quarta-feira, dezembro 19, 2012

Vattene






Os Q de Vian cadernos, no seu número 12, editan Vattene!, terceira entrega narrativa de Alberte Momán.

O propio autor sobre a obra:

Achegándome á máis próxima realidade sociopolítica, sitúome na posición cómoda dunha clase media, nun sistema político mixto, durante o tempo da grande falacia do estado do benestar. A posición cómoda dunha clase, que non oculta ás súas avantaxes fronte aos máis desfavorecidos, os desprivilegiados (que din en Portugal). Da comodidade que proporcionan uns servizos públicos gratuítos, e unhas prestacións sociais que garanten, ou cando menos deberían garantir, unha vida digna incluso no desemprego, na enfermidade ou na vellez, o que some na máis absoluta cegueira aos beneficiarios privilexiados da estrutura. Todo cambia, segundo se achega o punto de inflexión do neoliberalismo. A catarse que deixa desprotexida a esa porcentaxe importante da sociedade, sen todos eses recursos que lle proporcionaban estabilidade, coa espada de Damocles do desemprego, a enfermidade e a vellez, abalando sobre as súas cabezas.
Esa nova situación, fai que o protagonista recupere a visión, nunha viaxe que o levará a descubrirse a si mesmo, ademais da realidade que até o momento de perdelo todo ficara oculta. Unha viaxe que comeza cuns primeiros pasos inocentes, que o obrigan a ir tomando decisións, erradas moitas veces, pero que lle van descubrindo a súa traxectoria persoal, o sentido da súa vida.

Presentación editorial:

Trala desaparición de Alexander Hartdegen, o seu secretario, coidando ser beneficiario da súa fortuna, comeza unha viaxe que o devolverá á miseria máis absoluta, e pola que terá a oportunidade de coñecerse a si propio, ademais de imbuírse dun mundo do que descoñecía todo ou case todo. Créndose dono daquelas palabras de Whitman, nas que aseguraba ser o problema e a solución do problema, afonda no seu conflito interior coa fin de aniquilar ás súas propias pantasmas, que non distan moito dos medos que debe afrontar calquera individuo que comeza a descubrir a luz despois dunha cegueira prolongada.
O surreal como superación absoluta da percepción humana da realidade. Eis unha historia, unha aventura que se mergulla nas miserias humanas.

Distribución: Consorcio Editorial Galego S.A.
Outras encomendas: http://shop.ofigurante.eu/pt/43-vattene-9788415164784.html

Sem comentários: