sábado, setembro 02, 2006

OSMOSE



IV

Hai uns ollos perdidos no espazo nas noites pechas,
unha ou varias faces que vixían na espazosa nocturnidade.
Ollos que fitan nos soños de Uxía, a perseguen quizais
dende o inconsciente da nostalxia e a atrapan no círculo
fechado da indixesta e corroída era primaria.
Se cadra sexan pantasmas reais bañadas do medo
do existencialismo.
Mirando a escuridade e paseando polo corredor da nada,
cómpre debuxar o abismo infernal que se prolonga
nunha espiral oblicua e ancestral, e observando
o plenilunio do homo apagar, o tempo sinala o incesto
ou o ceo caído no inferno. Fixando a vista na anatomía
dormida nas sabas dunha noite xa esquecida,
dende a ponte ergueita do río renace UXÍA
que soña e ...soña na caída estudada da suspensión mental.
Só a pantasma chea de sombra pode coñecer a enigmática
visión onírica de Uxía, só unha pantasma...
e esa alegórica presenza son eu...
As horas esvaran polas paredes da habitación
coma pequenas pingas de suor, e semella que tales paredes
teñen vida propia nun mundo inventado pola imaxinación.
E pronto sucede, pronto... un berro rompe o ar ... un berro....
Non pode ser, - ¿quen está aí, quen?... e esperto do pesadelo
inconsciente e respiro entrecortadamente, polo medo
e a impotencia, foi outra ilusión a que espiaba dende
a estrada da pescuda L–128. O corazón palpita
tan rapidamente que case sae do peito, pero pronto
entro na realidade e volto a estar tranquila e somnolenta,
polo que no derradeiro expiro expulsado da secuencia
torno a durmir sen máis. Non son Uxía, son a aurora
baseada en pentosas e secuencias nitroxenadas do ADN
sísmico que me atormenta.
E a noite prosegue sen máis coma tantas e tantas veces,
un corpo dorme e unha mente examina os recunchos
escondidos pola néboa.

rosanegra

Sem comentários: