Hoxe é onte
A choiva erguera a súa man
con medo a mollarnos
quizais por iso estaba triste…
A noite chegara máis cedo que de costume
e os seus dentes asemellaban estrelas orfas…
Todo era silencio no silencio…
Hoxe é onte
A lúa durmía fora do cadro
porque xa non quedaba pintura para ela
e eu… estaba canso. Estou canso.
Uns ollos vixiaban dende o norte
sementando gotiñas de luz,
pequena esperanza para o verde froito.
Unha barca espida apalpaba a terra
con húmidas lembranzas de sal e escuma.
E as árbores, moi serias,
estaban fartas de tanto conto
e axitaban teimosamente as súas follas
no intento imposíbel de voar lonxe.
Onte é hoxe..
Todo está creado
incluso antes de que eu o imaxinara.
O ceo xa era cárcere antes de que eu nacera,
e as estrelas morren nunha eterna caída
que nunca chega.
O mar está incompleto
e o seu corpo esvaecese nos recunchos dun marco
luído polo azo esborrallado.
Todo é pasado castrado
nesta comitiva de barcos fúnebres
e ollos aboiados.
Onte é hoxe
Por iso non atopo ríos novos
cos que me arrolar
neste infindo e mudo mundo
Todo é silencio no silencio
Os meus segundos son intres de desacougo
que apreixan a alma debuxada
E eu… estou canso. Estaba canso.
Mans constrúen ondas
que veñen morrer xunto a min
E os paxaros gardan a súa voz
cando intúen o meu corpo.
Nada podo facer para cambiar isto
Nada puiden facer
para cambiar isto.
Hoxe é onte.
Miguel Ángel Alonso Diz
Sem comentários:
Enviar um comentário