Bos días, ciroleira en flor,
pasa, entra cos pes descalzos
na casa da mañá.
Recíbote cos brazos inocentes,
luminoso axóuxere silvestre,
titílante folerpa.
Benvida es foula de alborada,
agora que virutas
de luz se arremuíñan
nas túas pólas,
mentres estoupan
de fugaz asombro.
No teu colmado cáliz
xa nos brindas
ese teu froito en forxa,
o doce galardón
que aviva o noso sangue.
Espalla
a cinsa da abrasada noite
coas túas desposadas
raíces, puxa
.......... e sexa
un colmeal
de luz
esa nevada dinastía,
aceso
candil hoxe en sazón.
Consinte que me tenda no teu abeiro.
A miña gratitude
tamén medra contigo,
o teu costado,
ergueita nesa viva conformidade que agora
concede a túa milenaria salvia,
e fluír diluído
no callado xarope desta vida.
Telmo Fiz
Sem comentários:
Enviar um comentário