quarta-feira, julho 07, 2010

Deambular polo mundo da escritura

.
Deambular polo mundo
solitario da escritura
é non sentir a soidade
por ser dela unha parte.

É perderse nun deserto
de palabras como areas,
que voan nas ás do vento
do sentido pensamento.

Verterse en lixeiras verbas
que se enchen como velas,
dun veleiro no que os soños
que non poden voar navegan.

Explorar o mundo da escritura
é atopar un universo sen barreiras.

É narrar vidas non vividas
e darlles a cor dunha idade...
o nome dun tempo...
o sabor dunha identidade...

Reflexionar sobre décadas
inesquecibles, como a da infancia,
restaurando momentos perdidos,
crebados... ou abandoados.

Revolcarse entre verbas susurradas,
vivir unha paixón inesgotable,
incapaz de saturar ao dilatado
corazón namorado.

É perderse entre siluetas arquitectónicas,
camuflarse entre as tebras,
desentrañando xeroglificos das misteriosas sombras.

É nadar sen desacougo
nun mar sen fin, contido
nunha cunca cuia auga
é a sustancia do sentir.

.
....... - Susana Pazo Maside -
.

1 comentário:

Fabián Barreiro disse...

Gustoume moito, really.