sexta-feira, setembro 30, 2011

DESOBEDIENCIA - Rosa Enríquez








Marta Pedrosa e Miguel Ángel Alonso




Alberte Momán, Rosa Enríquez, Begoña Caamanho e Alfonso Láuzara


Marta Pedrosa

DESOBEDIENCIA


Marabillosa presentación na libraría Couceiro (Santiago de Compostela) do libro de Rosa Enríquez "DESOBEDIENCIA", cuarto número dos Q de Vian Cadernos.

http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2011/09/30/0003_201109S30C16991.htm

domingo, setembro 25, 2011

Pegadas que deixamos na Cova dos Ratos...

.
De esquerda a dereita: Manolo Pipas, Concha Rousia, Pili Mera, Ramiro Vidal Alvarinho, Xoán'ma Rial Rodríguez, Alberte Momán, Alfonso Láuzara, Eva Méndez, Iolanda Aldrei, Marta Pedrosa Agra, Miguel Ángel Alonso Diz, Alba Méndez, Xurxo Fernández Martins, e Virgilio Liquito. Pegadas!
.

sexta-feira, setembro 16, 2011

Presentación de "Pegadas" e máis!

.



A Porta Verde do Sétimo Andar

presenta "PEGADAS" en Vigo!


Este libro colectivo esencialmente poético, no que participan 37 autores/as da Galiza e de Portugal, é o 2 dos cadernos Q de Vián.
Un acto poético, participativo e aberto no que estades tod@s convidad@s!

A Cova dos Ratos (Romil, 3)
VIGO
Sábado, 24 de setembro ás 21 h.

terça-feira, setembro 06, 2011

Crítica, Desobediencia




Hai poemarios dondos, que te reconcilian coa vida e a especie humana, que che fan crer que un mundo mellor é posible. Porén, hai outros que zumegan icor en cadoiros interminables, que caotizan o pensamento e devastan o ánimo, como carazos punxentes que trepanasen os sangumiños todos. Os primeiros son bos compañeiros e débese procurar o seu lentor. Mais os segundos… os segundos, amiga, amigo, son unha revelación necesaria e inevitable.

Esa experiencia cegadora e terrible, esa espada versal de arcanxo vingador sentín eu alentar tras min ao ler Desobediencia de Rosa Enríquez, un dos mellores poemarios publicados dun tempo a esta parte.

Dende a cuberta mesma do libro —obra da tamén poeta Ana Cibeira, quen achega aquí un suxestivo collage como soarego— e, tamén si, as palabras imantadas do prologuista de luxo do volume, o escritor Anxo Angueira, un adquire conciencia plena de que se atopa perante unha obra singular, desusada, deliberadamente abeirada ás marxes, porque é nelas onde gurgulla o sangue, a vida, que na tradición iterativa xa deixou de fluír, putrefacta.

Comparecen, logo, as catro seccións (“Poemas que non din nada”, “Poemas que din todo”, “Des morceaux d’amour et tristesse” e “Quelques morceaux pédagogiques”) nas que se divide propiamente o poemario, dialóxicas, antinómicas e complementares. Nas súas planas debúxase a espiral de sombras dende a que a poeta (pro)clama a palabra, incendiando os tigres que asexan, fuxindo dos búfalos da incomprensión. É esta unha poética de gumes metálicos ourizados, insubmisa, provocadora, que sabe que cómpre loitar contra o imperio mercantilista de tanta cousa, de tanto obxecto como nos anega, que reivindica a superación dos ruídos e se afirma ante as trapelas xenéricas, que herda e reverbera en voces mil, lonxincuas, como, poño por caso, as de Badiou ou Lois Pereiro.


Hai versos neste libro que lostregan como rabeiras escorpias, vibrantes e imprevisibles, trífidos, afincados no tumulto sagro e violento das que saben que transitar os días sen desmesura e arredadas da Grande Nai vexetal non paga a pena. Por iso anuncian a loita, a extirpación umbilical dos fantasmas interiores, a desobediencia de Antígona.

Oracular, metapoética e epifánica, a Rosa Enríquez de Desobediencia traspasa rexións escuras nos límites do inefable. E, desobediente, lembra ás compañeiras de viaxe en “Nada para comenzar” o mantra liberador:

Só ruído. Palabras feitas de metal-vibrantes e imprevisíbeis.

E nós aí-debruzadas na sombra.

Sagradas e violentas. Co run run dos tigres na cabeza.


Fillas do tumulto é que nos proclaman. E berramos.


CRITICALIA

http://armandorequeixo.blogaliza.org/2011/09/06/rosa-enriquez-trifida-e-escorpia/#more-1526