quinta-feira, setembro 20, 2007

PRESENTACIÓN

A Porta Verde do Sétimo Andar aparece en maio de 2005 en pleno corazón da zona vella de Vigo, onde teñen lugar as primeiras tertulias informais. Axiña o Café Lenda Moura convértese no seu fogar bohemio, mais o espírito inquedo do grupo implicaba frecuentar tamén outros locais da cidade olívica: O Lar da Zoe, A Cova dos Ratos, A Galería, Uf... E así avanza no tempo un colectivo entusiasta con moito para compartir, sen perder o carácter divertido da aventura emprendida. Na pel poética transpiran os clásicos e latexa o anovador futuro inmediato.
A Porta Verde é un novo espazo creativo inter-netamente galego e galeguista e, ao mesmo tempo, con marcada e decidida vocación cosmopolita, vinculada sempre ao compromiso asumido, e aberto a todo tipo de expresións artísticas (mesmo interactuadas). Tamén interesado a cotío na procura de lazos de amizade con outros colectivos e culturas (Incomunidade, Andar21, Portugal, América Latina...). A porta verde sempre fica aberta para se airear ben de cultura fresca. Asemade a boa sintonía coas novas tecnoloxías vese reflectida na posta en marcha deste blog actualizado cunha intensa actividade, ata superar a barreira cibernética das 15000 visitas, con procedencias de case todo o mundo e unha destacada presenza do Brasil e máis de Portugal.
Arestora, despois de dous anos de poesía, decidimos sacar á rúa unha síntese escrita en formato impreso do noso (e voso) espazo creativo. E quizais unha folla en branco ao final marcaría o sentido pretendidamente aberto desta obra imperfecta e compartida que vos convida a tod@s. Poñemos con ilusión nas vosas acolledoras e inapelábeis mans este noso libro colectivo de poemas.


...................................... Vigo, setembro de 2007


http:// aportaverde.blogspot.com

e-mail:
aportaverde@gmail.com

2 comentários:

Anónimo disse...

Parabéns polo acto de onte, e bo camiño para ésta a vosa aposta pola Arte.

Anónimo disse...

Graciñas amigo