sexta-feira, agosto 03, 2012

MANIFESTO EN DEFENSA DO ATENEO FERROLÁN

As persoas abaixo asinantes, rexeitan drasticamente a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade. Igualmente, dito goberno Popular pretende cambiar o nome do edificio, Ateneo Ferrolán, polo de "Centro cultural y cívico Concepción Arenal".

Os edificios, situados na rúa Magdalena 202 e o primeiro andar do número 204, conforman a sede do Ateneo Ferrolán dende hai máis de trinta anos, e así son coñecidos pola cidadanía. Un nome, Ateneo Ferrolán, que en sí mesmo garda o concepto fundamental que encerra a entidade: aberta, plural, democrática e defensora dos valores culturais do noso país. Características de especial recoñecemento no ámbito local, nacional e estatal.

O Ateneo ferrolán, creado en Ferrol en 1879, é un lugar aberto á cidadanía e impulsor dunha permanente actividade de carácter cultural, social e progresista, en tódalas suas manifestacións. Por outra banda, posúe unha biblioteca-hemeroteca de grande interese, utilizada diariamente por lectores e investigadores.

É por todo isto que non podemos permitir que o Partido Popular, no uso da súa maioría absoluta no Concello de Ferrol, distribúa arbitrariamente os espazos do Ateneo, do mesmo modo que pretenda facer desaparecer o seu nome asociado ao edificio. Feitos os dous que semellan provir do desexo de acalar o tradicional desenvovemento cultural da entidade en favor de Ferrol e da cultura galega.
http://www.firmasonline.com/peticion/manifesto-en-defensa-do-ateneo-ferrolan/1173


Sem comentários: