MUSASINADA
Foi cousa de pechar e abrir os ollos
soterrar un soño nas olleiras á espreita
botar unha ollada cara dentro do alter-ego
mergullar naquela luz arrubiada de
altericidio
onde fican os frustrados solpores sen
horizonte,
foi a teima de perseguir musas nos corredores
oníricos
seres de luz que foxen de poetas intrépidos
eses tipos que asinan poemas en cada intento
e recolleitan logo estrondosos voos de pombas
cada vez que invocan con versos a gaiola
onde outra musa suspira por escapar do peito.
Hai en cada noite escura un sol que brilla
sen tregua
para alumear este periplo de soños e
feitizos.
E vou entón coma couza delirante na procura
dun foco
ata que arrepío da luz que me cega nesta
escena de estrela
no intre mesmo en que a musa perde de vez o
alento, devece,
e na sombra deste poema unha mancha vermella
aflora
traza a figura máis bela do crime que me fixo
poeta.
Confeso que asino e asasino a criatura
mentres sorrío,
e fico esperto ollando fite a musa cadáver
que tamén sorrí.
(publicado tamén na revista Atenea, do Ateneo Ferrolán)
..................................................... (Alfonso Láuzara)
Sem comentários:
Enviar um comentário