domingo, abril 30, 2006

7 días 7




Poema dedicado á xente que forma a Cova dos Ratos, ós que andan por alí, ós que estuveron e ós que virán. Sétimo aniversario polo que nos felicitamos dende O Sétimo Andar.


Son sete días á semana, sete notas, sete vellos foles pendurados para nos amosar que foron nosos e xa non son. Lembro ollos de brillos, hai moito, algunha vez me lembro de pasada. Estabamos doutro xeito baixo as estrelas, e sete días, non so foran sete, foran noites fora, fomos nós fuxindo con fame de versos.
Hoxe coma onte temos entre as mans tamén sete días sete con cada en súas horas que todos nós sabemos, no fondo, que non temos máis pobreza que non nos topar agora, e nos temos nós todos xuntos, acubillados, coma os ratiños da festa entón os aromas, os tactos, os viños e os foles nos multiplican en sete días sete de esperanzas.
Que non morran.
Sete bágoas, algunha cea, algún cantar, das bromas moitas as choqueiras e a nosa vida non só por pasa-lo rato, polos ratos, polas covas, polas mans e os ollos, polos bicos, cada hora en sete vidas en torno a sete mesas, sete anos, moita xente e todos nós agora, aquí, e de novo a vida, lonxe a morte, ou cerca.
E a sotavento das estrelas sete mares.

Abilio.


Sem comentários: