quarta-feira, agosto 31, 2005

Cruz Martínez

Achanto a gorxa é longa
As costas do pobre non teñen intre
Para o espreguizo
Ratas urbanas erguen berros incoherentes
Eu, poño un chapeu amarelo e camiño
Mañá os colectores voltarán a encherse de lixo

O exército do bosque

Préstame, chuvia, as túas palabras
e ti, vento, as ideas tan longas.
Déixame o teu rezo breve, río,
e o teu branco saúdo, neve.
Pousa, xeo, no vidro da xanela o sereno pensamento
e que o traian aos labios as asas luminosas da alborada.
Acódeme, lóstrego;
ponde de man, espada.
Coidémonos. Vén xente.

Manuel Rivas

O deserto

O deserto entraba pola porta
todo era seco árido
amarelo brillante que magoa os ollos
o deserto arrasouno todo
e a vida quedou sometida
torturada violentada inerte
ata que unha irrefreable chuvia
caeu interminable tempo
sobre minúsculos superviventes
unicelulares amebiñas paramecios
e comezou de novo a evolución constante
e a vida esplendorosa entre margaridas
e especies multitudes
e o ser humano tamén volveu
para traer de novo o gran deserto
que entra polas portas.

Manuel Seixas

Dedicado ó amigo Javi Rai,
entusiasta da boa música,
que percorre os nosos montes en bicicleta
e anda nestes días con natural desacougo
por mor do lume forestal.
(tíoTeis)

terça-feira, agosto 30, 2005

ROSALÍA DE CASTRO

Cando penso que te fuche,
negra sombra que me asombras,
ao pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que és ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, és ti que cantas;
si choran, és ti que choras,
i és o marmurio do río
i és a noite i és a aurora.

En todo estás e ti és todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás ti nunca,
sombra que sempre me asombras.


Rosa Martínez Vilas



Soa unha música por entre as moléculas do ar
Espállase por entre as paredes
E sobrevoa os edificios
pintados de noite
Os ruídos de coches, de xentes
Silencia a natureza que xa nin pode respirar
E soa unha música que traspasa
o centro da terra
e vive por entre os recunchos
Do universo... que trae sabor a vexetación
rosanegra





"Rosa da paz" (2002) - Amaral



"Rosa da paz" é unha canción
solidaria coa catástrofe do Prestige
en Galiza.

Cando o mundo enteiro estoupe,
Será demasiado tarde
Para reencontrarnos coas leis naturais
Se rompemos cos bosques,
Se rompemos cos mares,
Cos peixes, co vento que nos fixo ceibes
Coma picariños na escuridade,
así estamos todos baixo o mesmo vendaval
Miña rosa da paz,
Vella rosa con feridas,
Sinto cando me acaricias frío
E non sei onde estás,
Miña rosa da paz
Mira que te sinto lonxe,
Eu búscote e non te atopo agora
Miña rosa da paz
¿Que diría deste mundo
Un viaxeiro do futuro,
Dun planeta máis alá das estrelas?
Se rompemos cos bosques,
Rompemos as nosas propias voces
E aínda que ninguén escoite, aínda se oen
Con nós mesmos, coa eternidade,
Porque estamos todos baixo o mesmo vendaval
BIS
Cando o mundo enteiro estoupe,
Sexa demasiado tarde,
Xa non queden rosas para ninguén
Eu estarei contigo rosa da paz
Coma picariños
Cando remate o vendaval
BIS
Miña rosa da paz

Grazas!!

segunda-feira, agosto 29, 2005

Orisel Gaspar en "Adiós"



Algunhas escenas de "Adiós"
filme de cine independente cubano,
coa actriz Orisel Gaspar
estanse a rodar en Vigo.


"Non me cansarei de che pedir unha caricia,
non me durmirei sen ter roubado un bico,
e no suave rubor da túa sutil delicia,
as miñas mans axitadas farán vibrar o meu corpo.
Espértate nos meus ollos,
cando o tempo marche,
e que os teus pasos segan as augas da Ría,
xa virá a calma coa súa voz a te mexer,
xa emprenderemos xuntos o adeus a Galicia."

Orisel Gaspar

domingo, agosto 28, 2005

Joaquín Sabina


...Dende que saio coa pálida dama
ando máis morto ca vivo,
pero durmir o soño eterno na súa cama
peréceme excesivo,
e, iso que nunca renunciei a buscar,
nuns labios abertos,
din que hai beixos de esos que, chos dan,
e resucitan a un morto.
E, se á miña tumba, vos acercades de visita,
o día do meu aniversario,
E non vos atendo, esperádeme na saliña,
ata que volva do baño.
¿A quen lle pode importar,
despois de morto, que un teña os seus vicios...?
o día do xuízo final
pode que Deus sexa meu avogado de oficio...

(Tradución ao galego de: Cruz Martínez)

DIEGO DE GIRÁLDEZ











Reproducción del ser vivo. 1989

A RAPOSA

Unha raposa mirou a súa sombra ao amencer, e pensou:
Necesito un camelo para a hora do xantar.
E pasou toda a mañá buscando un camelo.
Pero ao mediodía volveu a ollar a súa sombra, e díxose:
Ben, conformaríame cun rato.


GIBRÁN JALIL GIBRÁN

OS BIOSBARDOS


feita moitedume inevitable
eu non cho sinto

pois se presenta cada astucia voando fermosa
e parte unha barca de cores onde o mar espumexa


abilio

Uxío Novoneyra

VERBA querida verba escríboche a ti porraca limpa
pra verme tan entoldado como estou
agora que estou ca vida enrodelada que non me deixa andar
e caio
estoume volvendo outro e non sei como tratarme
nin a onde ir que prenda luz con que verme
que non seña este valumbo
racha de abrodio de tódalas palabras sin peso
que en vano as maos queren axudar i o corpo todo

(1971)

Uxío Novoneyra

sexta-feira, agosto 26, 2005

A Fe e as montañas

“Ao principio a Fe movía montañas só cando era absolutamente necesario, co que a paisaxe permanecía igual a si mesma durante milenios.
Mais cando a Fe comezou a se propagar e á xente lle pareceu divertida a idea de mover montañas, estas non facían máis que cambiar de sitio, e cada vez era máis difícil atopalas no lugar no que un as deixara a noite anterior; cousa que por suposto creaba máis dificultades cás que resolvía.
A boa xente preferiu entón abandona-la Fe e agora as montañas permanecen polo xeral no seu sitio. Cando na estrada se produce un derrube baixo o que morren varios viaxeiros, é que alguén, de lonxe ou inmediato, tivo un lixeirísimo atisbo de Fe.”

Augusto Monterroso

quinta-feira, agosto 25, 2005

“Horizonte”, a palavra resistente

“O horizonte, segundo as definiçoẽs correntes, é a linha em que o céu parece confundir-se com a terra ou com o mar. Se o observador se deslocar em qualquer sentido, a linha do horizonte desloca-se igualmente. Vai-se formando assim uma sucessão de círculos secantes, como se o observador fosse empurrando o espaço adiante de si, e arrastando atrás uma cortina distante, que é o limite do seu alcance visual. Daqui se conclui que nunca ninguém pôde estar no horizonte. De qualquer lugar onde nos encontremos, o horizonte é sempre uma imagem que nos desafia, que nos promete maravilhas. Vamos para ele e logo se afasta, para outra vez nos fazer negaças. (...) Mas não há outro caminho senão aquele em que podemos reconhecer-nos em cada gesto e em cada palavra, o da resistente fidelidade a nós próprios.”

José Saramago. “Deste Mundo e do Outro”, 1997 (fragmento)

quarta-feira, agosto 24, 2005

The Fountain Inn

Ela tiña cara de porquiña,
vestida con chandal,
amoreando cabichas no cinceiro,
e el era, a todas luces,
un derrotado
con cicatrices na meniña dos ollos.
A muller con cara achatada,
fumaba compulsiva,
os ollos, gata agora, para todo e ningures.
Definitivamente,
era un horrible chandal de cor metálica.
De súpeto,
ela deixou de fumar,
peiteouse cos dedos
e bicou a man do vencido.
Este sorriu.

MANUEL RIVAS

Cruz Martínez

AGORA QUE O PENSO, aquel era un cuarto
iluminado pola lúa minguante
Non chega o sol para acender as bombillas
do teito
que estoupan en sucesivas imaxes, secuencias sen sentido
na noite
"O pequeno vals vienés " resoa nunha onírica voz
imitando a Leonard Cohen
nun perfecto inglés
Ay, ay ay ay
Take this waltz take this waltz
Nas súas notas. Polas rúas escuras do silencio
recolle verbas
os últimos versos, un poeta insomne
Espidos paxaros aniñan no faiado dos soños
Abren fiestras, coma quen constrúe castelos no ar
e brincan
brincan
Empurran a vida para que esperte
Na cidade dos buratos chove, chove
Nesa sucesión de cráteres urbanos
crávanse pegadas no barro
na lama


Na noite, mente sen linde
dan voltas as faces dos pesadelos


CRUZ MARTÍNEZ

Rabo de nube (1978)




Silvio

Rodríguez

Si me dixeran pide un desexo,

preferiría un rabo de nube,

un remuíño no chan

e unha gran ira que sube.

Un varredor de tristezas,

un chuvasco en vinganza

que cando escampe pareza

a nosa esperanza.

Si me dixeran pide un desexo,

preferiría un rabo de nube,

que se levara o feo

e nos deixara o querube.

Un varredor de tristezas,

un chuvasco en vinganza

que cando escampe pareza

a nosa esperanza.


Silvio Rodríguez

domingo, agosto 21, 2005

FLOR DE TAN MAL XARDÍN

A muller intelixente non ri nunca
espántanlle os anxos
espántanlle as cariátides
_pero é a cariátide que sostén o templo_
Leva contido o lóstrego
Sabe do Neolítico
do Paleozoico
"IRRADIA A SIGNIFICACIÓN DO CENTRO"
Amósaseme ós poucos
inenarrable
esférica
concéntrica
Nunca lle vin as pernas
Exerzo de amante mentalmente


ISOLDA SANTIAGO

PROBABLEMENTE SEXA PRIMAVERA


Fulano de Tal está asqueado de tanta merda, pero non se sente tan mal hoxe porque probablemente sexa primavera. A coada á luz do sol narra a obscena historia de familia, de poder e de amor, pero non importa porque probablemente sexa primavera. Jack está gordo e Jane está retorcida pola Praga, pero non tes porque escoller o día de hoxe porque probablemente sexa primavera. Ti non es nin parecida ao piloto, nin parecida ao matador, non es nin parecida a aquela a quen esperaba, pero non penso dedicarme a pasarcho todo polo nariz porque probablemente sexa primavera. Podo escoitar o clarín agora, podo quedarme xunto ao muíño de vento, podo pensar no meu fiel can enterrado na neve. Sally perdeu a súa fragrancia e o seu corazón roto non se nota, pero ela vai a morderse os labios e a comezar de novo porque finalmente é primavera...


LEONARD COHEN


(Traducido ao galego por: Cruz Martínez)

O crepúsculo e as formigas (1961)

“O sol está morrendo e sobre a vila treme unha brétema moi lixeira e algo vermella.
Eu vivo no derradeiro piso e ollo a vila.
Emprincipian a se acender as luces, impotentes contra a mesta e bárbara avanzada das sombras. As sombras penetran as rúas coma algo sen corpo e fanse mestas nos ollos dos homes.
É o intre do crepúsculo.
Agora é cando morre a lus e os perfiles das cousas deixan de ser concretos.
Achego a miña cara á fiestra, aos vidrios da fiestra, e vexo a rúa longa, ateigada de xente informe, coma un carreiro de formigas que fervera estreitamente, escuramente.
Os homes son coma formigas, na vila sen nome.
E eu, niste intre do crepúsculo, véxoos desdebuxados, esvaídos, pois o alento da miña boca vai embazando progresivamente o cristal que se interpón antre os homes e a miña ollada.
Eu non limpo o cristal, non abro a fiestra.
Deixo, lector, que ise bafo inapalpábel desfigure a miña imaxe dos tebregosos homes da vila, no crepúsculo, que mesmamente enchen a rúa estreita e prolongada coma se foran unha coluna de formigas en marcha.”

X.L. Méndez Ferrín

sábado, agosto 20, 2005

A ghata descalza


Gata con botas
non caza ratos.



Sandalias de ghata
perdidas na praia
caricias de serpe
na area longa
de area de area
castelos de caricias
de area de area de area,
ghatean desexos descalzos, sublimes
de alcoles no sangue fervente
recentes os grolos de viño,
alleos reflexos en bágoas
que risca a lúa con saña
nas miñas noites meniñas
cando se achega esa ghata
de sinuosa silueta felina
e brilo esmeralda
nas súas retinas.
Nas ondas da area
móvese a ghata descalza
deitada enriba das pernas
na area na area marea na area,
coxegueos gardan segredos
dentro dos meus vaqueiros.
Axiña a ghata descalza
fuxiu a busca-las sandalias
Eu fico á miña sombra collido.
Sinto ronroneo da noite na area.
Ela sempre está comigo.

Alfonso Láuzara

sexta-feira, agosto 19, 2005

Rut Rey

Unha pinga
E outra
Estámpanse sobre a caluga espertando pel
Agarimos purificadores a quen non ten nada que perder
Cos lombos cansos por unha plusvalía non recoñecida
Agora se chama ser un traballador responsable
E se non... as facturas amontóanse na mesiña
E se non... non es un cidadán productivo

Hai quen di que che tomas a vida demasiado en serio
É fácil botar unha gargallada dende o quente niño de quen ten todo

feito
Outros
formigas escravas nun mundo pra abellas mestras
Só sorrimos coa amargura de quen sabe que non pode durmir

de vagar

Reláxate e disfruta
Ti que podes
E non des leccións de humanidade
Dende o alto da túa condescendencia

Xa virará

Se non é nesta, noutra vida
Se alguén ten o valor de berrar pra que cambien as cousas

Senón sempre nos quedará o sabor dun cigarro entre un e outro

contrato vasoira


Rut Rey

quinta-feira, agosto 18, 2005

Gioconda Belli



"Boca de

muller"

Cando unha muller abre a boca
a súa lingua empéñase en lamber a dureza;
pode ser a dureza da vida,
a dureza da dor cos seus dentes esmaltados e perfectos.
A dureza do tempo que desaparece.
Ou pode ser que a súa boca se abra
para lamber, coma loba cálida e protectora,
a cara dos seus fillos,
ou o sexo do home ata derretelo
e enxaugalo de sal,
ata limpalo do seu ímpeto
e deixalo palpitante e lánguido entre os dentes.

Cando unha muller abre a boca
a súa lingua quere dicir outra linguaxe,
nomear outros nomes,
poñer saliva entre as portas
que se abren dunha alma a outra.
Limar. Limpar. Lamber.
Tantas cousas, tanto intento, tanto do perdido,
existe na boca aberta dunha muller.

Gioconda Belli (Nicaragua. 1948)

(Versión ao galego de Begoña Miguélez)

quarta-feira, agosto 17, 2005

Cando falla a filosofía


Cando falla a filosofía
busco os anacos tirados
os cristais de cores
nas cavernas soñados
e gardados para amalos
e na gruta do esquecido
cavilo sobre a molécula
que ensancha e varía en algo
sen nome
Cando falla a filosofía
e penso tanto no senso
na finalidade do universo
nas pingas de ciencia
que crean a esperanza
e que esvaece en nada
volta a envolverme
e darme o todo, ou algo
sen nome
Cando falla a filosofía
decátome que o que falla
é a perspectiva


rosanegra

Alexandre Bóveda

"O lume do espírito de Bóveda non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón a tradición, en arume de Lenda. Bóveda terá de ser nun mañán próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención."

"Sempre en Galiza" - Castelao

Mercedes Peón - "ajrú"

Unha muller impresionante
e arrebatadora
que escintila con vigor
na galaxia musical galega.

ajrú


O meu amigo
Xa moito aturei
Quero rematalo
Sei que o que aguantei
non podo calalo
//
eu non te parín
mais son a túa naí
iso que me dis
non é o que fas
//
quérote, amóte
neno mimado
respecto pídoche
cal selo pactado
//
a docilidade que sexa espontánea
borra o clixé, xefe da manda
aínda que nos queda moito camiño
para darlle un xeitiño e un bo aliño
//
a túa forza está anunciada
de tanto lustre remata esfolada
a miñaforza escondida
na miña suposta debilidade
//
encaixa comigo
mais con igualdade
fagámo-la festa

con naturalidade

ÉTNICA
e alá viva, alá viva
alá viva sen parar

todo o mundo sen parar
e o sentir sempre para adiante
e o sentir sempre para adiante

ailala...

terça-feira, agosto 16, 2005

ARTUR GARIBÁLDI, autor de uma vasta obra literária, nasce em Braga em 1913.



NOITE

Vinha o terror fascista sobre nós,
Era a noite que vinha.
E o povo não tinha,
Não tinha voz.


A lei apenas uma: a violência
Que estorcegava como fossen vimes,
Os anseios de luz, a Resistência
Cobrindo toda a pátria de crimes.


Os esbirros da Pide, a cada porta
Espreitavam, armados de punhais,
E varria a Nação um ciclone de ais.
E a liberdade era uma virgem morta.


A Igreja e o Capital - feras eternas -
Davam-se as mãos servindo o "Estado Novo"
E procuravam conduzir o Povo
À milenária noite das cavernas.


A Resistência em cada peito ia abrindo
Era uma flor que ardia
E os mártires morriam resistindo,
Com a esperança que chegasse o Dia.


E esse Dia chegou: formosa flor
Que em luz de sol abria
_E falou-nos de dor
_E falou-nos em risos de alegria.


Quando recordo os uivos dos chacais,
Que enchiam de terror um povo inteiro,
Levanto a minha voz como um luzeiro,
Este grito vibrante e altaneiro:
«Fascismo nunca mais»!


E o trabalhador, e a prostituta,
E os que odeiam regimes criminais,
Repetem este índice de luta:
«Fascismo nunca mais»!
________________________
Do livro " HARPA Do PRAZER E DA RENÚNCIA"

AS PALABRAS


As palabras
coma loiras cabeleiras
ondean enriba de tacóns
de agulla
Ancorando nos ombreiros
informes devanceiros
recenden á moneca
imaxe dunha infancia
de fronte ancha
sen perrera

O sorriso
coma o dun aborixe
escacha no solo dunha
trastenda
onde a gramática trócase en
cinco centas
mil
puntadas
curvas, rectas
cifras astronómicas de fío
enmarañado fan
que persiga teas en movemento
e póñenlle nos ollos
efixies de elegancia nas pasarelas
que seducen
se cadra coma se medrasen
patróns entre os dedos e
concebiran a liña exacta
definitiva, que asoma
devorando o tempo
nos carreiros da entreperna
de puntos floxos e remates

CRUZ MARTÍNEZ

sábado, agosto 13, 2005

Manolo Pipas

Ervas clandestinas

Ó entrar na tua casa
chegame o arrecendo
das tuas sete pequenas
ervas clandestinas
Quinto piso ollando ó mar
e ás miserias da cidade
na rua dun tal doutor
e son sete virxes marias
que tamen van levitar
cando pasen uns meses
en forma de clandestino fume
E onte un cativo terremoto
veu molestar a sua clausura
No teu papel de liar
debe arder con elas
todo o mes de marzo
e o noso poema clandestino


Manolo Pipas

sexta-feira, agosto 12, 2005

Ser amig@ é...

Andar junto, mesmo que distante,
É ser leal, jamais superficial.
Dizer o que pensa, sem ofensa.
Calar para ouvir, sem intervir.
Falar sem rodeio e sem receio.
Ser amig@, afinal, é ser Especial!

A Porta Verde...
pola amizade galego-portuguesa!

Orisel Gaspar

Sobre a miña illa no lenzo,
xa descansa a miña meniña,
mentres a túa musa tranquila,
esperta cando te penso.



Esas cores axitan, miña alma feita silencio,
e navegan no meu sangue, soños que tecen o meu corpo.
A traerme un sorriso, viñeches sobre o vento,
e do teu xardín a brisa, xa me arrebata o alento.
Méxeme a memoria, pon as túas mans nos meus ollos,
érgueme e os meus despoxos, dórmeos sobre a historia.

Orisel Gaspar

quinta-feira, agosto 11, 2005

S. O. S

TODOS presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
E o faro estraviado
daba o S-O-S
n-o morse
_clave Orión_
d'as estrelas

Eses brazos abertos d'a vela
son os mesmos d'o vento
que se despreguizou
N-a man d'o mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela d'os cabarets
c'un cigarro n-os beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pol-a Galaxia chea de seixos
un astro vello vai c'o seu farol

Que dan os almanaques
pra esta meia-noite?
Pero aínda non sabemos
de que banda vai chegar a meia-noite
E o faro estraviado
vai esgotar o seu stock de S-O-S.

MANOEL-ANTONIO

Novoneyra total!

TODA a casa toda a noite
o escano da porta a cociña o tránsito o comedor i o coarto /
toda a noite
todo sabe que estuveches e dimo plegando o seu ameto: /
eiquí i aiquí i aiquí i aiquí
i o corvo de ALLAN POE a repetir:
nunca máis
nunca máis
pedín un berro un salouco ou un gran sospiro

soupen que pasara a noite
cando a forca da nova ripou os seus gallos das miñas venas /
i entrou a lus do día por furados malinos
(1972)

Uxío Novoneyra

quarta-feira, agosto 10, 2005

CASTELAO

Cando cheguen os tempos non chegados
cando canten as mans traballadoras
nas doídas manceiras dos arados
e nas salgadas redes pescadoras,

Galicia ceibe tallará o teu nome
nas outuras do Pórtico da Groria
pra que falen as anxos con un home
que leva a patria enteira na memoria.

Unha nova Galicia sen cadea,
que non esportará mais sangue humán
nin asoballará unha man allea:

Unha Galicia nova, a de mañán,
que xa ven alborando, xa clarea,
no pelta arrolará teu soño irmán.

Lorenzo Varela (homenaxeado no Día das Letras Galegas)
"Castelao na voz dos poetas". Ediciós do Castro,1969.
Publicado sen o 1º verso do 1º terceto, por mor da censura.
Recollido en "Homaxes" (1979)

Sansón e os filisteos

“Houbo unha vez un animal que quixo rifar con Sansón ás patadas. Non se imaxinan como lle foi. Mais xa ven como lle foi despois a Sansón con Dalila aliada ós filisteos.
Se queres trunfar contra Sansón, únete ós filisteos. Se queres trunfar sobre Dalila, únete ós filisteos.
Únete sempre ós filisteos.”

Augusto Monterroso

segunda-feira, agosto 08, 2005

“O proceso” – Franz Kafka


Franz
Kafka




Editado en galego por Sotelo Blanco (2003) A obra, traducida do alemán por Luís Fernández Rodríguez, conta ó remate cunha nota sobre o autor e a obra e outra sobre a traducción.
Josef K., o protagonista de O proceso, é detido, pero ninguén lle di de qué o acusan; tamén se lle comunica que, polo demais, pode seguir levando a mesma vida de sempre. Posteriormente, o tribunal ante o que deberá presentarse reúnese no faiado dun barrio obreiro e os códigos nos que consulta as leis resultan ser libros pornográficos. A narración guíase por unha lóxica onírica na que todo —detención, acusación, tribunais, avogados, condena— aparece desenfocado e convertido nun enigma. Faltan as causas, as explicacións, o sentido global... Todo un alegato contra o totalitarismo no seu tempo. Hogano todo un referente para nós.

(Alfonso trece)

Rut Rey

Muller branca solteira busca
Esnaquiza-los miolos contra o muro
Por non se deixar atrapar por unha vida común
Agatuñar pola corda dos soños
Sen lle poñer casco ás emocións
Encontrarse na absoluta abstención de cariño
Rebotando en asfálticas aventuras sexuais
Avanzar cos petos furados
Deixando pingar os sentimentos
Non vaian corrompe-los pousos
da presunta esencia que imaxina dentro
Muller branca solteira busca
escorregar por lamazais lonxanos
negándose a crer que ás veces a vida
é aceptar lambetadas coñecidas na alma
compartindo saliva do repouso achegado


Rut Rey

domingo, agosto 07, 2005

A gaita gallega (Fragmento)

Probe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai!, tan fermosa.
Cal si na infamia neceras,
torpe, de ti se avergonza,
i a nai que un fillo despresa
nai sin corasón se noma.
Naide porque te levantes
che alarga a man bondadosa;
naide os teus prantos enxuga,
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tés patria,
ti vives no mundo sola,
i a prole fecunda túa
se espalla en errantes hordas,
mentras triste e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides,
de Dios a esperanza imploras.
Por eso anque en son de festa
alegre a gaitiña se oia,
eu podo decirche:
non canta, que chora.
Rosalía de Castro

ESTIRPE (1994) Méndez Ferrín

TESTAMENTO DO GHEBO
O día en que eu me perda no Calexón de Núñez,
chimpádeme unhas cascas de manises no Náutico.
O día en que eu me vaia no Nautilus, avante,
polo mare de Rande cara as lamas máis últimas,
levai camelias murchas á taberna de Armando.
O día en que eu naufrague nos furanchos de antano,
que no Bar Abanico latrique a pianola.
Que me choren con fados e cántigas canallas
os chaíñas e os ghichos que me fixeron punto
con chavalas curriñas no baile das Cabañas.
Cando eu rache a paipa, como fixo Brassens,
e deixe á descendencia as zapatillas vellas,
que coman caldeirada de pata-roxa todos
os amigos, na Anguila, con raiba encantadora.
O día en que, de súpeto, onda as Almas Perdidas,
eu pille ese tranvía fantasma que nos leva
aos bébedos, na néboa, aos solares de tras,
lembrádevos de Chambi, Martinico, o Chinito,
e a boca se vos encha de pirulí e barquillo,
e que ninguén me faga pranto de cascarilla
cando eu estire a pata nesta cidade estrépito
e poñan no meu texto: “fechou por defunción”.

X.L. Méndez Ferrín
Un clásico en vida. O noso Nobel galego.
Desexamos neste día que cumpras moitos máis!

sexta-feira, agosto 05, 2005

O IDIOMA GALEGO


Seica o meu idioma está perdido e morrerá unha noite de tantas, quizais no silencio. O problema do galego é moi grave, son séculos de escuridade os que nos pexan coma se fosen un lastre. Destinado a cair vítima do verdugo, agarda a que pare de soar o redobre de tambor.
Só unha cousa me da voltas: A puta diglosia, está tan agarrada no meu inconsciente que non son quen de mirarlle a face. Síntome partida pola metade a cachapernas entre dous idiomas.
A desigualdade do galego perante o castelán é moi inxusta, na situación de fillo dun deus menor está obrigado a situarse por debaixo da lingua foránea. A dominación imaxinaria creou unha xerarquización por puro interese económico e social.
Desleigados inconscientemente da terra que pisamos. Xa é hora de que usemos a nosa fala na rúa, de que a poñamos no lugar que lle corresponde na política, na sociedade actual e no corazón de todo galego. Porque sen idioma non somos nada, non teriamos o dereito de chamarnos GALEGOS.



rosanegra

A relixión

"A miseria relixiosa é, por unha parte, a expresión da miseria real, e pola outra a protesta contra a miseria real. A relixión é o salouco dunha criatura oprimida, o corazón dun mundo sen corazón, así coma o espírito dunha situación carente de espírito. A relixión é o opio do pobo. A abolición da relixión en canto dicha ilusoria do pobo, é necesaria para a dicha real..."

Karl Marx

quinta-feira, agosto 04, 2005

Oficialmente Deus é un desaparecido



Localiza como coartada
un sorriso difícil de definir
i emerxe, un caso visto para sentencia
As trampas permitidas non conceden
o indulto, entretéñense
en rotular liñas imaxinarias
que se pousan nas canles de transmisión
dun anestesiado cerebro
inventan posibilidades
traxectos que acaden
unha total nitidez de formas
A falsa eclosión dunha luz
dálle unha estraña capacidade visionaria
ao anacoreta de asfalto
Atravesa fíos telefónicos e morde
as pálpebras que intúe abertas ao orgasmo
As lendas que habitan os subconscientes
atrofian xenitais
Presuntos salvadores venden ídolos
perfectos
con manuais de instruccións
iso parece interesante
Aínda así, nas rúas late a miseria e
oficialmente Deus é un desaparecido
nin aparece a súa foto nos xornais
Por tanto, só axeónllate e ora fronte a boca
que emana liberdade
e chora coas sentidas notas dun gospel

Se cadra, tiven coñecemento da adicción do café
dende moi cedo

Cruz Martínez

Wyoming e Reverendo... na azotea CQC!


Dende o Sétimo Andar...
enviamos un cordial saúdo para os nosos
queridos veciños que están na Azotea,

caia quen caia! Saúde!

quarta-feira, agosto 03, 2005

Fado por unha ausencia


“Roto en el pecho
un recuerdo cargado de abril”
(Vicente Feliú) Canción



Vaise marzo chega abril
e que pase un novo fado
tanto que sen ti perdin
tanto que sen ti perdin
nunca saberemos cánto


Qué lonxanos os teus ollos
e antes sempre tan distantes
e seguro que nos soños
e seguro que nos soños
ti regresas ó avante

Rio tejo de augas cansas
pon o ritmo nos meus versos
que nas cordas da guitarra
que nas cordas da guitarra
xa naufragan nos teus beizos


Manolo Pipas

terça-feira, agosto 02, 2005

O Paradiso Imperfecto

"- É certo - dixo melancólicamente o home, sen quitar a ollada das lapas que ardían na lareira aquela noite de inverno - no Paradiso haiche amigos, música, algúns libros; o único malo de irse ó Ceo é que alí o ceo non se ve."

Augusto Monterroso

Orisel Gaspar

Galicia sostenme cando caio,
seus fillos acompañan o meu silencio
e na gargallada converten meu laio.
Galicia acólleme nas súas familias, ao fin,
despois de agardar tanto.
Hoxe o estraño semella menos lonxe.
Hoxe o lonxe menos semella estraño.
A rúa brinca xoguetona entre os meus pes
coma os días asoman á aurora,
mentres eu poño as miñas fotos do revés,
no marco sen fondo das horas.

Orisel Gaspar

GALICIA...

GALICIA sólo terra
sólo home solo solosolo
pecho pechopechopechopechopecho
murado
as verbas non furan sua codia de escarmento
tamén iles ises din dixeron verbas que non son verba
que só son verbas
(1970)

De tanto calar xa falo eu solo (1970)

... GALICIA
sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa.
(1968)

Uxío Novoneyra

segunda-feira, agosto 01, 2005

A Manolo Pipas...

“Todo o que pasou o meu pobo pasoume a min
todo o que pasou o home pasoume a min”
(1980) Uxío Novoneyra

Dedicado a Manolo Pipas, porque as súas mans
saben que aínda queda chapapote no litoral galego.
(Alfonso trece)

SILENCIO apareses

Apareses sssssssssssssssssssssssssssssss
coma un anaco de noite que revoluciona
O SILENCIO
síntese, tese antítese síntese.
O Silencio é un artefacto abstracto
da razón que pode estoupar na dialéctica,
e ti apareses serpe

S S S S seis sete siluetas pareses
. S S S

esa serie de sesións silenciosas que se sinten
sempre síntese do intre ti apareses.
Asubío do salaio son, si, si, síntese
soa todo o teu corpo no seo do silencio.
E o silencio será sempre a síntese dos seres.
Ser es son somos, silencio. Apareses.
ssssssssssssssssssssssssssssssssssssss
Só serás silencio na soidade social presente.

Alfonso Láuzara

"Con pólvora e magnolias" (1976) X.L. Méndez Ferrín


"RECLAMO A LIBERTADE
PRÓ MEU POBO"

“No vento de mazan que se desfraga
nos cons e pedregullo solar
de cabo de Home e Punta do Cabalo de Fora
reclamo a libertade pró meu pobo.


No meniño que dorme
no edredón dos teus ollos
reclamo a libertade pró meu pobo.

(...)

Nos emigrados, nos perdidos, nos presos, nos esplotados,
nos que contemplan o devalar das augas
sen fín, nos que confían no meu partido (tuba de despertar
ou camiño que nunca se desanda),
nos que combaten e han de se-lo lóstrego
achaiador, neles poño a miña língoa e descanso os meus ollos
e reclamo a libertade pró meu pobo

e reclamo a libertade pró meu pobo.”

(X.L. Méndez Ferrín)

















escribo sobre as pálpebras
pechadas
do tempo
alado



Alberte Momán



"Seis poemas galegos" LORCA

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ár
brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
sombra e cinza do teu mar.

Sombra e cinzas de teu mar
Santiago, lonxe do sol,
ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

(De "Seis poemas Galegos".
Federico García Lorca)