sábado, julho 16, 2005

CANTIGA DO NENO DA TENDA

Bós Aires ten unha gaita
sobro do Río da Prata,
que a toca o vento do norde
coa sua gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na Rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo de estantes e caixas
ó longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposibel
na verde riba da Pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira de ágoa
mentres sete bois de lua
pacían na sua lembranza.
Foise prá veira do río,
veira do Río da Prata.
Sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non víu o inmenso gaiteiro
coa boca frolida de alas;
triste Ramón de Sismundi,
veira do Río da Prata,
víu na tarde amortecida
bermello muro de lama.
Federico García Lorca

Sem comentários: