sábado, maio 17, 2008

ESCOLMA

Era un airiño soave

Era un airiño soave
que se erguéu pol-a mañán
e viña de non se sabe.
Era un recendo de rosas
da roseira de ningures,
que se metéu pol-a porta.

Era unha cantiga leda
que nascía non sei onde
e petaba na fiestra.

Era unha gracia sotil
que baixaba das estrelas...

....... ¡Eras tí!
.
(de Roseira do teu mencer)
.
.
DESCOBERTA DA TERRA

A terra estaba virxe e nós, os nenos,
lle íamos pondo nomes, a brincare.
A cousa máis cativa tiña un nome
da nosa fantasía:
unha peneda, un albre, un regatiño
que polo vran ficaba todo enxoito
—coa pel de areas sóio, a escintilare—;
un cómaro, un recanto do vieiro,
o cancil dun valado... Nomes ledos,
nomes de cousas que non tiñan nome.

"A Pena do Coello", "O Albre Rachado",
"As Roíñas de Dona Mariquita",
"O Castelo dos Corvos"... ¡Tolerías
de nenos ceibes baixo o sol dourado!
Eran nomes urxentes, de cazata
ou descoberta, coma aquiles outros
que traguían os libros. ¡Qué fermosa
xeografía, sóio de nós sabida!

E lago aquil reparto
da terra, atal que os bos conquistadores.
Cadaquén tiña un soto, unha valgada,
un casal encostado nun outeiro,
un pazo, coa facenda toda súa...

Eran nosas provincias, pra mandare
nos paxaros que nelas apousaban,
nas fontes e nos regos.
Ninguén poido xamáis tirarnos isa
posesión ideal da nosa terra.

Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono,
cando o meu corazón petaba nela...
.
(de Canle Segredo)

Sem comentários: