terça-feira, setembro 06, 2011

Crítica, Desobediencia




Hai poemarios dondos, que te reconcilian coa vida e a especie humana, que che fan crer que un mundo mellor é posible. Porén, hai outros que zumegan icor en cadoiros interminables, que caotizan o pensamento e devastan o ánimo, como carazos punxentes que trepanasen os sangumiños todos. Os primeiros son bos compañeiros e débese procurar o seu lentor. Mais os segundos… os segundos, amiga, amigo, son unha revelación necesaria e inevitable.

Esa experiencia cegadora e terrible, esa espada versal de arcanxo vingador sentín eu alentar tras min ao ler Desobediencia de Rosa Enríquez, un dos mellores poemarios publicados dun tempo a esta parte.

Dende a cuberta mesma do libro —obra da tamén poeta Ana Cibeira, quen achega aquí un suxestivo collage como soarego— e, tamén si, as palabras imantadas do prologuista de luxo do volume, o escritor Anxo Angueira, un adquire conciencia plena de que se atopa perante unha obra singular, desusada, deliberadamente abeirada ás marxes, porque é nelas onde gurgulla o sangue, a vida, que na tradición iterativa xa deixou de fluír, putrefacta.

Comparecen, logo, as catro seccións (“Poemas que non din nada”, “Poemas que din todo”, “Des morceaux d’amour et tristesse” e “Quelques morceaux pédagogiques”) nas que se divide propiamente o poemario, dialóxicas, antinómicas e complementares. Nas súas planas debúxase a espiral de sombras dende a que a poeta (pro)clama a palabra, incendiando os tigres que asexan, fuxindo dos búfalos da incomprensión. É esta unha poética de gumes metálicos ourizados, insubmisa, provocadora, que sabe que cómpre loitar contra o imperio mercantilista de tanta cousa, de tanto obxecto como nos anega, que reivindica a superación dos ruídos e se afirma ante as trapelas xenéricas, que herda e reverbera en voces mil, lonxincuas, como, poño por caso, as de Badiou ou Lois Pereiro.


Hai versos neste libro que lostregan como rabeiras escorpias, vibrantes e imprevisibles, trífidos, afincados no tumulto sagro e violento das que saben que transitar os días sen desmesura e arredadas da Grande Nai vexetal non paga a pena. Por iso anuncian a loita, a extirpación umbilical dos fantasmas interiores, a desobediencia de Antígona.

Oracular, metapoética e epifánica, a Rosa Enríquez de Desobediencia traspasa rexións escuras nos límites do inefable. E, desobediente, lembra ás compañeiras de viaxe en “Nada para comenzar” o mantra liberador:

Só ruído. Palabras feitas de metal-vibrantes e imprevisíbeis.

E nós aí-debruzadas na sombra.

Sagradas e violentas. Co run run dos tigres na cabeza.


Fillas do tumulto é que nos proclaman. E berramos.


CRITICALIA

http://armandorequeixo.blogaliza.org/2011/09/06/rosa-enriquez-trifida-e-escorpia/#more-1526

Sem comentários: