
MANUEL ANTONIO
Tiñas o vento e a gueivota amigos;
a noite a teu redor por compañeira;
tiñas o mar para unha longa xeira,
e un amor sin amante e sin testigos.
.
Todo o tiñas de teu... e nada tiñas,
a non ser a fervenza do teu peito,
lastimado de lóstregos, maltreito,
polas salgadas virazóns mariñas.
.
Fuche e viñeche, coma quen atopa
un verso longo que, de proa a popa
vai retorcendo fíos para o canto.
.
E, cando un día te deixache quedo,
tiñas nos ollos un afán segredo
e nos beizos a frol do desencanto.
.
Coruxo, 22 de agosto de 1966
( Poesía galega completa, 1987)
Sem comentários:
Enviar um comentário