terça-feira, agosto 08, 2006

OSMOSE


III


Miles de bolboretas negras voan no ar denso e irrespirable,
o seu contido parece unha nube de po electromagnética
que atrae sen remedio nin sentido. Ninguén pode escapar
das redes das fermosas papilio macaón, voan e voan...
inquedas e nerviosas por todo o seu radio de expansión.
Teñen grandes ollos espirais e azuis inseridos nunha
cabeza triangular, as patiñas provistas de pequenas poutas
suxeitan todo o que poden comprobar quimicamente,
as súas ás brillan con reflexos prateados e dourados
nun fondo gris semellante ó universo.Necesitan glucosa
urxentemente e búscana en todo ser vivo que apareza
no seu espazo, xa que, ó non poder encontrar o seu elixir
sería a morte irremediable. Voan e voan... e tan pronto
como te atopen tocarán os sinos da fin, deixarán de voar
e a unha velocidade estrepitosa arremeterán sen piedade...
e logo, coa súa espiritrompa succionarán o teu sangue
baldeirándote pouco a pouco do líquido vital, debes
fuxir agora... poida que sexa demasiado tarde e esmorezas
coma folla caída en outono.
Olla ó teu redor e comproba o que che digo, se non é así,

pois mellor para ti xa que non te atacarán millares de
apollo parnassius negras senón que serán mortas
polo inverno glacial. Pero... onde hai glucosa sempre
haberá unha delas agardándote, a necesidade obriga
a inventiva que espreita nos currunchos do lado escuro
ou quizais o luscofusco neandertal. As bolboretas
son os cristais rotos do espello do gran salón escondido,
que existe no inconsciente do ser durmido, que nunca
visitas por temor a quedar encadeado. Afástate mentres
poidas dicho un amigo, que escribiu esta carta
e introduciuna nesta botella, para que chegue a ti,
logo de que navegue polos mares e os ríos perdidos.

rosanegra




Sem comentários: