Semello unha parasita
alugada na parte externa dos folículos
..................................................ddo seu cabelo
apreixada fortemente e chuchando nel
coma unha carracha teimuda
que permanece inamovíbel
na prezada extensión que a alimenta
succiónoo, igual que o vexetal
absorbe a humidade que lle dá a vida
Enriba súa, síntome unha insaciábel
..................................................chuchona
que adoita pendurarse das súas partes
e aferrarse coma un arácnido parapléxico
incapacitado para saír do microclima
que descubriu no medio das nádegas quentes
Debruzada, permanezo enriba do seu peito
Abrango un mundo de sensacións
e celebro a danza espasmódica dos orgasmos
na lene superficie do meu hospedador
Se cadra, son pequena de máis
e parasito con total impunidade
.........................................no copyright
tatuado entre os seus cadrís
mergúllome cara o fondo
e acomódome coma gasterópodo
adherido aos rochedos do litoral
fumego coma chama acesa
e fico sen cabeza, coa certeza
de ser sexo aberto, á espera...
A lentura posúeme
trócame nunha lagoa
cando me tombo na auga salgada
...........................................do seu pube
Estouro como un foguete en día de festa
ao ritmo que marcan os seus dedos
............................................. na miña pelve
No aquelarre, son cascuda Sherezade
e entrégome obsesa bailando en coiro
...............................................a danza dos sete veos
Chimpando, ás apalpadelas polo seu embigo espido
que bambea igual que un vimbio
no solpor que nos ispe de temores
e aprendo a comprendelo
enleada na súa lingua de amorodo
Aproximadamente son 50000 lambetadas
as que se rexistran na epiderme
.........................................50000 degoiros
expresados na longametraxe do seu corpo
Os debuxos multiformes
invaden este territorio de meu e
................................................avanzo
como un rexemento de formigas
.........................................facéndolle cóxegas
Conexa á miña lingua hai unha boca
....................................................mollada
que agarda enchouparse en min
Se cadra, sometereime
...........................pois convénme
Cruz Martínez
Este poema acadou o segundo premio no XXIII Certame de Poesía.." Feliciano Rolán". Convocado pola Agrupación Cultural Guardesa (A Guarda, agosto 2009)
3 comentários:
Deliciosa semántica cargada de sutilidades. Parabéns!
Fermoso poema, mais o sometemento nin por conveniencia.
Xermán Torres
Moitas grazas amigos, por entrar neste espazo e por dedicarme tan agarimosas palabras.Unha aperta!.
Enviar um comentário