sexta-feira, junho 23, 2006

Noite de San Xoán







Unha lus de vida malvivida morre na noite máis curta
unha lus vermella que xurde no planeta da fogata
ese resplandecente caparazón espranza guindou criatura semellante
fóra do magma que queima miserias humanas
e medra combativo nas faíscas ergueitas en armas.
Voa ese chisco de lus no medio do fume que a ceiba en volantas
lanzada na adversidade estrelecida pra rompe-lo ceo a puñetazos,
avanza no vento indomábel á cabeza dun grupo de meigas
vestidas de negros farrapos e con boinas caladas,
voltas e rebiravoltas, escomenza a revolta
namentra-lo paxaro de lus fita a longa praia ateigada de formigas
estrañas, bébedas, espalladas na noite de lume;
mais a lus se marea ebriagada de vertixe e cansazo
e vaise deitar no berce do mar en calma
e baixa e baixa... e baila logo coas ondas
e non se apaga, velaí a tes meu amor incrédulo
esa lus ten ialma e non se apaga
esa lus é un desafiante amencer agochado na ría
esa lus leva un pouco de tódolos sonámbulos
seres infelices ilusionados con nada.
Esa lus, meu amor, nâo é coisa pequena
e agarda pescadores curtidos en naufraxios.
Esa lus voltará cando un novo día rebelde
prenda en nós (outros) pra enche-la terra de peixe.


Alfonso Láuzara

Sem comentários: