domingo, novembro 27, 2005

CASCA

Aquí nos basta abrir de par en par
a folgada camisa
e sentir na pel pura
a intimidade do aire.

A sincera caricia do vivir
esgaza a súa casca
e taxa moi polo alto
a valía dun pétalo.

Vede: ensánchase o arraigamento
na terra temperán, onde xermola
este apertado tallo
de malogrado xullo.

Arrastra o ávrego os seus esponsais.

A súa mendicante dote.

É neste instante
cando tendes a túa man aberta
para ofrecer o corazón benigno,
alleo a tanta blasfemia e amargura,
limpo de culpabilidade,
sen pedir nada a cambio.


Telmo Fiz

Sem comentários: