quarta-feira, fevereiro 14, 2007

AS MÁSCARAS DE CRONOS


AS MÁSCARAS DE CRONOS

Aos que nos gusta poesía temos que agradecer este libro de Ramón Caride, onde cada páxina é un descubrimento que afonda no transcendente ou un percorrido polo cotián que transcende, unha poesía feita de sentimento, do intensamente vivido, de instantes felices, de mancaduras e de naufraxios.

Atopámonos reflectidos nesa arcadia perdida da infancia, un universo que desaparece languidecendo nos derradeiros saloucos, no erotismo contaxiante e fermoso de natural que aparece. Caride escribe da vida, do amor, da filosofía profunda que conmociona o ser humano, con esa contemporaneidade que nos muda día a día . E para iso despréndese de corsés literarios, das modas ou estruturas anquilosadas e sorpréndenos coa frescura, coa búsqueda arriscada e aínda co xogo lingüístico.

Ten o libro un sentido de antoloxía, de recompilación, onde viaxa a través de distintas etapas vitais e creativas que son unha crónica, en saltos da nostalxia na invernía aos veráns das ilusións. Cinco libros: Cerne de labaradas , Flor no deserto, Xeografías do sal, Diacrónica e Addenda que abarcan de 1994 ate o 2005 recolle neste volume, que reflicten distintas etapas creativas que nos mostran a súa evolución como poeta e nos transportan. Hai nos seus poemas o compromiso, a autenticidade que sae dos propios enigmas existenciais: “Alimentamos soños comendo pan e aire/as mentes con escáneres que explotan as fronteiras/.....”
Fuxe do puro formalismo para indagar na fondura poética: “Non fun quen de achegarme sempre fixen poesía / coa lama non coas pedras de eterna consistencia/ non achei a poesía nas páxinas dos libros/ senón antes nos ollos cando sobran as palabras/....” e eu atopo un retrato de inverno, mar e pedra dun pais que tal vez xa non exista.


Luís Viñas
Vigo, 14 de febreiro do 2007

1 comentário:

angel utrera disse...

Non son demasiado bo, escibindo en Galego, gustame leelo, mais na poesia custame demais, polo que non teño costume de lela.
De calquera xeito, vou ver si poido mercar o libro, xa ain falar antes bastante ben del.....
Unha aperta, para ti e os teus amigos, dende a tua terra chica, onde aninda seguen en pé os nosos Pendellos.
Angel.