quarta-feira, abril 26, 2006

X.L. Méndez Ferrín: homenaxe



"A arte e a literatura galegas
viven unha especie
de idade de ouro"

(foto: Miguel Núñez)

X.L. Méndez Ferrín. Para homenaxearte”: unha exposición colectiva de 34 artistas acompañada dun catálogo de 90 páxinas que renden homenaxe ao escritor galego candidato ao Premio Nobel de Literatura. Na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, ata o 28 de maio, en horario de 18 a 21:30 horas.
"Eu son só un pretexto para facer unha tertulia de artistas", comenta o propio escritor.
- Dirá o que queira mais non é habitual unha homenaxe artística así.
- É certo que é pouco usual. As universidades fan un libro dos colegas que se xubilan...
- Pero non é o seu caso...
- Non, eu non me xubilo, de momento.
- A exposición tamén é unha escusa máis para promover a súa candidatura ao Nobel.
- Bo. Os amigos aproveitan calquera oportunidade. ¡Ogallá mo deran! Non digo que non, mais calquera lingua que non sexa inglés, francés, alemán ou italiano practicamente non existe no mundo universal da literatura. Millóns de persoas falan chinés é só teñen un Nobel. Imaxínese para as literaturas españolas (galega, vasca e catalana).
- ¿Que situación vive a arte en Galicia?
- As artes plásticas en Galicia viven unha especie de idade de ouro dende case todo o século XX e especialmente dende a década dos cincuenta. Aquí temos a tiro de pedra a Leopoldo Nóvoa, un dos pintores máis importantes que saíron de Galicia. A Facultade de Belas Artes, o CGAC de Santiago e logo o noso MARCO contribuíron a este momento excelente.
- ¿O das letras é igualmente doce?
- Si, sobre todo o da poesía. A poesía nova galega está moi por enriba do que é usual na Península Ibérica. A poesía en lingua galega ten moita presencia fóra das nosas fronteiras.
(Fonte: Faro de Vigo.Mércores,26 de abril de 2006// Ágatha de Santos)

Sem comentários: