terça-feira, outubro 04, 2005

Veraneantes

Subsistían un único verán,
logo partían co maleteiro
ateigado, e nos ollos o brillo do mar
para deixar a estela dun ridículo acento
que nos falaba de lugares
onde nunca iriamos
-ás veces embargábanos a sensación de ser
emigrantes no noso propio país.
Eran a praia, a rúa e as noites
unha festa provisional:
o exotismo da beleza estranxeira
sucando as ondas en táboas de surf;
a electrizante novidade do top-less
na praia do Camping;
holandesas – as queridas dos emigrados-
emerxendo do mar
como escumosas afroditas.
Logo, cara a setembro,
desde o coche, brandían os seus panos
con un vaivén políglota.


Rafael Viñó

Sem comentários: