sábado, abril 23, 2011

Colectivo SACOU e A Porta Verde: encontro poético en Noia!

.
Por xenerosidade do amigo Manuel L. Rodrigues e o Colectivo SACOU...

.
Xa están dispoñíbeis os videos do acto "Cartafol do serán 2011"; un nome que homenaxea a aqueles outros recitais que o Colectivo Sacou realizaba semanalmente na Casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia (Cartafol do serán)

.
Nesta ocasión; Sacou e A Porta Verde do Sétimo Andar uníronse o pasado 1º de abril nunha fermosa velada... que rematou con tapas e viños na Praza do Tapal. Compre agradecer a Luís de Vicente, a paciencia e o pulso... suxeitando a cámara durante todo o recital, para que, os que estabamos na mesa... pudesemos facernos vivos na rede. Agardamos que disfrutedes do evento!


Para ver os vídeos, clicade nesta ligazón:
.


Cartafol do serán


.

sábado, abril 16, 2011

LOIS PEREIRO

http://joseangelgonzalez.net/lois/Premer na imaxe para escoitar a Lois Pereiro

NOS TEUS OLLOS

Eu quero ficar morando nos teus ollos,
faíscas que me prenden en fite
cunha aperta de lume fume arrepiado.
Consumirme axiña, de vagar.
Pronta para acender a túa xanela
de lapas mornas, copo a copo,
que me fan abanear.
Ao son do seu asubío
berros mainos, esvaídos,
van saíndo sen marchar.

Eu quero ficar morando nos teus ollos.
Brazos longos, apretados.
Verbas quedas, silandeiras,
que súan risos suspirantes
suspendidos na sorpresa
do que sabe amar a presa.
Do que apresa, sabe e beixa.
Linguas co mesmo falar.

Eu quero morar nos teus ollos
mollados nos teus recunchos.
De viño, de auga, de mar.
E ollármonos cada segundo
chegando ao fondo do mundo,
piratas alén do alento.
Grolo a grolo.
Man a man.

Eu só quero mirar os teus ollos
e con eles,
contigo,
ficar.

Pili (Grupo Bilbao)

IMAXES DA PORTA VERDE EN MADRID

Pili (Grupo Bilbao)

A Porta Verde como na casa


Marga (Grupo Bilbao) e Miguel Ángel


Ramiro Vidal e Ana Cibeira



Marga


Alfonso Láuzara e Alberte Momán



Ana Cibeira


Alberte Momán


Miguel Ángel


Alfonso realizando a presentación



segunda-feira, abril 11, 2011

CANTOS VERDES DE MAR

Camiños de algas
en néboas habitadas
de soños, vestidas
de roupa de mar.

Paso por elas
pisando firmeza
por non esvarar
no verde dos cons.
Non quero durmir
contigo, saudade.
Hoxe non.

As nubes fuxiron
en gotas de choiva.
Orballo salgado
que as faces lavou.
Limpo e vermello,
sentindo o rubor
que proe
que cura
que doe.
que empeza a curar...
o meu rostro amosa
feridas recentes.
O enfado voou
a ritmo de fado.
Estiven rota e
cantaba mellor.

Asomeime ás rocas
sen querer voar,
por tocar a espuma
revolta do mar.
E coas mans molladas
saltei para atrás.
E fuxín da febre.
E deixei de cantar.

E agora estou aquí.
Sen medo a empezar
novas feridas
que están por chegar.

Alén das néboas
comeza a canción.
Coas algas soñando.
Máis viva.
Máis forte.
Mellor.



Pili (Grupo Bilbao)

NOVA VELLA

Son nova
máis non tan inexperta
como para non ver
a escuridade ó lonxe

Son nova
máis non son inconsciente
e atopo nos ollos do vello
un aquel ben coñecido



Marga (Grupo Bilbao)

A PORTA VERDE EN MADRID

Ana Cibeira, Alfonso Láuzara, Miguel Ángel, Alberte Momán e Ramiro Vidal

terça-feira, abril 05, 2011

A Porta Verde en Madrid... coa compañeira Ana Cibeira!

.
PRESENTACIÓN-RECITAL en Madrid

de

A Porta Verde do Sétimo Andar

.

Sábado, 9 de Abril ás 20:00 h.

na Librería La Marabunta (C/ Torrecilla del Leal, 32, Lavapiés, Madrid)
. .
Alí estaremos pois na libraría La Marabunta, no madrileño barrio de Lavapiés, da man da compañeira Ana Cibeira, para falar do noso espazo colectivo e presentar as últimas publicacións de A Porta Verde: "Sétimo andar, poesía alén" e o poemario "DE CASTRO" que abre a publicación periódica semestral dos Cadernos Q de Vián. O acto completarase cun recital colectivo. E aproveitaremos tamén, como sempre, para compartir experiencias e novas iniciativas con persoas e colectivos do lugar, para non perder o costume! Así que o convite é tamén para todas as persoas que queiran achegarse! A porta está aberta! Será un pracer!
.
Ademais, outra das novas importantes é a inminente publicación de Pintalabios, o primeiro libro de poemas de Ana Cibeira, que acollemos con grande entusiasmo! Edita Toxosoutos. Ficade pois atentos e atentas!

Ana Cibeira titula este libro Pintalabios, como unha chamada de atención sobre o que perdeu xa a categoría de excepcional revisando, a un tempo, o seu simbolismo, máis complexo do que podería parecer a primeira vista. Válese así dos tres elementos precisos para realizar o ritual: lapis, pintalabios e algodón - que son tamén as tres partes-materia en que se organiza o volume - e converte ao xesto nun deliberado reclamo sobre a boca, ese vestíbulo do corpo polo que entra o alimento e saen as palabras, o territorio macio onde interactúan en forma de beixo dous seres, o “cálido fogar/ aberto rabuño na carne/ delicada ó sul da face” - como fermosamente escribe a autora - que nos permite o sorriso, se contrae na dor e censura o pranto.
(do limiar de Teresa Seara) ..

sábado, abril 02, 2011

Colectivo Sacou e A Porta Verde. Encontro poético en Noia!







.
O 1º de Abril tivo lugar en Noia un sensacional encontro poético do Colectivo Sacou e A Porta Verde do Sétimo Andar, que celebraron un acto literario conxunto de presentación de ambos proxectos con recital poético e troula posterior. Cartafol do serán foi o título da iniciativa, na que tamén se deron a coñecer as últimas propostas dos dous colectivos.

.













.