A voz cobizosa non pode coa palabra,
que é un escachamento,
unha anguria, un témpano,
unha brétema covarde que invade Brigantium,
un claustro sereno.
Cada palabra é un beizo,
un peito, unha folla seca,
un agromar en azos de rebeldía,
un repousar do silencio,
un amencer brillante,
un verde triste,
un ocre,
un ouro mol que se bebe lentamente en cáliz sagrado.
Pasa o tempo e queda no ar un sopro,
con suspiros, risas, bagoas,
acochando o sangue quente
na soidade do camiño estreito.
Cando retorna: fire, ama e deleita
alporizando os ríos mansos,
atravesando centilantes lámpadas ,
penetrando en cada recanto ácido,
en cada celeiro escuro,
en cada cova estraña.
E vólvese fermento, gromo , grao
esperma milagroso
e sabia que embriaga
a lucidez dos homes.
.....................................Luís Viñas
Sem comentários:
Enviar um comentário