quinta-feira, julho 21, 2005

A Última Morte do Coronel Santiago

A Última Morte do Coronel Santiago

Fai un tempo tiven o pracer de coñecer en Vigo a Luís Cardoso, o autor de “A Última Morte do Coronel Santiago”. É esta unha novela do amor e da nostalxia, que como fío invisíbel une o Timor Leste, tan descoñecido para nós, a Lisboa máis romántica e literaria e Compostela, pedra das referencias.

A maxia do relato é un xeito de camiño de idas e retornos, de exilios e encontros. Unha crónica dos soños, saudades e desgarros, coa ollada cara o Atlántico inmenso que afasta e une.
Latexa no texto o Timor liberado, contraditorio e desangrado, visto dende unha Lisboa feminina e melancólica que agacha todos os misterios, como Clara a amante etérea.
Para completar o triángulo máxico aparece Santiago, a Compostela prometida a que chega o protagonista para cumprir a promesa do seu pai, o coronel de segunda liña Pedro Santiago.

É para un lector galego un achado atopar este vencello, esta maneira de achegarnos á ensoñación do escritor, que tal vez dende un plano autobiográfico, tece historias e xeografías para mostrarnos a imposibilidade do retorno, a incapacidade para recuperar aquilo que nos roubou o océano da partida.

Un libro moi recomendábel (publicado por Don Quixote).

Luía Viñas

Sem comentários: