domingo, fevereiro 08, 2009

Impresionante homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

.
"Beizón, mercedes, grazas e obrigado"
"A parte final comeza agora. Espero que esta derradeira volta do camiño me resulte tan feliz como o son para min estes instantes"
"Estou orgulloso de ser un que camiña á par de vós neste treito da historia"
Esas foron algunhas das palabras de agradecemento pronunciadas ao final por un Ferrín tan humilde coma inmenso.






O mundo intelectual e cultural rendiu homenaxe a Méndez Ferrín o pasado venres no Centro Social Caixanova en Vigo, co gallo do seu 70 aniversario. Un acto moi especial e inesquencíbel moi ben conducido por un xenial Anxo Angueira; e no que interviron tamén maxistralmente Francisco Fernández Rego, Antón Santamaría, Rosa López, Xabier Cordal, Darío Xohán Cabana e Ramón Lorenzo. Tampouco faltou a voz e a guitarra do Leo de Matamá interpretando a famosa canción de Suso Vaamonde adicada a Castelao e mais a Internacional moi enxebre, nin o Himno galego acompañado da gaita de Iván Area e cantado por tod@s. Asistiron á cerimonia familiares, amig@s, escritores, políticos, estudosos e persoeiros do mundo intelectual e cultural, en particular Xosé Manuel Beiras ao que lle une unha entrañábel amizade. Un merecidísimo recoñecemento público para unha das figuras máis brillantes da cultura galega.
Compañeir@s de A Porta Verde tamén tivemos o pracer inmenso de asistir a unha homenaxe tan emotiva, formar parte dese xénero humano que ateigaba o auditorio, e poñer todo o noso afecto na gran ovación atronadora que pechou o acto. Parabéns Ferrín, sempre!
.

Sem comentários: