terça-feira, janeiro 19, 2010

Road Movie


Road Movie (Alberte Momán. 2009) Un Jim Morrison imaxinario, que acompaña ao protagonista na viaxe iniciática do teatro. A presenza do Jim, causada polos medos provocados pola ruptura co coñecido. A separación da familia, contraria á elección escollida polo protagonista, o afastamento do que comunmente é recoñecido como dentro da normalidade, sempre indefinida e ambigua.
Unha road movie que transcorre entre escenario e escenario, cun único destino, o enriquecemento e a superación persoal, conseguidas despois da aceptación do eu, como ente dinámico e diverso.


sometimes I feel my skin
ás veces miro por detrás das portas
para buscarme

durante a viaxe
un nunca está seguro
de non terse esquecido noutro lugar
apálpase os membros
impregnándose da esencia do seu propio corpo
confiando en sentirse aínda
como nun principio

Jim quita a roupa
no seu caso non é pouco frecuente
buscando aquelas partes que na súa vida
xogan figurar no pasaporte

as formas son todo ou nada
como un xogo de azar
no que apostamos a perdernos
aló onde a simulación
nos ocupa por completo

recuperando os nosos corpos
ás poucas horas
sorrimos con mímica
procurando unha cor non moi rechamante
para os nosos rostros
e proseguimos tras abrazarnos
cunha pose exclamativa
e un interrogante no rostro

Sem comentários: