(Música: “As Ilhas dos Açores” de Madredeus)
... A Bego...
.... Non digas nada, nada
.... absolutamente nada,
simplementes articula movimentos deseguido
suaves na harmonía da vital paisaxe
move as nubes 100% algodón de vagar
pinta con elas belas figuras varias
voa, surca o ceo cos dedos mañosos
coas precisas pinceladas da fértil arte,
maxina iconos invisíbeis vaporosos,
oferéceme esa maina ondaxe
infinda no mar e nos campos
medra en ti mesma coma espiga,
óllate fermosa e radiante no espello do vento
na intrépida imaxe do aire.
.... Mais non digas nada, nada,
somentes éncheme de marea
ven, achégate, posúe paseniño
molla os graos de area arrexuntados
pola formiga da vida no paso do tempo
inunda esta praia inacabada
pequecha cala que quer ser golfo
ocupa biosistema de poros, móvete ceive avante
sulaga con savia salgada a quentura esquencida
polo sol na praia que agarda marea.
.... Non digas nada, nada
.... namórame calada.
Hei comprender nesta xorda soidade
a túa xenerosa e muda linguaxe estraña
de gratas sensacións e imaxes.
...... Non digas nada, nada...
simplementes escoita a cálida brisa
que descifra sensacións no lenzo da pel fina
nunha falcatruada de cabelo na faciana
pra te contar cousas mariñas
pra te dicir sen dicir nada
pra te marmurar caricias
na fonda dozura dos ouvidos
no salitre das entrañas.
......... Alfonso Láuzara
Sem comentários:
Enviar um comentário