quarta-feira, outubro 25, 2006

Chiapas, a loita dos invisíbeis

A VIDA DOS ZAPATISTAS 12 ANOS DESPOIS DO INICIO DA SÚA REVOLUCIÓN.
Ninguén mira aos indíxenas mexicanos agora que calaron as súas armas. Non teñen dereitos, e só o Exército preocúpase por eles.

Aínda que o son dos fusís estea apagado e xa non esperte interese á outra beira do Atlántico, en Chiapas (México) as espadas seguen en alto, e os dereitos dos campesiños que se ergueron en armas en 1994, en baixo. Foi o que viu o redactor deste artigo no seu traballo coma observador internacional este verán na comunidade zapatista de Las Tacitas.
Nesta aldea de 200 habitantes, no corazón da Selva Lacandona de Chiapas son as 11 da mañá. Manuel saíu a traballar a terra hai cinco horas. Ao ir, un retén militar parouno, burlouse del e rexistrouno. Xa non hai guerra, mais os militares cercan aos zapatistas e métenlles puntadiñas a cotío. Manuel só levaba un machado para partir mazarocas e pozole, unha papiña preparada pola súa muller. Volve catro horas máis tarde cunha colleita no lombo e un sorriso sempiterno na boca, que esconde o seu cansazo. Convídanos a café na súa casa, que é de madeira e leva pintada a foto do Che na porta. El, sendo un chamaco (rapaz), colleu un fusil no 94. «Éramos invisibles para el mundo. Nos pusimos un pasamontañas y ya nos miraron». Coma un neno somnolento di que a loita é lenta, que el non verá a luz, que será para os seus fillos. Tamén cre que os zapatistas están mellor porque xa non pagan ao señor da facenda por labrar a terra. Os zapatistas botárono. Mais a Las Tacitas non chegan a luz nin a auga, nin hai médicos, nin estradas, nin outro traballo que non sexa partirse os cornos na terra. Hai unha escola, mais sen mestre, así que os rapaces só van a clase cando na súa comunidade hai observadores internacionais para dar a clase. Iso fixeron este redactor e outros dous voluntarios en LasTacitas.
Diciamos que eran as 11 da mañá e cando non hai mestre, os rapaces –o único que abonda en Las Tacitas– perfeccionan a súa puntería co tirachinas, xogan cunha serpe velenosa que afirma a súa valentía ou axudan nas tarefas domésticas. Os fillos de Manuel soben do río á súa casa un balde de auga cuxo peso obrígalles a facer zigzag. A súa nai, Tomasa, lava no río. O seu traballo non remata nunca. Leva a Pancho, o seu fillo menor, atado ás costas. É unha bela muller indíxena. Ten «25 anos ou así», xemelos de futbolista e dentes negros. Evidentemente, en Las Tacitas tampouco hai dentista. Conta cando de pequena viu en persoa ao líder do zapatismo, o Subcomandante Marcos. As mulleres tamén son guerrilleiras. Se algo pasa, elas deixan aos fillos na casa, os homes gardan o machado e ambos os dous collen o fusil, hoxe escondido e sen ganas de saír. Hai anos, o Exército Zapatista de Liberación Nacional comprometeuse a esixir os seus dereitos pola vía política.
O Sub Marcos leva un reloxo que marca as 11 e outro que sinala as 10. As dúas horas do zapatismo: a das 11 é a hora da loita, a do EZLN. A das 10 é a hora dos cidadáns. O soño zapatista é prescindir do reloxo das 11.
As 11 da mañá. Hai 4 horas que amenceu na Selva Lacandona. Un campesiño zapatista, ao que os observadores invitamos a tabaco, cóntanos que chaman «la larga noche de los 500 años» ao período que vai dende a chegada dos españois con Colón ata 1994. Chiapas está esquecida. O mundo lembrouse dela espertado polos disparos. Alí segue amencendo, mais entón só escoitase o galo, e este só esperta aos campesiños.
O neno que leva un sabio dentro
O indíxena guerrilleiro garda un sabio e un neno dentro. O seu rostro da cor da terra anénase cando ri e arreza si se tercia. Báñanse espidos no río, gargallean inocentes e provocan calafríos ao pensar que, cando é preciso, empuñan un arma. Nos desfiles militares, os zapatistas atan unha venda á boquiña do seu fusil. «Amordazamos nuestras armas porque no queremos que las pistolas hablen. Queremos que hablen las palabras», explican. Polo sabio falan, e polo neno, agora as súas armas están gardadas.
Unai Etxebarria
20minutos. Mércores, 18 de Outubro de 2006 (páx. 10)

Sem comentários: