quinta-feira, setembro 17, 2009

O DESPROPÓSITO (Unha ducia de razóns)

Todos piden motivos, razóns, explicacións
e aínda que a avoa sempre me dixo que era
unha rapaza lista, listísima;
a verdade é que desta non atopo os porqués
nin sequera facendo mesuras intelectuais.

Que como non dou amado ninguén?
¡Quen sabe! Se cadra en lugar de corazón
teño un vulto de oxalato que respira como os peixes
só cando está embaixo da auga,
medio afogando.

Que como non dou camiñado máis apresa?
¡Quen sabe! Se cadra en lugar de pés
teño equilibrios de papel,
que só funcionan
cando están no aire.

O caso é que non podo
e me parece un gran despropósito
que Deus, que miña nai, que todos;
me pidan que faga aínda máis do que alcanzo
do que dou, do que regurxito desde a alma, desde o alento.

Si, quizais si.
Quizais as cousas deberían ser doutro xeito;
deberían ter sido doutro xeito.
Probablemente son demasiado nova para tanto peso
ou demasiado vella para tanto pesar.

¡Que lle imos facer!
A vida non permite reclamacións,
nin devolucións,
nin ten sequera
período de garantía.

O que nos toca, tócanos
e xa está.
Non hai volta de folla,
nin de páxina, nin de maneira de ser.
Eu escollín esta forma de estar no mundo.

Se alguén quere,
se queredes,
podedes culparme por esa elección
mais non por outra cousa.
Por outra cousa si que non.

ANA VALÍN

Sem comentários: