quinta-feira, agosto 10, 2006

Luar no peito





Muller do luar sinistro
prolifero quenturas
inquedo, cando te vexo
pois lanzas olladas pirómanas
cando me fitas tan preto.
Muller que me bicas a ialma
cando me bicas, invocas desenfreno
cos teus beizos de fogo,
e ofrécesme un ceo de altura
co teu luar pequecho no peito.
Muller que galoupas acompasado
dacabalo do meu puro nervio
e medras oblicua, tersa
muller miúda e sen lindes
percutes entre os meus brazos
inmensa ....... espida
na procura do sétimo ceo
onde me levas con tremores de vertixe.
Peitete-cereixa ollando firme
darriba-abaixo, dabaixo-arriba.
Feitizo do luar que palpita
na esquerda do peito novo e feble,
arde na neve o luar-no-leite
atrapado polo meu bico épico
fundido, pulverizado, fervente
no xenuino luar do teu peito.
Móveste na miña cazola de cobre
picante e salgada, Barbantesa,
coma o polbo á feira.

Alfonso Láuzara

LUME FORESTAL NUNCA MÁIS!!

Galiza é vítima estes días dun ataque terrorista
perfeitamente organizado, ruín, brutal e desleigado!
A quen beneficia e a quen perxudica?
Que escuros intereses hai detrás?
Quen son estes terroristas sen rostro?
Esiximos xustiza e implacábel represión penal!

- Sc. Afonso trece -

Inferno de covardes

terça-feira, agosto 08, 2006

OSMOSE


III


Miles de bolboretas negras voan no ar denso e irrespirable,
o seu contido parece unha nube de po electromagnética
que atrae sen remedio nin sentido. Ninguén pode escapar
das redes das fermosas papilio macaón, voan e voan...
inquedas e nerviosas por todo o seu radio de expansión.
Teñen grandes ollos espirais e azuis inseridos nunha
cabeza triangular, as patiñas provistas de pequenas poutas
suxeitan todo o que poden comprobar quimicamente,
as súas ás brillan con reflexos prateados e dourados
nun fondo gris semellante ó universo.Necesitan glucosa
urxentemente e búscana en todo ser vivo que apareza
no seu espazo, xa que, ó non poder encontrar o seu elixir
sería a morte irremediable. Voan e voan... e tan pronto
como te atopen tocarán os sinos da fin, deixarán de voar
e a unha velocidade estrepitosa arremeterán sen piedade...
e logo, coa súa espiritrompa succionarán o teu sangue
baldeirándote pouco a pouco do líquido vital, debes
fuxir agora... poida que sexa demasiado tarde e esmorezas
coma folla caída en outono.
Olla ó teu redor e comproba o que che digo, se non é así,

pois mellor para ti xa que non te atacarán millares de
apollo parnassius negras senón que serán mortas
polo inverno glacial. Pero... onde hai glucosa sempre
haberá unha delas agardándote, a necesidade obriga
a inventiva que espreita nos currunchos do lado escuro
ou quizais o luscofusco neandertal. As bolboretas
son os cristais rotos do espello do gran salón escondido,
que existe no inconsciente do ser durmido, que nunca
visitas por temor a quedar encadeado. Afástate mentres
poidas dicho un amigo, que escribiu esta carta
e introduciuna nesta botella, para que chegue a ti,
logo de que navegue polos mares e os ríos perdidos.

rosanegra




segunda-feira, agosto 07, 2006

Viaxe ao país das nubes

Atención, boa nova! O noso querido compañeiro e amigo Manolo Pipas xa ten o seu tan agardado novo libro na rúa. Promete interesante!

CONTRAPORTADA:

de pura arcilla os camiños

el color de la madre tierra

puros soños dos meniños

.

mil estrelas sobre o planton

mil petates mil cobijas

mil abertos corazons

.

"o libro das miñas experiencias por oaxaca
xa esta na rua pues
poemas fotos do autor
un chingo de frases d@s amig@s desmadrados
e ilustracions de pedro i eva" (o autor)
.
PRESENTACIÓN
Venres, 11 de Xullo ás 21:30 h.
na Cova dos Ratos (Rúa Romil, 3 Vigo)
Parabéns Manolo!

domingo, agosto 06, 2006

Cruz Martínez

Os zapatos de taco alto apertan moito
así a todo, axusto aínda máis
os meus pés de moneca e pego un
.................................................pincho
os brincos deixan pegadas nos instantes
.........................que xorden intempestivos
As tépedas néboas dormen
no colo da chambra de veludo azul

Terceiro premio "Eduardo Chao", 2006

sábado, agosto 05, 2006

O MOTORISTA

Isto é vida meus amighos!!!
rosanegra

quinta-feira, agosto 03, 2006

Agosto

Agosto.
Contrapoñentes
de melocotón e azucre,
e o sol dentro da tarde,
coma o óso nunha froita.

A mazaroca garda intacta
a súa risa amarela e dura.

... Agosto.
Os rapaces comen
pan moreno e rica lúa.

Rafael Alberti
(versión galega de Alfonso Láuzara)

terça-feira, agosto 01, 2006

O alecrín



Alecrín, alecrín dourado,

que naceu no monte sen ser semiado.

Ai, amor, amor!

quen che dixo a ti

que a fror do toxo era o alecrín?

Alecrín, alecrín dourado,

que naceu no monte sen ser semiado.

Ai, amor, amor!

quen che dixo a ti

que a fror do toxo chamábase así?

(canción popular galega)

domingo, julho 30, 2006

VI Ediçom do Festival da Terra e da Língua ( Narom)

Houve um debate para reivindicar a dignidade da nossa cultura e a nossa razom de ser.

Recital de poesia


Sábado 29 de Julho
Moinho do Pedroso em NAROM




De esquerda a dereita as poetas: María Lado, Cruz Martínez, Ledicia Costas, Antía Otero, Elvira Riveiro Tobío rosanegra e Miguel Vento da Fundaçom Artábria.

Terra e língua, o moinho do Pedroso foi por uns dias o espaço no que a diversidade, a solidariedade, a história, a poesia e por cima de todo o GALEGO.

Fotografías: rosanegra e Cruz Martínez

quinta-feira, julho 27, 2006

GALIZA nación

Concentras tanta fermosura nos ollos...
Ceibas tanta beleza na túa mirada...
E ás veces semella
que non tes ollos na cara.
Cega semella ............................... Gz
tan bonita mirada.
Todo alumeas cando espertas
mais non te enteiras de nada.
O mundo morre e ti NON saes dun soño.
Por que non? Galiza, terra do soño longo.

Alfonso Láuzara

terça-feira, julho 25, 2006

DÍA DA PATRIA GALEGA



25 de Xullo

Día da Patria Galega

Galiza, nación. Autodeterminación!

.

Saúde e terra á Nazón de Breogán!

domingo, julho 23, 2006

Oscar Pereiro no Tour de France

Magnífica actuación do ciclista galego de Mos (Pontevedra) no Tour de Francia. Tras unha carreira épica, protagoniza a maior xesta do ciclismo galego, conseguindo o segundo posto no podio final a menos dun minuto do gañador do Tour. Enhoraboa Campión!

7000 visitas!!

A PORTA VERDE
(ao completo, de esquerda a dereita)
Rosanegra, Cruz Martínez, Alberte Momán,
Abilio Rodríguez, Alfonso Láuzara e Luís Viñas

no Café Lenda Moura (Vigo)
compartimos
despois dun ano de poesía,
a fonda ledicia e satisfacción
de ter alcanzado xa as 7000 visitas
neste noso (e voso) blog,

con procedencias de case todo o mundo.
Moitas grazas
amig@s, colaboradores/as e visitantes!
A Porta sempre está aberta!
Pasade sen chamar!

sábado, julho 22, 2006

Rosa do deserto

“Rosa do deserto, atopar querías con que ferirnos, máis, coma o segredo que vai ceibarse, inclinábaste i era fermosa a orde que aceptaches dar i era o sorriso coma unha espada alerta. O ascenso do teu ceo animaba o universo, da túa espiña arrincábase o designio do camiño, o noso pulo insinuábase espido a posuírche, era doado o mundo, un simple latexo.”

Yorgos Seferis
(detalle de Javi Rai)

quinta-feira, julho 20, 2006

OSMOSE

II


Non sei, pero vexo nun gran deserto unha árbore caída.
Na cal grandes vermes fan dela o seu fogar; paseo pola
area que arde e me queima os pés. Un anano sae ó meu
encontro e logo de saudar ensina os seus dentes e ollos
vermellos coma o sangue. Non dá tempo a escapar,
mordeume o brazo que chorrea pingas negras de
carburo ou poida que outro combustible similar; o
anano sae correndo e intento curar a ferida aberta
que semella un río. O sol abrasador reflicte no meu
pelo roibo e a miña pel demasiado branca non
aguanta os raios ultravioleta, no meu delirio escoito
unha voz de muller que berra o meu nome,- ¡Mariooo...
Maariioooo!; a ilusión fai tolear unha mente xa cansa.
Pero, o peor de todo e que volta o pequeno sádico seguido
de moitos máis da tribo; érgome e corro sen mirar atrás,
sen darme conta que tras de min deixo un camiño negro.
Cando esgotado paro a respirar... decátome que estou só
nun gran deserto dunha habitación.

rosanegra



terça-feira, julho 18, 2006

Xogo ruín

Aquil neno
........... Pincháballe os ollos
ós páxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña

de ar e de lus,
ise rocío limpo
de mañanciñas frescas.

Logo botávaos
........... a voar
e reíase de velos

toupar contra o valado
da súa casa,
con un ruido
............. moi triste.

Creceu e foi de aqueles.

Luís Pimentel


- Memoria histórica e dignidade -
18-07-1936

segunda-feira, julho 17, 2006

Cruz Martínez

Às vezes temo a metamorfose
O brilho da moeda que nos arrasta ao presumível
domínio dum filho da puta por um mísero
...............................................................salário
Hoje toca-me dupla representação, os espectadores
.......................................................esperam ocorrências
Amanhã oscila entre preguiça e apatia
Ressona um despertador na mente como
........................................................um maço
Almanaques pirómanos de sonhos
delineiam maioritariamente a preto os dias

É tarde
Os semáforos sabem-no e fodem
mudando o verde permissível
por um vermelho que paralisa
Toca o sino, já está na hora
Mais uma vez a contenda de
.............................pontualidades e
..............................................atrasos
da diária jornada de perfeita proletária
.......................De cancelados direitos e
.............................de um montão de obrigações
Amanhã alcançarás o teu prémio
.......................subir ao céu dos idiotas
Mas esta certeza não é suficiente
..............................A fé perde adictos
Os comícios não convencem
As promessas tornam-se contos de fadas
...................................e levas um corvo no bico


3º prémio no Concurso literário e Artístico da AALF, 2003 (Freamunde, Portugal)

sábado, julho 15, 2006

O pasado nas horas

aló onde todo se reflicte
esvarando sobre si mesmo
e berrando
un poema


Alberte Momán
(Premio Rosalía de Castro de Cornellà)

terça-feira, julho 11, 2006

domingo, julho 09, 2006

O sacristán de Coimbra

O sacristán de Coimbra
facía mil diabruras: ................
[BIS]
mollaba o pan en aceite,
deixaba os santos a escuras.

E bate fado e bate ben. ......... (bis)
Ti é-la causa do meu desdén.

O mar tamén ten amores,
o mar tamén ten muller; ........
[BIS]
está casado coa area,
dálle bicos cantos quer.

E bate fado e bate ben. ........ (bis)
Ti é-la causa do meu desdén.

Eu quixera ser merliño
e te-lo pico encarnado ....... [BIS]
para face-lo meu niño
no teu cabelo dourado.

E bate fado e bate ben. ....... (bis)
Ti é-la causa do meu desdén.

- canción popular galega -

sexta-feira, julho 07, 2006

filo-café do Porto




1 de julho, Clube Literário do Porto.

Nós tivemos o privilégio de estar ali e gozamos de uma bela noite de verão.

Fotografías: rosanegra e Cruz Martínez

quinta-feira, julho 06, 2006

Volverase o mar de terra

Volverase o mar de terra.
Ese mar que foi mar,
por que seca?
Faranse chairas as ondas.
Ese mar que foi mar,
por que abre sendas?
Iranse alzando fiestras.
Ese mar que foi mar,
por que se alegra?
Darán portazos as portas.
Ese mar que foi mar,
por que resoa?
Iranse abrindo xardíns.
Ese mar que foi mar,
por que verdella?
O mar, que ten outra beira,
tamén volveuna de terra.
Ese mar que foi mar,
para quen sementa bandeiras?

Rafael Alberti
(versión ao galego de Alfonso Láuzara)

terça-feira, julho 04, 2006

Haris Alexiou (música)


Haris Alexiou (Grecia) é sen lugar a dúbidas unha das mellores cantantes que existen no panorama musical mundial. E dígoo sen reparo e sen medo a ser rexeitado por alguén. Ela é voz, é presencia, é emoción. Di as cancións, regálanolas envoltas en seda. A súa voz de fume derrámase en sílabas precisas e preciosas; palpita versos, apuñala sentidos, reclama soidades. Descubrila é sentir o hálito primeiro do desexo. Escoitala transmuta a materia en emoción infinda. Haroula (así chámaa quen a trata con amizade) créanos a necesidade de voltar a ela en cada intre. Mergullarse na súa Música é abri-los ollos ó noso interior descoñecido, a ese ser que descoidamos no día a día. Achegarse a ela é o primeiro paso dun longo camiño que percorrer na Música grega, un camiño cheo de grandes sensacións. Iso si, do noso baúl viaxeiro debemos sacar os prexuízos, eses que tantas barreiras crean arredor de nós.
Javi Rai
(para contactar con Javi: tragoudia@ya.com )

domingo, julho 02, 2006

Noite amiga




Noite amiga, aliada e cómplice
tes que chegar para acubillarme en soños
tapar con cortizas abertas en regos
a pel núa da terra inhóspita
e cando o vento chegue
fálalle baixiño
de paxaros ceibes
cabalos salvaxes
e lúas vermellas
que viaxan cara o mar aberto
na procura
da praia inmensa
onde habita ela...
escondida e soa




Luís Viñas

sexta-feira, junho 30, 2006

Cruz Martínez

Non tingas de azul a marxe da secuencia
.......................................................que me selecciona
Albisca as fauces que medran nos abruptos cons
que atravesan termos inconvenientes
Houbo un tempo que a mente se domeaba
coa fraxilidade dun sabugueiro
Rachaba diante da certeza dunha derrota, fendía
Agora, aprende o manexo das linguas
que gabean valados inzados de espiños
e asume as terribles escenas prendidas nas retinas
Logo saboreo a cervexa que acaricio entre os dedos
Baixo os ollos e medito na cor dunha nova saia
puntos suspensivos

Insisto, os tecidos naturais
teñen mellor caída

"Aínda son unha amante inconsútil"
Terceiro premio de poesía "Eduardo Chao" ( Vigo)

quinta-feira, junho 29, 2006

OSMOSE


I

Hai un home gris que fica perplexo no tempo e no espazo,
é pequeno e fraco e o seu sorriso enigmático trae tras de
si milleiros de paxaros negros. Non comprende o voo da
bolboreta nin o canto do reiseñor só mira a súa sombra
que o persegue pola habitación, a súa mente abrangue
centos de bechos que comen pouco a pouco o seu interior;
e baldéirano de tódalas estrelas azuis que contén. Mergullado
nunha espiral elíptica e maior afoga no interior da nada,
e busca saídas imaxinarias a non se sabe onde. Ese home
non ve as ventás que pechadas o miran víctimas da mentira;
só as pecha sen preguntar nin pensar, as fiestras o rodean
e pregan compaixón para poder respirar, e el non as olla,
fica cego e mudo ante un corredor que pasea sempre. O home
gris pisa pesadamente cranios e inspira o dióxido de carbono
que emana unha atmosfera tóxica pola chuvia ácida, os seus
ollos teñen as pupilas dilatadas e todo semella inflamación
permutada. As matemáticas non dan os números precisos
para a súa satisfacción e loita contra tódalas teorías que non
dan X= N, as ciencias non dan solucións e as ideoloxías non
están perdidas baixo a súa autoridade.

rosanegra

quarta-feira, junho 28, 2006

Tod@s contra o lume forestal!










(detalle de Javi Rai)

O ano pasado ollamos con desacougo como se queimaban enormes superficies de Galiza e Portugal. Esta é unha pequena mostra do desastre en terras de Verín. Este ano semella diferente. Ogallá non teñamos que volver a ver tristes imaxes coma esta. Logo de ter disfrutado co máxico lume de San Xoán... tod@s contra o lume forestal! Tolerancia cero cos pirómanos! Sexan duramente condenados e malditos! Son delincuentes terroristas!

Alfonso Láuzara


segunda-feira, junho 26, 2006

Oda ao lume

Descabelado lume,
(...)
estrela de ouro,
ladrón de leña,
calado bandoleiro,
cocedor de cebolas,
célebre pícaro das chispiñas,
can danado dun millón de dentes,
óeme,
(...)
Arde o teu nome,
dá gusto
dicir lume,
é mellor
que dicir pedra,
ou fariña.
As palabras son mortas
xunto ao teu raio marelo,
xunto á túa cola vermella,
xunto ás túas crinas de luz amaranto,
son frías as palabras.
Dise lume,
lume, lume, lume,
e acéndese
algo na boca:
é a túa froita que queima
é o teu loureiro que arde.

Pablo Neruda
(versión ao galego de Alfonso Láuzara)

sexta-feira, junho 23, 2006

Noite de San Xoán







Unha lus de vida malvivida morre na noite máis curta
unha lus vermella que xurde no planeta da fogata
ese resplandecente caparazón espranza guindou criatura semellante
fóra do magma que queima miserias humanas
e medra combativo nas faíscas ergueitas en armas.
Voa ese chisco de lus no medio do fume que a ceiba en volantas
lanzada na adversidade estrelecida pra rompe-lo ceo a puñetazos,
avanza no vento indomábel á cabeza dun grupo de meigas
vestidas de negros farrapos e con boinas caladas,
voltas e rebiravoltas, escomenza a revolta
namentra-lo paxaro de lus fita a longa praia ateigada de formigas
estrañas, bébedas, espalladas na noite de lume;
mais a lus se marea ebriagada de vertixe e cansazo
e vaise deitar no berce do mar en calma
e baixa e baixa... e baila logo coas ondas
e non se apaga, velaí a tes meu amor incrédulo
esa lus ten ialma e non se apaga
esa lus é un desafiante amencer agochado na ría
esa lus leva un pouco de tódolos sonámbulos
seres infelices ilusionados con nada.
Esa lus, meu amor, nâo é coisa pequena
e agarda pescadores curtidos en naufraxios.
Esa lus voltará cando un novo día rebelde
prenda en nós (outros) pra enche-la terra de peixe.


Alfonso Láuzara

quarta-feira, junho 21, 2006

Conxuro da queimada


Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.
Demos,trasgos e diaños,

espíritos das neboadas veigas.
Corvos, píntegas e meigas.

Feitizos das menciñeiras.
Podres cañotas furadas,

fogar dos vermes e alimañas.
Lume das Santas Compañas, mal de ollo,

negros meigallos, cheiro de mortos, tronos e raios.
Ouveo do can, pregón da morte.

Fociño do sátiro e pé de coello.
Pecadora lingua da mala muller casada cun home vello.
Averno de Satán e belcebú.
Lume dos cadáveres ardentes,

corpos mutilados dos indecentes,
peidos dos infernais cus, muxida da mar embravecida.
Barriga inútil da muller solteira,

falar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida.
Con este fol levantarei as chamas deste lume

que asemellan as do inferno,
e fuxirán as bruxas a cabalo das súas vasoiras,
índose bañar na praia das areas gordas.
¡Oíde, Oíde! os ruxidos que dan
as que non poden deixar de queimarse no augardente,
quedando así purificadas.
E cando esta beberaxe baixe polas nosas gorxas,

quedaremos libres dos males da nosa alma
e de todo embruxamento.
Forzas do ar, terra, mar e lume, a vós fago esta chamada:

se é verdade que tedes máis poder ca humana xente,
eiquí e agora, facede cos espíritos
dos amigos que están fora,
participen con nós desta Queimada.

segunda-feira, junho 19, 2006

Cruz Martínez

...vés nun voo de aguias
sucas a totalidade das superficies, atráelas
coroando a pel de amor e espallando
por enriba unha choiva de estrelas
Vés no peteiro dun fado, paseniño

Fernando Pérez López (in memoriam)

domingo, junho 18, 2006


Non tódolos días é festa
polo xeito que ten de mirar,
de se ausentar, de estarse quedo.

Para cando a auga corre
o regato torna e canta;
e a cor dos estalos limpa os temores.
Abilio Rodriguez

sexta-feira, junho 16, 2006

NUNCA SE SABE















Cadro da última fornada, interpretación libre
a partir do poema de Alfonso Láuzara "Nunca se sabe"
Luís Viñas


NUNCA SE SABE

Non quixera coma fado sorprenderte
no intre da nostalxia da idade
porque iso non vai na sintonía
da túa fresca mocidade
Propoño
ficar na serenidade nocturna de lus e pedra
que ofrece un bo rincón no lugar entrañábel de A Guía.
Ficar alí coma dúas figuras de pedra
nese xogo de luces e sombras
porque en lugares coma este,
o tempo pasa lentamente, e mesmo semella deterse.

Acaso teño ollos de pedra, acaso
respiro na santa compaña dunha fermosa
estatua de muller ben xeitosa.
Vexo nos teus ollos a doce mirada escura da noite estrelecida.
A noite é xove. Quero desfrutar do momento e gosto
dese estraño sabor do silencio nos teus beizos.
Quero chimpar un bico á ría
mais un orballo de verbas vai tecendo a noite que nos quenta.
¿Maxinacións? Nunca se sabe.

quinta-feira, junho 15, 2006

A unha brizna de herba

Peregrina acha,
heraldo das alturas,
no teu extravío
vai o meu canto.
¿Febra de qué puntada?
¿Gume de qué puñal,
por que man empuñada
estremecida no aire?

Ao teu livián antollo
asemellase a dor,
Raspuñando esa corda pasaxeira
do fraternal vivir,
a sostida ledicia do seu voo.

Guíndame tamén á vaiche boa,
ao teu cimeiro fuxir, á boa do vento.

Compasivo tétano, raspa
de marabilla e espanto,
tenme da túa sombra tutelar
sostenme na absoluta indecisión

dun non sei onde ir, dun non sei para cando.

Telmo Fiz

terça-feira, junho 13, 2006

domingo, junho 11, 2006

AS PAREDES


Fóra, na rúa, chove mainamente e nos vidros esvaran
pingas de auga coma resío nas follas. As paredes poden
ser verdadeiros cemiterios de cemento, de pedra e de
vivos pesadelos.

No chan da cociña hai un corpo inerte, case envolto
nun manto de sangue. Está tombado e coas pálpebras
abertas. A camisa negra de Lacoste, feita un trapo,
deixa entrever a pel branca e suave. Só lle queda posta
unha zoca no pé esquerdo; a outra percorreu uns metros,
pola forza do impulso e a velocidade da inercia. O pantalón
da cor do pexego amosa a culminación dun acto violento.
Preto da mesa, tirado e manchado do líquido vital, vese
un coitelo grande co mango negro, á súa beira, divísanse as
patas da mesa de madeira. Enriba unha fonte de pasta con
tomate aínda quente, no centro a botella de cervexa de litro
cun vaso azul, da mesma cor do mantel e os panos.
A imaxe queda gravada na liña do tempo e fóra segue
chovendo mainamente.

Xa son as dúas e pronto chegará do traballo, ¡ xa non
aguanto máis!.
Semella que o ceo se tinxe da cor da morte e non ten pinta
de clarear. Xa é demasiado tarde... non hai outra oportunidade,
o destino marcara con tinta vermella un final non merecido.

rosanegra

sexta-feira, junho 09, 2006

E sen embargo

Agora é case verán.
Aínda noto nos meus brazos
a silvestre caricia das follas
e a verde frescura daquela herba
mollándome os zapatos,
indo polo angosto camiño de albariños;
aínda aquel recente vento despeitea
o pelo dos meus trece anos.
Diante, coa súa boina,
a súa camisa de felpa, suxeitando
coa man dereita a máquina de sulfatar,
vai o meu avó.
................. Aínda vexo os ásperos
dedos desanoando o oxidado
arame da cancela,
apartando as defensivas silveiras,
mesturando auga e sulfato.
Escoito o seu asubío entre as cepas,
seus atónitos ollos de alegría
mentres vai apartando con morneza,
coas mans, as follas da vide,
con manso celo,
como quen limpa o millo,
para mostrarme aquel entretecido
niño de merlas.
................ Aínda non sabía
o que era a vida.Quizais tampouco
o saiba esta mesma mañá de hoxe.
Pasaron os anos ó meu lado
co mesmo discreto murmurio de regato
de entón.
............ E sen embargo, por algún motivo
que ignoro – algún estraño
parafuso do engrenaxe nemotéctico
terase desencaixado - ,
apartando pouco a pouco cada verso

aínda se me aparecen aqueles suplicantes peteiros.


Rafael Viñó

quarta-feira, junho 07, 2006

O pasado nas horas

o corpo
coa idade marcada na pel
gravada coa silueta do cotiá afincada nas formas

construín no vento
unha palabra para facer o silencio
............................................. novamente


Alberte Momán
(Premio Rosalía de Castro de Cornellà)

segunda-feira, junho 05, 2006

Día Mundial do Medio Ambiente

A PORTA VERDE
pola defensa do noso patrimonio natural!!

sexta-feira, junho 02, 2006

6000 visitas!!

Aportaverde
A PORTA VERDE cumpre un ano
e aquí seguimos xunt@s (de esquerda a dereita)
Rosanegra, Cruz Martínez, Alberte Momán,
Abilio Rodríguez, Alfonso Láuzara e Luís Viñas
Ademais compartimos
a fonda ledicia e satisfacción
de ter alcanzado xa as 6000 visitas
neste noso (e voso) blog,
con procedencias de case todo o mundo.
Moitas grazas
amig@s, colaboradores/as e visitantes!
A Porta sempre está aberta!
Pasade sen chamar!

quinta-feira, junho 01, 2006

Oh meu deus!

Impresionante foto tomada por Javi Rai baixando do monte de Fragoselo (en Vigo), onde se celebrou a Copa do Mundo de MTB. Unha posta para a posteridade, e todo un agasallo en recompensa divina para a mirada natural deste home soñador que percorre os nosos montes en bicicleta. Moitas grazas, querido amigo, por compartir esta marabilla con A Porta Verde.

terça-feira, maio 30, 2006

Cruz Martínez

... "Cruz Martínez, terceiro premio de poesía Eduardo Chao"
Foto: Atlántico Diario, domingo 21 de maio de 2006

A luz volveuse opaca
polo tanto decidín viaxar nocturnamente
aliñarme axexante tralos vencidos
vaites, é estraño, aínda son unha amante
....................................................... inconsútil
De súpeto as xanelas visten enreixados
e evocan tempos malditos
Eu tento argallar un número indefinido de
............................................................... metáforas
para que non me invada a invernía da incerteza
Se existe un oco onde agochar os medos
Primeiro déixame sentir a calor dos teus beizos


Poema pertencente á obra “Aínda son unha amante inconsútil”
Premiado no I Certame Literario “Eduardo Chao”.

domingo, maio 28, 2006

Un poema de Minus Bálido

En ningún lugar?
Diría que sí
Dáse en todo lugar.
Sae do contexto
Do contido.
Reviravolta
Mírao ao revés!
Non o vés?
O irrealizable
Está resolto
Inaudito
Pero logróuse
Logróuse
Un mundo
De realidade
Tanxible
De grande aspereza
Unha grande utopía
Se saes
E o miras ao revés.
Como non vai ser posible?
É posible
A explotación
Total
Por uns poucos
Da terra enteira.
En todo lugar
Existe a utopía.

sexta-feira, maio 26, 2006

Bravo Paquito!

Bendicións para Sir Paco Vázquez,
ex-alcalde de La Curuña,
cidade sempre tocada
pola súa divina falanxe

- Subcomandante Afonso trece -

Por favor fágame caso, querid@ visitante,
e faga coma min: non se meta en política!

quarta-feira, maio 24, 2006

Emigración galega


Cando aínda hai tan pouco dito sobre da emigración galega cumpre divulgar e animar a lectura de dous libros que nos chegaron dende o mundo da lusofonía, da man de dous autores fillos de galegos:

O primeiro, tal vez máis descoñecido, é TRABALHOS E PAIXOES DE BENITO PRADA (Ediçoes ASA), unha novela do escritor e periodista portugués Fernando Assis Pacheco, nel este autor do compromiso deixa testemuña deses primeiros emigrantes, aqueles permanentes nómadas que foron os afiadores e que cruzaron a raia cara a outra pobreza. Pero a novela non é só un lamento senón que é a épica duns homes marcados polos exilios, a aventura, o amor e sempre a morriña da terra afastada .



O outro, seguramente mais coñecido, é A REPUBLICA DOS SONHOS de Nelida Piñón ( Editorial Presença), onde o drama, a paixón e tamén o relato do pobo que se espalla dende os Fisterres máis ignotos polos océanos ata a terra prometida, tal vez a república dos soños.... que nunca existirá.

Luís Viñas

terça-feira, maio 23, 2006

De Virxinia con fame de sol.





Pensa que a agarda unha escolma de luz e centeo, se cadra.
Vai e pousa no fondo do río, na poza, no leito,
arrastra, puxa, couta,
mármore líquido de silencios e seica,
seica dixo o mouro,
seica a ola garda luz e centeo
por quen afogarse queira na auga.


Na busca do leito vai, paseniño,
porque escorre as dores onde a sobreira comba de graza.
É afogarte na chuza escura –dixo o mouro-, é o que buscas,
afogarte sen pan e sen sol.
Ela le o curso do poema, o canto da ola, e vai, tornando os ollos
en espreita de fame aferraxada
para iren un paso tras outro, sendo Virxinia
e os lobos almorzando no seu ventre coma o río.

E na busca da poza
seica atopa a luz e o centeo,
seica a morte.
E acha a fin da palabra.
Abilio Rodríguez Toimil.

domingo, maio 21, 2006

17 de maio en Compostela


Abilio Rodríguez, rosanegra, Cruz Martínez e Luís Viñas.
Nós tamén estivemos alí.
(Fotografías de: Cruz Martínez e rosanegra)

sábado, maio 20, 2006

(SRP) Segunda Repichoka Poética



Vaise achegando a data, está cerca... a segunda REPICHOKA POÉTICA!
Se non estivestes na primeira non podedes faltar á segunda. E para que vos entre o apetito ahí vai unha mostra

Será o venres 26 ás 22:00 na Cova dos Ratos, Rúa Romil 3 baixo, estades todos convidados a participar cos vosos poemas ou textos, agardamósvos.

Vinde gozar coa poesía!

quinta-feira, maio 18, 2006

Diego Rivera

“ O vendedor de coles “ cadro representativo que amosa a
fascinación do autor polos indíxenas do seu país.

Pintor mexicano e marido da tamén pintora da mesma
nacionalidade, Frida Kahlo.
Chegou ó noso país no ano 1907 para estudar co pintor
Eduardo Chicharro, recomendado por Gerardo Murillo.
Diego bebeu das técnicas de Zuloaga, Sorolla, O Greco
e moitos máis que se reflicten na súa obra.
Logo viaxou por Francia, Bélxica, Holanda e Inglaterra,
procurando solucións artísticas que non podían darlle as
academias. A súa sede de coñecementos obrigárono a
seguir as súas pescudas, no 1920 decidiu percorrer Italia
para coñecer as cidades máis significativas coma Roma,
Milán, Venecia... que imprimirían fondas pegadas na
futura traxectoria pictórica.
Un ano despois regresou a México que vivía unha etapa
Revolucionaria. Diego contábase entre os máis importantes
Muralistas non só pola cantidade senón pola calidade plástica,
técnica e histórica.
Rivera falece o 24 de novembro de 1957 deixando ó seu
pobo un legado artístico incalculable.

rosanegra


quarta-feira, maio 17, 2006

Día das Letras Galegas

MANUEL LUGRÍS FREIRE
(Sada, 1863 – A Coruña, 1940)
- homenaxeado -
.
.
Cántiga dos amigos da fala

Na fala gallega vive
A ialma da nosa terra;
A redención de Galicia
Nos seus acentos latexa.
Pobo que o seu verbo esquece
É traidor á natureza;
Como irmáns todos falemos
A nobre fala gallega.
Amigos da fala somos,
I-o amor de Galicia sea,
Xa que de todos é nai,
Quen nos xunte e nos protexa.

(Versos de loita, 1919)

.
Axiña

Os días xa son mais longos;
Xa brila mais ledo o sol;
Xa s´esperguizan nas ialmas
As ansias de redención...
Os arvoredos frorecen,
E as silveiras teñen fror...
¡Axiña virán os froitos
Que o novo tempo enxendrou!

(Versos de loita, 1919)

.

*** *** ***
.

A Porta Verde
pola irmandade cos territorios periféricos
de fala galega...
Navia-Eo en Asturias
O Bierzo
As Portelas sanabresas

e Val de Ellas cacereño
(As Ellas, Valverde do Fresno, e Trevello)
.

segunda-feira, maio 15, 2006

A ESMORGA (Ourense)

(detalle de minusbálido)

A Porta Verde

solidarízase co Centro Social A Esmorga,

precintado pola policía local de Ourense!

A canción do verán:



"Europá, yo via nacionalizá..."

Evo Morales

aupa!

sábado, maio 13, 2006

Con anacos d'o meu interior


....CCON anacos d'o meu interior
fago xogos de mans
......Sollar d'o sol encol
d'os agros y-o silenzo que alborexa
......Con anacos de min
..................................Xogador.
....Un sotil son de lonxe
....................................fío claro
........Atristura d'os eixos abate n-os pinos
........N-a corredoira d'a fonte van pasos
........Un paxaro que pasa cortando a fenestra
........Con anacos de min
.....................................Non reparo.
........Con anacos d'o meu interior
........malabarescamentes
........enrabesadamentes
........auto-rompecabezador.

Xaneiro- 22

Manoel-Antonio

sexta-feira, maio 12, 2006

17 de Maio

Eran os pertinaces ollos de Don José,
as bandeiras flotando ó vento,
aquela reprimida risa
contaxiosa entoando que din os rumorosos,
a excitación dun día sen estudio,
e as braguiñas rosa de Lidia.
Todos en rigorosa fila,
marabillados sancristáns
dunha rara liturxia en conmemoración
de non sei qué fillos de Breogán.
¿Quen recorda aquel 17 de Maio de 1981?
Moncho, Manoliño, Rocha, Luís…
o monótono fungar das nosas confiadas voces
colma esta tarde.
...................................... Todo aquilo hoxe
é o estupor inocente
de non saber nin en qué país moramos,
nin qué cor teñen as bandeiras da infancia,

da única patria que soubemos.

Rafael Viñó

quarta-feira, maio 10, 2006

00:47h. día 6 de maio

E veu a tempestade nun día claro
cando as nubes erguían columnas de aire
e os paxaros non se pousaron
por medo a non despegar
Pero las horas pasan y tus ojos no lloran
Para que chorar acubillada na beirarrúa
se as burbullas estoupan, sen mais

O MAIO

Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez

terça-feira, maio 09, 2006

Ciroleira en flor

Bos días, ciroleira en flor,
pasa, entra cos pes descalzos
na casa da mañá.
Recíbote cos brazos inocentes,
luminoso axóuxere silvestre,
titílante folerpa.

Benvida es foula de alborada,
agora que virutas
de luz se arremuíñan
nas túas pólas,
mentres estoupan
de fugaz asombro.
No teu colmado cáliz
xa nos brindas
ese teu froito en forxa,
o doce galardón
que aviva o noso sangue.
Espalla
a cinsa da abrasada noite
coas túas desposadas
raíces, puxa
.......... e sexa
un colmeal
de luz
esa nevada dinastía,
aceso
candil hoxe en sazón.
Consinte que me tenda no teu abeiro.
A miña gratitude
tamén medra contigo,
o teu costado,
ergueita nesa viva conformidade que agora
concede a túa milenaria salvia,
e fluír diluído
no callado xarope desta vida.


Telmo Fiz

segunda-feira, maio 08, 2006

domingo, maio 07, 2006

palabrasparamar



Hoxe: non me coñeces
non te coñezo
teremos que olvidarnos
para amar
inventarnos en segredos e misterios
non me digas que che diga
e marquemos os soños a intervalos
de mareas plenas en plenilúneo.


Luís Viñas

sábado, maio 06, 2006

Poalla marela (chuvia dourada)

Pasa. Entro. Siguemé, siguemé. Sígote.
No teu cú de lambada leva-los meus ollos tatuados.
Ponte cómodo, reláxate. Agardo. Achégaste suave de vagar.
Silencio. Vaime cubrindo o lenzo de sombra
da nube branca silenciosa que asoma
espida semella unha boneca inflada virxinal
pouco a pouco sobre de min, cúbreme,
ocupa o espacio habitáculo total
libera enerxía anatómica gaseosa
polo baixo súpeto na treboada visceral
no intre mesmo en que descarga
a quente chuvia dourada
poalla marela que cae toda sobre min
escot-ghüiski agasallo do ceo doméstico
agüita amarilla neurótica incontrolada
alivio líquido elemento asexual.
Eu estou morto de cansazo tombado na cama
morto coma deberan tódolos toreiros estar
enluvados no traxe de pingas de orina que brilan.
Sinto sobre de min as cóxegas da chuvia dourada
constante, rítmica, en histérica gargallada.
Cavilo en frío, mollado, de falso calor fugaz i engano.
E xa non teño ganas de andar paseniño
coma formiga pola túa costa de seda
hacia o ouro que se derrama i enreda.
Fico morto arestora no xardín de franela
mentras sosteño un cortafogo mollado
coa respiración do meu ventre atropelado.
Souben dun volcán de carne e oso
e fiquei apagado nun chasco xenital
coma un puto rei pasmado.


................... Alfonso Láuzara

Agüita amarilla!
Mexan por nós e hai que dicir que chove!

quinta-feira, maio 04, 2006

O pasado nas horas

volvo atrás
para todo volvo atrás
e temo non poder recuperarme

................................. do pasado

Alberte Momán
(Premio Rosalía de Castro de Cornellà)

quarta-feira, maio 03, 2006

1º de Maio en Galiza

A mocidade galega na rúa

Manifestación en Vigo (8000 persoas)

segunda-feira, maio 01, 2006

¡Viva o 1 de maio! e morte á inxustiza

A INXUSTIZA baixa a rúa igual ca unha prostituta
co zarandeo sensual do que espera follar férreas leis
e pasalas polo forro

A escura erección construíu aduanas
onde cobrar impostos a comités de desempregados
de fame intacta
e eles...
séntense esquecidos da man dun Deus
resignados, pensan que a desgraza é designio divino
confésanse vítimas da adicción a tódolos santos
e o clímax da vida eterna
fai soportable a lei do embude
A fe provoca sacrificios inútiles

A estrela de prata ilumina ao mellor postor
A catividade transfórmase en probas de acceso
a un falso paraíso de latón

Así, uns e outros
permanecemos coa rescatada alegría dos incautos
alimentándonos de certezas que son soños
tombados nos catres de insalubres celas

Cruz Martínez

Traballadores, non permitades que o xugo explotador coarte a vosa liberdade.

Viva o 1º de Maio!!

En pé escrav@s da terra
En pé @s que non teñen pan
A nosa razón forte berra
O trunfo chega en volcán
Crevemos o xugo do pasado
Pobo de serv@s ergue xa
Que o mundo vai ser trasformado
Unha orde nova vai chegar

Axuntémonos
tod@s, é a loita final
O xénero humano, forma a internacional

Non hai salvadores supremos
Nin reis, nin tribunos nin deus
Témonos que salvar nós mesm@s
O pobo traballador

Para que nos devolvan o roubado
Para derrubar esta prisión
Batamos no lume sagrado
Ferreir@s dun mundo mellor

Axuntémonos
tod@s, é a loita final
O xénero humano, forma a internacional
.
*** *** ***
.
Adiante, adiante, adiante...
o pobo traballador
por unha Galiza ceibe
por unha Galiza ceibe
sen explotación!
.
- Subcomandante Afonso trece -