sexta-feira, abril 17, 2009

MEDO Á LIBERDADE

.
O corazón da besta nace no medio, xusto onde o amor pon o seu vestido máis fermoso. Cando ELA leva o traxe azul todo o teito da casa semella unha cunca celeste, sopa de estrelas eslamiadas como a cara que se che pon cando non miro dentro de ti, aí onde doe, onde os medos teñen forma de persiana caendo.

Atravesando as paredes do teu corpo non dou coa alma, non a vexo por ningures.
Ás veces a alma da xente é só unha superficie rugosa.
Saca as mans de dentro das potas, deixa o lápis de ollos e non te pintes coma unha exipcia, que estás botada a perder!

Deixa a cousa estar, que iso non se pode dicir. Non debes. É mellor calar.
SILENCIO. Cala, que calada estás máis guapa. Non digas nada. Deixa que as deformacións acaden o seu punto álxido e vaite, vai indo, como a aurora cando o sol de zinc se lle bota enriba.
Así, así mellor. Coloca as cadeiras na parte esquerda do cerebro, e pecha a porta da sentimentalide que aquí son todos burócratas, de burocracia.
“No me digas? No me lo puedo creer? En serio?”

Deixa que o seu desprezo caia coma un manto. Hai desprezos que nos sitúan lonxe. Pero non interesa estar nun espazo podre de poder.

“Hay un sitio para cada cosa y una cosa para cada sitio. A ver si te enteras, que pareces tonta!”

Mira que non entender algo tan simple. Pero ELA pensa sempre que é mellor saír da coraza que laiarse e andar polo chan coma os vermes. Acariña o lombo dos que están desfeitos, sente a súa radical e extrema pobreza. Ser pobre é unha dimensión descoñecida en Eurarquia. Os eurarcas nacen nas empresas e venden cartos e hipotecas a prezo de saldo. Nas súas cristaleiras publicitarias fan tapetes con fío de liño extraído da terra. As cousas fermosas veñen todas de aí, da terra, pero os eurarcas cren que o leite sae dos cartóns e aliméntan as crianzas á forza de tetrabrik.

Non sei porque ELA sempre relaciona isto coa idiocia.

Idiocia: estado de estupidez mental que nos impide discernir, detectar a fraude por máis evidente que esta sexa.

Nun mundo multicolor prefabricado. Aí queremos vivir. Non no da abella Maya, "a amiga de Willy", non. Tampouco non a de Picasso, coa cara deforme e tan estraña, non. Anque, pensándoo ben, talvez non fose tan rara, se cadra Picasso víanos tal e como somos…

Por iso, esta necesidade de aire.

Daquela bícame. Logo tamén, segue a enredarte na miña boca e fálame cos ollos de animal que tes. Mmmm… Sábesme a algas e sal.
Que doce sentir golpes de oxíseno entre os teus dentes e esquecer a rutina de ser consciente ou deixar de concentrarse nas raias das xirafas!

Decidido: vender a casa e os discos, lanzarse nun paracaídas pola ventá dun segundo piso, contemplar as sombras debuxadas no teito das casas, no faiado das cabezas da xente, nos caborcos lingüísticos de axentes contaminantes.
Prometido.
Ha disentir para rachar a porcelana toda.

.
........................... - Rosa Enríquez -

Sem comentários: