domingo, fevereiro 01, 2009

Un contiño de María do Caramelo

.
....... Andrè
.
Dicíanlle André, e era capaz de converter o sol en manteiga. Andaba todo o día a camiñar o mundo enteiro. A sua máis grande obsesión era non pasar duas veces polo mesmo sitio, disque se pensaba riu. Nacera coma tódolos nenos, andivera aos niños, xogara ao trompo, coleccionara chapas… afeitárase por primeira vez, convidara a algunha moza a gaseosa, e ata levara algunha outra á casa despois do baile… E un bo día embarcou cara ao Gran Sol. Unha marea nomáis. Algún que o acompañou na travesía contou que en canto vira como a terra ía desaparecendo André non voltou a pechar os ollos, quedou toda a marea cos ollos abertos ainda cando dormía no catre deitábase cos ollos abertos. Disque tiña medo de non voltar a ver a terra. Cando por fin voltaron a porto André pechou os ollos e empezou a camiñar, nomais precisaba alonxarse daquel cheiro salgado a inmensidade que o envolvera durante tanto tempo. Dende entón, André camiña a escuras polo mundo, sen querer pisar onde xa pisou para non voltar estar nunca onde xa estivo. Hai quen di que non abre os ollos, porque convertiría o sol en manteiga e entón, o mundo, acabaríase.
.

Sem comentários: