quarta-feira, abril 19, 2006

Mahmud Darwish, poeta palestino.


A necesidade de “inventar”
o soño e a esperanza.





Un símbolo da súa cultura palestina e un dos grandes poetas árabes da actualidade. Darwish estivo en Santiago convidado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Fundación Araguaney. Ven de recibir o Premio "Poeta Galego Universal".
El di que atopa na poesía a razón para vivir, e que lle axuda a ter a liberdade de expresar o que quere e a afrontar a dura realidade inventando un marco de imaxinación. As circunstancias nas que viviu fixeron que a súa poesía tivera que entrar no tema político, sen embargo pensa que o importante é que o lado político da poesía non faga desaparecer a súa beleza porque o poeta non pode falar coma un político. A relación entre política e poesía é complexa e cada poeta ten o seu xeito político de expresar a poesía.
Mahmud Darwish considera falsa a chamada guerra das culturas. Cre que a cultura internacional é unha mestura de todas as culturas que a formaron, e que estas culturas deberían seguir mesturándose e intercambiando ideas para formar esa cultura internacional que todos queremos. Parécelle triste que moitos consideren o extremismo coma unha raíz da cultura árabe.
Declara que quizais algún día medrarán as violetas nos cascos dos soldados; e aínda que a esperanza non estea á vista, debemos inventala; aínda que o soño de ter un mundo mellor está moi lonxe, debemos inventalo. Para Darwish a poesía loita contra a guerra con instrumentos que non son de guerra, pois se a poesía entrara realmente nunha batalla aberta contra as armas, perdería. Se a poesía sofre un ataque aéreo, debería escribir sobre a beleza das herbas porque a herba rexenérase en cada estación. Esas plantas son pois logo máis fortes có aceiro. A voz da poesía é a voz das herbas e non a voz dos avións ou das armas. A poesía loita contra a guerra con instrumentos coma o amor e a beleza. As herbas sempre gañan ao final. En cada rincón deste planeta houbo guerras e os tanques destrozan cultivos, mais aínda así atopamos que as herbas e as flores medran. Esa memoria debería de calar moi fondo no interior do noso ser. O poeta ten que ser moi fráxil e realmente moi simple. A forza da poesía reside na fraxilidade do poeta.

Sem comentários: