sexta-feira, fevereiro 27, 2009

(RE)FLEXIÓNS

.
Estamos en crise
hai que reflexionar disque
Reflexiona ti
vai ti reflexionando
xenuflexión política
zapateiro aos teus zapatos,
que eu che veño de facer 500 (re)flexións
na cadea do traballo
e aghora vou cara á taberna do meu compadre
por un chato
vou polo vento, veño polo aire
Vou ir indo
Vou tirando
.
........... - Alfonso Láuzara -
.

quarta-feira, fevereiro 25, 2009

Outro café con panela

.
outro cafe con canela e panela pues
foi un dia para platicar do que nos une
que facemos aki cara onde e como imos
e agora na noite escoito varias conversas
e reflexiono neste mesmo espacio colectivo
e van asentando as vivencias e as ideas
como asentaron os grans do café logo de ferver
pero os ollos do jaguar da mascara
e das varias caras pintadas das paredes
que non me deixan e eu non deixo de darlle voltas
a digna raiva a oaxaca a grecia e a palestina
e as rolas das jaranas do papaloapam na computadora
dan paso aos buzukis e as voces mediterraneas
e contesto un correo da vella europa do norte
dun amigo que quere voltar a este espacio
e petan na porta compas que están de paso
uns dias entre nos e dan paso a outros compas
e agora canta o mikel laboa que se nos foi
palabras da terra e da terra as vivas palabras
e no anafre outra pota a ferver que xa arrecende
.
casona crespo 21-1-09
Manolo Pipas
.

terça-feira, fevereiro 24, 2009

Será en Porto o próximo sábado, día 28 de febreiro ás 18:00h.


Presentamos o noso libro. Para nós sería un pracer contar coa presenza de todos os nosos amigos. Un agarimoso saúdo do colectivo." A porta verde do sétimo andar"


" Clube Literário do Porto"
Rua Nova da Alfândega, Nº 22
PORTO ( Portugal)

sexta-feira, fevereiro 20, 2009

As fotos " ENCONTROS NO 7º ANDAR"

O mércores pasado abriuse a porta, no seu primeiro encontro.
O son da música danzou entre a palabra, a imaxe... e trocounos en seareiros dunha liberdade que antollabamos certa.

Cruz Martínez




























Grazas a Iván por fotografarnos tan ghuapos!

quarta-feira, fevereiro 18, 2009

SENTENCIA

..
Encolliches,
es un monstriño tenro
que dá voltas nesta hora
no remuiño maino do meu café,
nese raro xirar de zurdo redireccionado.
Afogarás
terás unha morte doce,
no fundo agarda ese lodo,
un pouso derritido de azucre moreno.
.
................. - Alfonso Láuzara -

domingo, fevereiro 08, 2009

Impresionante homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

.
"Beizón, mercedes, grazas e obrigado"
"A parte final comeza agora. Espero que esta derradeira volta do camiño me resulte tan feliz como o son para min estes instantes"
"Estou orgulloso de ser un que camiña á par de vós neste treito da historia"
Esas foron algunhas das palabras de agradecemento pronunciadas ao final por un Ferrín tan humilde coma inmenso.






O mundo intelectual e cultural rendiu homenaxe a Méndez Ferrín o pasado venres no Centro Social Caixanova en Vigo, co gallo do seu 70 aniversario. Un acto moi especial e inesquencíbel moi ben conducido por un xenial Anxo Angueira; e no que interviron tamén maxistralmente Francisco Fernández Rego, Antón Santamaría, Rosa López, Xabier Cordal, Darío Xohán Cabana e Ramón Lorenzo. Tampouco faltou a voz e a guitarra do Leo de Matamá interpretando a famosa canción de Suso Vaamonde adicada a Castelao e mais a Internacional moi enxebre, nin o Himno galego acompañado da gaita de Iván Area e cantado por tod@s. Asistiron á cerimonia familiares, amig@s, escritores, políticos, estudosos e persoeiros do mundo intelectual e cultural, en particular Xosé Manuel Beiras ao que lle une unha entrañábel amizade. Un merecidísimo recoñecemento público para unha das figuras máis brillantes da cultura galega.
Compañeir@s de A Porta Verde tamén tivemos o pracer inmenso de asistir a unha homenaxe tan emotiva, formar parte dese xénero humano que ateigaba o auditorio, e poñer todo o noso afecto na gran ovación atronadora que pechou o acto. Parabéns Ferrín, sempre!
.

sábado, fevereiro 07, 2009

rosanegra

Olla a simboloxía da pedra
o tempo pasado sae á luz
segue aí, no átomo
que forma a materia

terça-feira, fevereiro 03, 2009

Homenaxe nacional a X.L. Méndez Ferrín

- HOMENAXE NACIONAL A XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN -
Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo
(rúa Policarpo Sanz, 24-26)
Venres, 6 de febreiro. A partires das 20:00 h.

Co gallo do seu septuaséximo aniversario, e con cinco décadas de intensa actividade literaria e política nacionalista íntegra e coherente, Xosé Luís Méndez Ferrín recibirá unha grande e merecidísima homenaxe nacional o vindeiro venres en Vigo. Un acto cívico e literario d@s amig@s, que pretende recoñecer en vida e publicamente unha andaina extraordinaria e moi digna de admiración. Unha homenaxe necesaria na que será presentado ademais o libro "A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín", coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia. Así pois... querid@s amig@s... tod@s con Ferrín!!
.
Parabéns dende A Porta Verde do Sétimo Andar!!
.

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009020100_5_293251__Opinion-Todos-Ferrin

http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009020100_8_293271__SociedadyCultura-Mira-este-dixome-chegar-Vigo

...................... - Alfonso Láuzara -

domingo, fevereiro 01, 2009

Un contiño de María do Caramelo

.
....... Andrè
.
Dicíanlle André, e era capaz de converter o sol en manteiga. Andaba todo o día a camiñar o mundo enteiro. A sua máis grande obsesión era non pasar duas veces polo mesmo sitio, disque se pensaba riu. Nacera coma tódolos nenos, andivera aos niños, xogara ao trompo, coleccionara chapas… afeitárase por primeira vez, convidara a algunha moza a gaseosa, e ata levara algunha outra á casa despois do baile… E un bo día embarcou cara ao Gran Sol. Unha marea nomáis. Algún que o acompañou na travesía contou que en canto vira como a terra ía desaparecendo André non voltou a pechar os ollos, quedou toda a marea cos ollos abertos ainda cando dormía no catre deitábase cos ollos abertos. Disque tiña medo de non voltar a ver a terra. Cando por fin voltaron a porto André pechou os ollos e empezou a camiñar, nomais precisaba alonxarse daquel cheiro salgado a inmensidade que o envolvera durante tanto tempo. Dende entón, André camiña a escuras polo mundo, sen querer pisar onde xa pisou para non voltar estar nunca onde xa estivo. Hai quen di que non abre os ollos, porque convertiría o sol en manteiga e entón, o mundo, acabaríase.
.