quarta-feira, fevereiro 27, 2008

A bruxa das Ghalanas II

Falta pouco para saber a verdade do que me arrastrou ata aquí dende lonxe. Xa tocaron ás doce sendo imposible atraer o sono. Tanto tempo fóra da casa dá morriña e señardade, e o que máis desacouga é o desaparecido anel da miña muller. ¿Daríallo a alguén?, non penso ir a ningures ata que saiba o sucedido, o meu criado quérea moito... é a noite a que fai pensar tolemias e enredar as ideas. Non vai frío nesta pensión e estase ben logo dunha viaxe tan extensa.
E pasaba a noite silente e serena para pronto deixar durmir a un canso peregrino. A noite é o gato negro, pero non é tal michiño é o demo que fai a súa correspondente visita nocturna.
– Escoita o que che digo bruxa! se queres seguir co teu poder. Perdeuse un anel nun bocoi pero ti non dirás tal cousa, vas dicir que foi entregado a un amante. E tal como dixo iso, saíu case que voando polo sitio que entrara. Perdéndose no manto do firmamento ou na profundidade da terra.
Mais non se imaxinaban que acochado na escuridade escoitara o máis importante da mensaxe. Corrín asustado e preocupado... deiteime ata o día seguinte que tornou a iluminar e a quitar os medos que atrapan os soños.
E o señor consultou a meiga. Contoulle a mentira que inventara o demo ou o gato negro. Saíndo anoxado colleu o cabalo e fuxiu, sen agardar polo criado nin escoitar as explicacións que intentaba dirixirlle sen éxito. Só o alimentaba a idea fixa de dar morte a adúltera.
Corre levado polo diaño e non é pillado polo meu faco. Mais tivo que parar en Pontevedra alí onda o río e agardar o barqueiro, para que o levase cara ao outro lado. Non quedándolle máis remedio que escoitarme e crer as palabras que case esgotado saían da miña boca. Cando chegamos á casa do señor revisamos a pipa que antes baleiráramos e alí estaba, o anel creador de todos os desgustos... o señor alporizado mandou que detiveran a meiga.
Hoxe un día calquera, fun presa pola garda civil e dende aquela desaparecida da aldea. Con iso crearon unha lenda silandeira que ninguén coñece, ou case ninguén coñece...
rosanegra

2 comentários:

Anónimo disse...

Ummm... qué mágoa que remate xa esta lenda. Tíñame atrapado.

a porta verde do sétimo andar disse...

Graciñas amigo Javi polas túas palabras.