quarta-feira, outubro 15, 2008

Sobre da crise

Seica estamos en crise. E coido que todo o mundo sabe o que significa.
Significa que as bolsas adicadas a enriquecer aos ricos deixaron de enriquecer tan rapidamente aos ricos, e para volver enriquecerse rapidamente precísase de carambolas económicas porque os ricos teñen a sensación de que se non gañan cartos as cousas van mal.
En fin, propóñome aquí explicar duas medidas que evitarían crises e farían deste un mundo mellor. Hai mobilizacións e moita xente que reivindica estas medidas, pero non están no programa político de ningún partido.
A primeira é a Taxa Tobin, defendida pola famosa ATTAC que preside un galego na Francia, Ignacio Ramonet, a quen non veremos nos "quen é quen en Galicia" do Correo Gallego. Pois a Taxa Tobin non é máis que un pequeno IVE. O IVE é un imposto polo que o 16% do que pagas é para o estado, pois ben, a Taxa Tobin non sería o 16%, senón que sería o 0'1%. Esta taxa se poría só as actividades especulativas e que non implicaran traballo productivo. Eses impostos serían para axuda ao terceiro mundo.
En fin, a adoración ao mercado e ao capital fan que os liberalistas inventen mil excusas, porque xa nin son argumentos, son excusas para non poñela. Por exemplo, que tal e como vai a actividade especulativa é dificil poñela...
A segunda é a Renda básica ou soldo cidadán. Mentres que partidos coma PP ou UPyD propoñen reducir o IRPF (imposto proporcional a todos) non din nin palabra do IVE (que eleva o prezo dos productos, polo que reduce o poder adquisitivo dos que menos teñen). Pois ben, nós propoñemos aumentalo, pero bastante, tanto para que haxa un fondo para poder darlle un soldo a todo o mundo. Si, si, a todo o mundo.
Polo tanto, imaxinemos que o 10% dos salarios van para pagar ese soldo que sería de, por exemplo, 200 euros. Pois quen cobre 8.000 euros mensuais coma Rajoy tería que pagar 800 euros e recibir 200, se as matemáticas nos dan perde 600. Pero quen teña un solo de 900 euros, tería que pagar 90 e recibiría 200. Increíbel, as matemáticas serven para igualar. Interesante.
Os efectos? Pois conseguiriamos moitas cousas. Unha persoa xove tería recursos para independizarse ou para seguir estudando, ou alomenos unha pequena axuda que pode ser esa diferenza.
Os traballadores mellorarían a súa situación sindical xa que non se verían nunha situación tan grave como para aceptar un traballo con calquera condición. A mendicidade xa non tería razón de ser e poderíase centrar en programas sociais. Preservaríase a dignidade dos menos favorecidos xa que se recibiría este soldo tanto polos ricos como polos pobres.
E os "vagos y maleantes" como os denominaba aquela lei do Franquismo? Pois tamén a cobraría xa que o primeiro para saír dunha situación de pobreza é ter uns pequenos recursos onde apoiarse.
Estas medidas non son a panacea, pero si serían un paso moi importante. É a nosa misión coma cidadáns difundir a posibilidade destas medidas, informar de que hai estudos que afirman a súa viabilidade, e esixilas como pobo que sabe facer valer a súa democracia.
Xacobe Abel Fernández García

Sem comentários: