quarta-feira, fevereiro 28, 2007

Eis a cuestión







Eis a cuestión, meu amor...
¿Colocou o Concello máis luces na cidade
ou pasa que eu as vexo a pares?
Luces, voces, ruídos, estrelas e cascos de cervexa.
Achégome no Casco Vello a mascar un bico de mugre
Contente na caixa nova de música e burbullas
de couldina, ron cubano e pratos combinados
alimentando caries de cine negro
famenta de empastes gratis e sen dor
enfrascada nun intercambio solidario
exquisitamente vacteriano.
Inxesta alucinóxena de cuspe ardente
vaise apurando a noite indecente
para navegar perdidos na fría madrugada
e deitarse ó fin dun canto pirata
despois dunha triste mascada.

Pasa que te vexo e non te vexo
e non sei se eras tan dura en coiro negro
ou me matas agora de terror desarmada de envoltorio.
Aínda non sei se foi para entrar ou saír da cama
cando ollei a barra dando unha volta de campá.
Esperto pola mañá en bragas negras
enforcado cunhas medias negras nos cabezais da cama.
Pasa que este 29 de febreiro comeza macabro.
Pasa que non sei se merezo vivir un Oito de Marzo.

Eis a cuestión... ¿Que me queres, amor?

Alfonso Láuzara

segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Caixa Inacessível

O sol abre o horizonte
e a água dos campos

josé vicente

sábado, fevereiro 24, 2007

A primeira Almirante

O Mausoleo, erixido por Artemisa na memoria
do seu amado esposo. Unha das sete marabillas
do Mundo Antigo.

A raíña Artemisa I de Halicarnaso ( século V antes de Cristo),
foi a navegante máis famosa de tódolos tempos.
Aliada cos persas liderou cinco naves na batalla de Salamina
contra Atenas.Toda unha frota ao mando dunha muller
loitadora que causou unha grande perplexidade aos gregos.

Dende sempre houbo mulleres que sobresaíron entre os homes,
non o tiñan fácil, pero a súa forza e vontade fíxoas superiores.
A sociedade na que vivían poñía atrancos ao xénero feminino
por consideralas inferiores ou febles, poucas podían desempeñar
cargos masculinizados. Non obstante, o estigma da discriminación
segue subxugando as mulleres. É posible que non sexa tan evidente
e supostamente, o mundo laboral é igualitario para homes e
mulleres ( isto en teoría) ; o persoal xa é moito máis violento,
non paramos de ver nos medios de comunicación asasinatos
de féminas que só piden a súa liberdade. Este é un tema moi
serio e complexo, mais ten solución ( non nun futuro próximo).
A educación na igualdade e o respecto polas persoas e o noso
mundo ( xa que só temos un) encamiñado aos máis novos,
humanizaría unha sociedade materializadada e viciada na
procura do ter.
Hoxe en día Hamlet diría : “ ter ou non ter é aí a cuestión”.


rosanegra

quinta-feira, fevereiro 22, 2007

Fuxiu o voitre

Pinoccio: a historia xa te xulgou hai tempo.


Fuxiu o voitre cara ao seu niño
Amparado por unha tétrica recua de chacais.
Millóns de esperanzas destruidas
Millóns de corazóns destrozados.
Sinistro baile de mortos,
Memoria dos torturados,
Noites de insomnio,
Ansiedade consumida
Cigarro tras cigarro.
Choros, lamentos, berros,
A morte axexando
Tras cada curruncho.
Desaparicións, fosas comúns,
Medo, pranto e dor
E ti a resgardo no teu niño.


O cabalo do malo.

terça-feira, fevereiro 20, 2007

Cruz Martínez Vilas

Nesta linde sen razón hai un home que morre
porque crera na alborada que interpretaron os grilos
.........................................................nos eidos dondos
Agora séntese claustrófobo nas tobeiras do exilio
Alí, unha esperanza aceda encostra feridas
............................................nos carreiros mudos
Un can tolleito laia ao tempo que lambe a
.............................brancuxada fazula da morte
..............................................óllaa languidamente

As lápidas tremen coma varas de vimbio

domingo, fevereiro 18, 2007

terra vexetal

quien no conoce el bosque chileno
no conoce este planeta
pablo neruda
.
.
o yabital o pino chapensis e o lagayil
o yactul o encino rojo e o encino negro
os fentos de varios metros do terciario como solitarios avos
o fento macho como o noso e os fentos dos regueiros
un fento de folla longa i estraño verde ke parece artificial
unha duas tres e catro plantas ke naceron en cada pola do piñeiro
e a mais grande delas xa esta a florecer
un avispeiro a metro e medio do chan
ben agarrado a outra frondosa arbore
un formigueiro de catro metros cadrados
que un corenta centimetros erguendose do chan
e por baixo quen sabe cantos tuneles i estancias
o chan cheo de piñas ben rilladas
e tardarà pouco en deixarse ver un esquiu de pola en pola
plantas de cafe matas de cafe e arbustos de cafe
grans maduros e bermellos grans secos e verdes e outros marelos
sabugos estrañas silveiras e vejucos ou finas lianas
ke se enredan no cafe e noutros arbustos
chintates ou huaches lagartixas desafiantes e inofensivas
gordechas e con asperas e grandes escamas
entre barranco e barranco o rio llego yubchi
e sobre o vexetal e no medio del
zopilotes gavilans zanates .....

oaxaca 8-2-07
Manolo Pipas

sexta-feira, fevereiro 16, 2007

Filo-Café en Ponferrada

24 Fevereiro 2007, 22h
Todas as informações:
http://incomunidade.blogspot.com/2007/01/filo-caf-em-ponferrada.html

Inscrições Abertas (Actualização Semanal)

As áreas de inscrição abrangem:
Pensamento, Performance,
Curta-Metragem (máximo: 4m),
Poesia, Música, Pintura,
Escultura, Instalação.
.
As inscrições devem ser enviadas para
indicando nome, proveniência e área de inscrição.
Também para o mesmo endereço podem ser enviadas criações, nas diversas possibilidades que o suporte blogue admite, para eventual publicação.
.
Todas as informações:
Ponferrada: 0034.677708324
Portugal: 00351.965817337

quarta-feira, fevereiro 14, 2007

AS MÁSCARAS DE CRONOS


AS MÁSCARAS DE CRONOS

Aos que nos gusta poesía temos que agradecer este libro de Ramón Caride, onde cada páxina é un descubrimento que afonda no transcendente ou un percorrido polo cotián que transcende, unha poesía feita de sentimento, do intensamente vivido, de instantes felices, de mancaduras e de naufraxios.

Atopámonos reflectidos nesa arcadia perdida da infancia, un universo que desaparece languidecendo nos derradeiros saloucos, no erotismo contaxiante e fermoso de natural que aparece. Caride escribe da vida, do amor, da filosofía profunda que conmociona o ser humano, con esa contemporaneidade que nos muda día a día . E para iso despréndese de corsés literarios, das modas ou estruturas anquilosadas e sorpréndenos coa frescura, coa búsqueda arriscada e aínda co xogo lingüístico.

Ten o libro un sentido de antoloxía, de recompilación, onde viaxa a través de distintas etapas vitais e creativas que son unha crónica, en saltos da nostalxia na invernía aos veráns das ilusións. Cinco libros: Cerne de labaradas , Flor no deserto, Xeografías do sal, Diacrónica e Addenda que abarcan de 1994 ate o 2005 recolle neste volume, que reflicten distintas etapas creativas que nos mostran a súa evolución como poeta e nos transportan. Hai nos seus poemas o compromiso, a autenticidade que sae dos propios enigmas existenciais: “Alimentamos soños comendo pan e aire/as mentes con escáneres que explotan as fronteiras/.....”
Fuxe do puro formalismo para indagar na fondura poética: “Non fun quen de achegarme sempre fixen poesía / coa lama non coas pedras de eterna consistencia/ non achei a poesía nas páxinas dos libros/ senón antes nos ollos cando sobran as palabras/....” e eu atopo un retrato de inverno, mar e pedra dun pais que tal vez xa non exista.


Luís Viñas
Vigo, 14 de febreiro do 2007

" Casar non é bo para a guerra"


Cando o emperador romano Claudio II tivo esta ocurrencia,
pódese dicir que lle quedou a cabeciña descansada.Decideu prohibir
o casamento aos seus soldados, argumentando que eran mellores
guerreiros sendo solteiros.
Esta medida non agradou nin un chisco ao seu exército; polo que
intercedeu o bispo de Interamna ( San Valentín), foi lapidado e
decapitado o 14 de febreiro.
Co tempo, a absurda norma desapareceu e os soldados puideron
casar. Valentín foi nomeado patrón dos namorados.

rosanegra

domingo, fevereiro 11, 2007

Os amantes de Valardo

Unha aperta de 6000 anos!
O amor é eterno mentres dura.

Un grupo de arqueólogos italianos atoparon na cidade de Mantua un sepulcro con dous esqueletos abrazados, que, segundo dataron, teñen máis de seis mil anos. O achádego produciuse cando os arqueólogos supervisaban os restos dunha vila romana, atopados nas obras de urbanización de Valardo, unha barriada de Mantua.

Os dous esqueletos achados corresponden a un home e unha muller "moi novos”, que viviron no Neolítico, segundo informaron os seus descubridores. A novidade dos ósos atopados, e bautizados polos arqueólogos como “Os amantes de Valardo”, é a súa postura, xa que é a primeira vez que se atopan os esqueletos de dúas persoas de idades semellantes abrazados.
Sen embargo, o falecemento do home e o posterior sacrificio da muller para ser enterrada con el é unha das hipóteses que se barallan para explicar a curiosa postura de enterramento: o un fronte ao outro, cos seus brazos e pernas superpostos á maneira dunha aperta.

A arqueóloga responsábel da zona de Mantua , Elena Menotti, declarou que os dous esqueletos serán recuperados "sen separalos” para seren expostos no Museo Arqueolóxico Nacional de Mantua.

.
Alfonso Láuzara

sexta-feira, fevereiro 09, 2007

minus bálido



"minus bálido nace con ironía e rabia unha volta e outra volta e despois reviravolta.
minus bálido o que non bote. hai que botalos para colocarse ún, senón quedamos calvos e non nos comimos ren.
minus bálido tivo unha páxina rimaforde (ríos mares fortalezas e outras debilidades) agora integrada na web
expoplanetarium.net onde con adri dictamina, sentencia, pedantea este periplo dos palotes calquera.
minus bálido en andar21 a millor web (portal) de poesía galega/internacional onde non sei como foi admitido, a verdade.
minus bálido incomunidade máis que un blog de portugal e minus bálido visualobxectual minus bálido espasmo das redes. minus bálido a porta verde do sétimo andar. minus bálido poesía salvaje portal web de festas e redes.
minus bálido poeto, audiobisual, grafista dunha época atemporal. minus bálido ruidos nos tímpanos e na cabeza. minus bálido garabatos minus bálido cronista cando olla para o reloxo da sala de espera.
minus bálido para o capitalismo minus bálido para o socialismo minus bálido para o galeguismo.
coma ti ou coma min… coma a roda do muíño!
like a rolling stone. guijarro humilde como tú…
acomplexado pero á inversa."
.
Baixate o poemario de Minus Bálido en formato .pdf premendo aqui

quarta-feira, fevereiro 07, 2007

Aurelino Costa

Pulsa a lapa extenuada Em melopeia
rara milita sobre o nada!
Raios de sal se estenden por toda a costa
Onde o longe medita a pulso do homem
SacroGigante

Vela por ti onde uma traineira oscila
no vão do regresso...

Catorze! abalroados não se sabe

Fica a estampa do rosto mordida a cruz
Para sempre!...em sinal,
“em sinal vos digo”.

Do livro: "Na terra de Genoveva"

segunda-feira, fevereiro 05, 2007

a outra campaña

enterramos a más muertos
cuidamos a más heridos

mëda´k na´muk

vamos todos
.
.
entre oaxaca chiapas i atenzo
muchos niños
vienen tristes a las clases
porque vienen desnutridos

ya´yu´no yel´nbán ke´
ya´yu´no bich´gal ke´

devolveme a vida
devolveme o soño
...... canto de curacion


entre tijuana i Melilla

portas muros e fronteiras
soños rotos pesadelos
non nos levan a ningures
os camiños deste tempo

raia seca que te queima
raia humida destroza
miles de aramios de espiños
o teu corazon deboran

ser distinto é un delito
se non te ven non molestas
crudo hormigon deses muros
en vez de auga sangue levan

entre gaza e miami
entre tijuana i melilla
pasan miserias e mortes
por enriba da utopia

...... vigo-karnota 10-05

de monte alba
a monte albán

subimos o monte alba
e as nubes cubriron o cume
como si xa estiveramos
no pais das nubes de oaxaca

................... vigo 1-05

uns pequenos
en monte albán
a milenaria cidade zapoteca
agarran pequenas pedras
e construen
a sua propia praza
e no medio dela
unha estela triangular
conmemorando un feito
que non nos van revelar
............. oaxaca 2-05

De "Viaxe ao país das nubes"
- Manolo Pipas -

sábado, fevereiro 03, 2007

Para se perpetuar en nomes

Para se perpetuar en nomes
menten os homes
non abondan as hipocrisías todas
para escoitarse en ecos
que en círculos concéntricos
responden unánimes
na restreleina dos restrollos
nos espellos afumados
atopan a máscara propicia
a cada función:
odeón superfluo das desilusións
e saen á rúa coma morcegos diúrnos
para facer amigos
e angazar prebendas
para deleitarse no sorriso de aceno
na man fláccida que manca e non aperta
quedará valeira a esperanza
sen mágoas compartidas
para que choren os días lentos
do letargo .

Luís Viñas

quinta-feira, fevereiro 01, 2007

Formigas vermellas soterrándose no azucreiro




A mañá de agosto amenceu soleada, aínda que algún neboeiro ameazaba con atoldar o día de verán.
Na baca do coche levabamos todo o necesario para pasar aqueles días de lecer. Polo vidro dianteiro precipitábanse as paisaxes, coma relampos e golpeábanos a vista igual ca uns visitantes inesperados.
Nunha estación de servizo que atopamos no camiño, enchemos o automóbil de combustible e espreguizámonos cuns grolos de café, que nos serviu un home desleixado,na solitaria cafetería. Da comisura dos labios penduráballe un cigarro que lle fumegaba cara o cello.
Cando divisamos o axitado mar da Lanzada, achegóusenos un son que se cadra viaxara no tempo. Xurdía do interior da capela, semellante aos queixumes que foxen da vítima dun feitizo no momento de expulsalo.
Poucos minutos despois chegamos.Había unha morea de xente. O balbordo de diversas linguas e acentos transportábanos a un mundo metido nunha cubeta. Nos primeiros días da nosa estancia tamén visitamos Armenteira co seu mosteiro do século XII e coñecemos a súa lenda. Alí sentimos o acougo que reflectían as pedras seculares e gozamos dos diferentes lugares do fermoso val do Salnés.
As festas que se facían na praia da Lanzada, ata ao amencer servían de vínculo entre a realidade e a maxia dunha terra. Vimos como a nítida auga acollía unha moza espida que tomaba as nove ondas, mentres un mozo tocaba un didjeridu e unha melodía ía nacendo do oco da madeira. Os demais ficamos en trance, coma o frade Ero co chirlar da paxariña, na quietude da fermosa paraxe de Valdedeus.
Ese espazo convidaba aos longos paseos en auténtica liberdade e a durmir en plena fusión coa natureza... de súpeto, vin un milleiro de formigas vermellas que se soterraban no bote do azucre que estaba enriba da mesa pregable. Logo, do lado esquerdo, debuxado na tea azul da tenda, o meu corpo deitado nunha grella era devorado polas lapas dunha gran fogueira e unha lingua enorme, semellante á dunha serpe, intentábame auxiliar das chamas e das gadoupas dun garfo que me espetaba. E polo meu oído dereito asomaba entre o fume unha cadela de frade. En fronte miña, como saído da secuencia dun filme de medo, un becho erguíase ameazador. O que máis me asustou foi que o becho era idéntico a calquera outro. Non posuía ningunha característica que o fixera diferente. Excepto que as meniñas se lle dilataban como as dun felino. Tiña as patas ensanguentadas e no chan xacía un corpo inerte, que ben puidera ser o meu. Uns berros arrepiantes percorreron a extensión do lugar. As luces acendéronse e a miña man mollouse na suor fría da miña fronte. Apagáronse de novo as luces e o cámping ficou envolto no silencio da noite.
Un grilo negro acampa nas fondas rodeiras que deixou un coche gris ao fuxir.


Cruz Martínez