quinta-feira, janeiro 26, 2006

Ana Cibeira

XAMONXAMONXAMONXA...

I
Quería rezar ata que non quedase máis que o sol...


Os meus tacóns son tabúes líquidos
esta mañá mamá taladra as paredes con
cancións de misa, rezos con ritmos, pantasmas sacras

que colgabamos na porta da entrada,
ningún anxo.
Quere luci-los cadros e perderse
nos camiños construídos durante todos estes anos
a base de óleo e cedras de pelo de marta grumbacher

dos pinceis traídos de América,
irremprazables.

Daquela só había un sitio para min
colgábame do pescozo o colexio de monxas
repuxado dentro da medalla que gañara por méritos propios:
silencio e bo comportamento.

Esta é unha historia terrible áceda e suxa
pero ata que unha non canta en alto
non descobre os pecados:

deixarei caer o vestido
para manchar as follas
será igual de noxento que pensar no bolo alimenticio
baixando a gorxa cada vez máis enorme penetrando
o estómago nos libros de quinto;
así é como maría jesús frega as escaleiras e coida a portería
mentres sor custodia atende a secretaría

chegan rumores de que a literatura en oitavo vai ser difícil:
non deixa poñer as tildes os puntos e as comas
ata o final do dictado.


Agora sei que todo o que escoitei naqueles días perdidos
era mentira.

O único que permanece indescifrable é o que ocorría dentro
do ximnasio ós mediodías e a vez que eugenia me ensinou
un pube incríblemente hirsuto ós once.


Tiven que escribir mil veces o meu nome antes de coñecerte
termita e pobre
porque o mundo vai por partes e esta relixión
digan o que digan

canta no inferno
coñece a tristeza de despois do sexo pero iso é un segredo
e tamén estes tacóns suxos do sábado mencendo.

Sem comentários: