segunda-feira, setembro 05, 2005

Á SECA

Aí imos todos nós,
fisga ó riste, atallando polo indócil
carreiro cara a praia,
o mariño renxer da roupa,
o rozar os arbustos, e a ganada noite;
lambéndonos a herba os nocellos,
custodiados pola lúa en crecente.
O súpeto feixe de luz das lanternas
ilumina as hortas, as desgonzadas
cancelas encouzadas de salitre e choiva,
a ferruxe fósil das alambradas.
Non sei que me conduce ata este carreiro,
a esta noite de xuño,
faísca avivada pola memoria.
Non o sei. Disque é a nostalxia
De tempos máis felices.
Ti, que saibas, só admites a sospeita
dunha tristeza que arrastras aínda polo mesmo camiño.


Rafael Viñó

Sem comentários: