Desacougados quedan teus cravos vermellos
na cinza diluida na auga escura do meu froreiro.
Pasa o tempo coma o trafego sanguíneo
de arterias aforcadas en tolemias grasentas
desasistidos miserábeis en crucifixións verdes
nos dominios de grandes corazóns enfermos,
respiracións entrecortadas i exaltadas
cando os teus ollos húmidos perden soño en destellos
e asoman asedios de pipas ereitas
sobre das insinuacións marelas nas tebras
de patrias supostas no teu corpo verdescente
porque te venden, porque perdes monte
porque te quero verde mancomunada
porque te busco saudábel entre brétemas siniestras
e non sei se acaso te atopo nun ponto cativo
perdido no medio da Ría que agarda
a que moitos en recuperalo perdan a vida;
mais eu sempre te desfruto enferma
e gosto de verte universal redivida
no meu exceso volcánico de exaculación ideolóxica
porque te quero fodida antes que morta de medo
porque te rego de esperma curado de arrepío
porque cómpre saca-lo terror das tombas
nas que copulamos envenenados co tempo;
porque te alugan en nichos comunitarios
porque a cuota láctea non te enche o ventre
porque te tiran en fosas miña amada rubia galega.
Pero medrarán na polución dos cadavres as serpes
coma a semente, miña amada, coma a semente.
O povo é quem máis ordena, no mar e na terra
e tamén no pubis da matria nos cimeterios.
E ti, xuntacadavres, nada sabes destes misteres
mais as tebras chamarán por ti encantadoras
cando encendamo-la utopía no ultraista burato negro
onde amamos ó demo de pirola rabela e cornos alleos.
...... Os tempos son chegados, querida,
...... pro meu deleite no teu ventre de inferno.
Alfonso Láuzara
Sem comentários:
Enviar um comentário