serras do Courel, os Ancares e o Cebreiro, conservábase aínda ata datas moi recentes esa tradición.
O Apalpador era un vello xigante con oficio de carboeiro que vivía nas devesas das altas montañas. Polo Nadal, baixaba ás aldeas para achegarse caladiñamente aos nenos e ás nenas que durmían, e apalpáballes as barrigas para comprobar se estaban ben mantidas. O Apalpador vixiaba que vivisen con fartura, desexáballes que no vindeiro ano continuasen a non pasar fame, e deixáballes unha presada de castañas quentes como agasallo e lembranza da súa visita.
.
Dende A Gentalha do Pichel (Compostela) animan a que se recupere esta figura autóctona da tradición galega que eles están a difundir este ano para popularizala entre @s máis picariñ@s. Abrámoslle pois as portas ao Apalpador!
.

Sem comentários: