quarta-feira, setembro 17, 2008

A QUEN AMA O TEU CORAZÓN?

Cando se pechan as luces da cidade é cando o corazón escoita os sons que veñen de lonxe reclamando un minuto de atención. Remata un día e unha case chega a pensar que tamén remata unha historia. Hoxe, nesta noite, haberá quen morra só e sen ter amado xamais e haberá quen tema esa parálise dentro del porque non quere, non pode, nin sabe, cómo despedirse da persoa amada. Iso demostra qeu estou no certo. A vida só é un consumo de enerxía tratando de atopar a maneira de encher os baleiros espidos que nos compoñen. A vida só é unha loita case infinita por lograr sentir, aínda que sexa un atisbo de algo, unha diminuta preguiza que parece querer espertar, un bico na meixela, e logo, máis tarde (se hai sorte), sobre os beizos. Ao final, a vida non consiste máis que en acadar a capacidade de querer.

Quizais por iso sentín tanta pena por aquel rapaz cando o coñecín. Estaba na cama, durmidiño de todo e con escasas opcións para abrir os ollos e mirar aos meus. Hai anos que son voluntaria no vello hospital de Conxo e alí cambio as flores marchitas dos que temen vivir pero non queren tampouco morrer. Carliños era un deles. En cama, a súa existencia pasaba por non ter acenos que contar co rostro; nin un sorriso, NADA. Os pais viñan ben cediño para marchar de madrugada. Cada hora era o fin dunha esperanza por recuperar ao fillo perdido. Pero é o que eu digo. Se un non se ve capaz de notar o calorciño crecéndolle na alma para que a vida? Se cadra -moi probablemente- Carliños, cando viu a moto caer enriba seu non se apartou, porque... para qué seguir intentándoo se a muller que un escolle, decide fuxir o día da voda con outro home -quen sabe quen- para non retornar?
Ana Valin García

1 comentário:

Anónimo disse...

Agua de Mondariz = Moito Boa