quinta-feira, junho 29, 2006

OSMOSE


I

Hai un home gris que fica perplexo no tempo e no espazo,
é pequeno e fraco e o seu sorriso enigmático trae tras de
si milleiros de paxaros negros. Non comprende o voo da
bolboreta nin o canto do reiseñor só mira a súa sombra
que o persegue pola habitación, a súa mente abrangue
centos de bechos que comen pouco a pouco o seu interior;
e baldéirano de tódalas estrelas azuis que contén. Mergullado
nunha espiral elíptica e maior afoga no interior da nada,
e busca saídas imaxinarias a non se sabe onde. Ese home
non ve as ventás que pechadas o miran víctimas da mentira;
só as pecha sen preguntar nin pensar, as fiestras o rodean
e pregan compaixón para poder respirar, e el non as olla,
fica cego e mudo ante un corredor que pasea sempre. O home
gris pisa pesadamente cranios e inspira o dióxido de carbono
que emana unha atmosfera tóxica pola chuvia ácida, os seus
ollos teñen as pupilas dilatadas e todo semella inflamación
permutada. As matemáticas non dan os números precisos
para a súa satisfacción e loita contra tódalas teorías que non
dan X= N, as ciencias non dan solucións e as ideoloxías non
están perdidas baixo a súa autoridade.

rosanegra

Sem comentários: