domingo, dezembro 30, 2007

Adeus fogar bohemio!!




O venres 28 dixémoslle adeus ao noso querido fogar bohemio "LENDA MOURA".
Pepe coa súa música amenizou a noite meláncolica da despedida. E logo rematamos a festa cunha boa queimada.
Tampouco faltou a poesía no improvisado recital, a cargo dos grupos: Formas Difusas e Aportaverde.






Adeus Lenda Moura!! Grazas por tantos e bos momentos compartidos.

quinta-feira, dezembro 27, 2007

Peche definitivo de Lenda Moura :-(

Pois si, querid@s amig@s, a triste noticia deste tempo é o peche definitivo do Café LENDA MOURA, o noso entrañábel fogar bohemio, onde fican xa para sempre na memoria emotiva e artística moitos dos mellores momentos de A Porta Verde do Sétimo Andar.
Alí compartimos espazo tamén co colectivo poético Formas Difusas, que anda estes días nas mesmas sensacións agredoces, e prepara unha digna despedida (unha máis) para este inocente 28 de decembro a iso das 22 h. aberta a quen se queira achegar por alí para compartir uns momentos agradábeis coma é costume neste local vigués da rúa Hernán Cortés.
A Porta Verde tivo o pracer de compartir na Lenda Moura das amigas Ana e Marina os momentos máis importantes da nosa andaina, coa sorte de que nos deu tempo a facer xa realidade algúns dos nosos soños poéticos de partida. As nosas vidas creativas tiveron moitas veces o mesmo trazo e foi estupendo. Arestora toca despedirse! Menos mal que nos queda a sempre eterna Cova dos Ratos, ademais dese recordo marabilloso que xa é Lenda Moura (mesmamente) e parte destacada da propia historia de A Porta Verde.
Moitas grazas! Parabéns!
Ata sempre, entrañábel Lenda Moura!

terça-feira, dezembro 25, 2007

Bo Nadal e que o viño fale galego!

Saúde, terra e felicidade para tod@s!
dende A Porta Verde do Sétimo Andar

segunda-feira, dezembro 24, 2007

Selección Galega!

A Porta Verde coa Selección Galega de fútbol!
Aupa Irmandiña!

DA GEMA

A poupa mula e masca
exibe o mamilo
pela ponta soletra
em apupo um lastro
monstro fátuo

que porra que
bicho de mel e saco,
contentamento...

por grifa jarra estende o nó
preguiça morna se diz farta
aqui Baco
suspende o lance de garganta
émulo e triste acorda
...almente...

traz nódoa carcomida, uma clara auréola
a mesma, que o faz.

Aurelino Costa
Do livro: "Na terra de Genoveva"

sábado, dezembro 22, 2007

Nós e a rede 2

Non quero falar da denuncia, das dores. Consecuencias.

Fomos onte contar un conto, chulo, xeitoso, alí onde xogaban os rapaces. Xogaban na estrada dun venres pola tarde, xa sabedes, nunha desas rúas de detrás dos edificios altos. Finalmente atendemos nós para eles. E fun canear un pouco, recibín patadas que non doían; hoxe teño unhas poucas mazaduras.

E fomos onte á praia, estaba tempo, non coma hoxe. Que corpos de rapaces e rapazas, de machitos e princesas. Falabamos ben alto dos delitos dos ricos fachendosos poderosos, xa sabedes. E demos en mirar para eles, e que fermosos, que fermosas. E non tivemos máis remedio que nos amar namentres a xente ía da pouco marchando. Aínda teño na boca o sabor dos amorodos.

Hoxe estaría gostoso de vos falar un pouquiño do que doe a dor, de cómo esmaga a pobreza, daqueles que traballan nas fábricas dos zapatos e dos parasoles, e das pelotas de xogar ó fútbol, nenos, rapaces, mulleres. Non sei como hei de facer das nubes brancas, están dicindo caladiño que non podo xogar con eles. E teño onda min a chuvia compañeira; non sei que fala, di algo de corpos fermosos de mozos e mozas que non podo ver. Non sei como amar agora.

Abilio Rodríguez

sexta-feira, dezembro 14, 2007

josé vicente

Calor na fenda do seio
mão de horizonte
no inverno

Do livro: "Caixa Inacessível"

quarta-feira, dezembro 12, 2007

rosanegra

Presinto a escuridade que me acubilla
e engule a miña alma
que está castigada dende a era fetal
as sombras bulideiras queren
comer o cerebro
como materia negra
inculcando ansiedade visceral
a morte mecanizada, anticipa
a nota que ese alguén toca
nos momentos abismais
busco a resposta ao meu cansazo
morrendo cada noite dos tempos
e revivindo cada amencer incerto.

domingo, dezembro 09, 2007

Cruz Martínez

Escollo a pretérita imaxe
A escena central na que
a integración parece posible
Denantes da insurrección dos apoucados
..................................ataviados de vítimas
Non, non quero aparecer de figurante
no acto traumático, transgresor
..........................adaptado para o cine
Si, xa sei que é perfectamente crible
a maquillaxe logra transmitir todo o
.............................................dramatismo
Mais non sinto ningún desexo de
......................................permanencia
no decorado onde o estilista
fai unha creación inicua
na que os elementos representan
impunemente un falso altruísmo
Voume coa miña historia a outra parte
Poida que me exprese na rúa
Alí, inmigrante na propia terra
tecerei un estandarte
para enxugar as bágoas
e saír en procesión no día dos
.......................................Cristos
(Poema incluído no libro: "A Porta Verde do Sétimo Andar")

quinta-feira, dezembro 06, 2007

aberta a porta

aberta a porta aos verdes poemas
os improvisados instrumentos e musikas
os emotivos encontros e mais motivos
para outro andar e seguir andando

envolventes

as palabras envolventes
envolventes nota a nota
melodias ai güerita
a noite xa toda rota
nota a nota

as historias envolventes
envolventes as cantigas
noite rota lua chea
envolventes enerxias
ai güerita

pipas
cova-sombrereiros 24-11-07

domingo, dezembro 02, 2007

intacta identidade

si son, nacida tras unha eterna morte que se apodera de min día tras mar.
unha fiestra laranxa, entre as barras dunha cárcere azul.
¿un hospital?
Fogar: un círculo infinito que se dobra sobre el mesmo ata atraparme.

no medio da illa unha flor branca, fráxil.
si son.

é agora na interminable e esgotadora espera da reconstrución
na que a fraxilidade se torna raias vermellas, brancas, amarelas, verdes...
tapiz infinito no que perderme.
Mergullareime no mar tras día a morrer na resurrección das autorizacións.
Deixar de lado as neuras, metida nunha maleta, aparecer do outro lado do
finito universo concéntrico.

eva méndez doRoxo

quinta-feira, novembro 29, 2007

In memoriam


Como a semente na terra
as cinzas no mar
completan o ciclo da natureza,
para que non cese a loita no rompente
para que descanse en paz.
Po será, mais po do mar namorado.

.
Alfonso Láuzara

(29-11-06)

quarta-feira, novembro 28, 2007

Nós e a rede

nós e a rede marchamos
deica lámpadas de ton suave


coma un ollo asexa tra-lo celofán
onde non temos canto
e se canto esquezo a vosa pel
de ti que me ves
de vós que mirades


se canto esquezo por iso canto
xa son a túa man
non sóde-la miña calquera
sodes ti e máis el
comparto a carne que nós non temos


nós e a rede por onde vides
traede, apartade os ollos
que non me vistes.
Íspome. Esta pel é vosa
alá por onde esquece, por iso canto


Abilio Rodríguez

domingo, novembro 25, 2007

APORTAVERDE NO CALEIDOSKOPIO


Abaixo estamos, nós somos ghuapiños mais desta volta non saímos nada favorecidos.

Os poetas de A Porta Verde do Sétimo Andar deixamos os nosos versos apegados nas paredes do Caleidoskopio. De esquerda á dereita: Manolo Pipas, Luís Viñas, Cruz Martínez, rosanegra e Abilio Rodríguez.

A nosa gratitude a Maica, Santi e demais colaboradores que amenizaron o acto con música e ao poeta espontáneo.









quinta-feira, novembro 22, 2007

RECITAL DE APORTAVERDE





Benqueridos amigos o próximo sábado 24 de novembro estaremos ás 22h. na Cova dos Ratos, rúa Romil, 3 baixo (Vigo)
www.sindominio.net/caleidoskopio
Agardamos poder compartir con vós o noso recital poético.



domingo, novembro 18, 2007

DEVOLUCIÓN XA!!


NÓS TAMÉN ESIXIMOS A DEVOLUCIÓN INMEDIATA DO PAZO DE MEIRÁS Á GALIZA.
PORQUE É NOSO, DOS GALEGOS.
rosanegra e Cruz Martínez

Na terra de Genoveva

...........................Zumbem vespas acutiladas a sonoras
..........................................................-da sífilis perpétua
memória de esconsas pragas em reguadas de madeira
................................................................................áspera

..............................................-agora sentinelas de visco
..............................................a velha aquece a marmita
......................................................a lamparina na velha

..................................................."tragam água à gora !"


Aurelino Costa

segunda-feira, novembro 12, 2007

Concéntrico núcleo amado

Deslízanse as cóxegas polas pernas
as bocas insírense e sedúceme
a lenta catadura da túa lingua
.........Quecéronme os pés sabes
..........................................Posme
asomada á nudez do teu peito
......................................submisa
.........................................Posme
Déixome facer, fago, fasme
Mergúllome na inevitábel
..................proximidade copulativa
proceso de amor, completamente carne
O amor inquedo xoga entre os dedos
e penétrame entre as nádegas, certeiro
...........................................................febril

Cruz Martínez

sexta-feira, novembro 09, 2007

rosanegra

Os e- móvense
..........Coma lóstregos
Dun átomo a outro
E a gravidade atráenos
.................Á terra
Péganos a ela coma ao ventre
Dunha nai na etapa fetal.
Somos animais racionais
proxectos de humanos
Pequenos elos dunha cadea rota
E tridimensional...
Seica que estamos na cúspide
Eu diría, que nunha vértice piramidal.

quarta-feira, novembro 07, 2007

Hai un enigma no recordo

Hai un enigma no recordo
que vaise erguendo dunha nada,
esa incorpórea e bretemosa
esencia apesarada, moura.

Hai unha nada que te enlea
e que te apreixa docemente,
e te engaiola e te obsesiona,
e te extravía no camiño.

Hai un "non sei" que moito sabe
e xoga coa mente opaca,
e que sabéndoo se cala,
i é moura á diante dos ollos.

Camiña e non preguntes,
tí, que un día chegará a luz.

Xosé Carlos O'Framinor

sábado, novembro 03, 2007

Pirómana

buscome nas acepcións
Non existo.
A feminización da miña forma non arde.


Achégome a ti,
préndote na chama das miñas caricias,
deslizándome pola vexetación
que configura o teu ser.


Observados por hefesto
limpamos os montes do noso inverno,
para non deixarlle paso á combustión dos nosos corpos.


Dóeme a pel, cuberta de escamas negras,
vestixio do teu paso por min.



eva méndez doRoxo

quinta-feira, novembro 01, 2007

Bravo Paquito!!



Bendicións para Sir Paco Vázquez,
bo conservador da memoria histórica,

ex-alcalde de La Curuña,
cidade sempre tocada

pola súa divina falanxe.
Feliz día de defuntos!

.

- Subcomandante Afonso trece -
Por favor, fágame caso, querid@ visitante,
e faga coma min: non se meta en política!

terça-feira, outubro 30, 2007

estrelas

e agora non fales
que as estrelas xa dormen


cinco bicas ten a fonte
cinco estrelas esta noite
cinco letras o teu nome

era media noite
e tremou a terra
case non foi nada
un suspiro da terra



pipas

terça-feira, outubro 23, 2007

Entón as olladas volvéronse distantes

Percibiron a través da visión distorsionada
imaxes dunha posguerra
.....................Outra de tantas
Alguén le, observa o rostro do ditador recorrente

Noutro lado da rúa
a puta vida deulle unha patada no cu
........................................ao pobre derrotado
que fuma a porca cabicha que rescatou do chan
Namentres, as gastadas palabras buscan razóns
entre apiñados montóns de merda
Atopa membros e paulatinamente
............................analiza encrucillados

Un morto vaga resolvendo enigmas na noite
..........................................liberadora de pantasmas
A brisa acurralada fuxe. Fuxe dun país que lle nega unha
..................................................................................esperanza
Inmigrante sen papeis é prostituída por un puto traficante
................................................................nun club de carretera
Hoxe, outro asasinato de xénero, indixesta o almorzo
A incompetencia impregna as costas de veleno
...........................................................Cor acibeche
E máis...
Pero ...
Os ollos cérranse, non queren ver
.........................Apágase un televisor
E por un instante experimentas o alivio dos ignorantes

Cruz Martínez

domingo, outubro 21, 2007

minus bálido

Nin anverso
Nin reverso
A min gústame o canto
O bell canto.

quinta-feira, outubro 18, 2007

Indicativo

Dizia-me uma vez o Pascoaes:
«amemos mais que tudo a Liberdade»

e ninguém poderá esquecer mais
uma tão lucidíssima verdade.

E sempre pelo rumo dos meus passos,
E que é às vezes espinhoso chão,
Eu levo a liberdade nos meus braços
E guardo-a no calor do coração!

A. Garibáldi

Do livro: Voz Insubmissa ( As Mãos e a Sombra)

segunda-feira, outubro 15, 2007

rosanegra


A orde dos factores non altera a suma
Da aritmética sentimental
A trigonometría espacial
Interponse entre a ollada inquietante
Do animal racional
O binomio de Newton
Segue aceso nas mentes cáusticas
Mentres Cramer segue buscando
As tres incógnitas matriciais
Tanta numeración pódeme suprimir
1,4,7,89,18,m y,m 2...
e escoito unha voz que di
a e b non son permutables,
aínda que son maleables...

sábado, outubro 13, 2007

O Lagares maltratado

O desahuciado Lagares que foi reanimado in extremis
aínda bota escume urbano pola boca do seu esteiro
sulagado en secuencia da marea chea.








Xa por Lavadores...
misión case imposíbel
seguirlle e perseguirlle
as súas pegadas de auga,
coitadiño
baixa estrangulado
entre naves industriais.
.
Superado o natural trauma urbano...
seica a esperanza fica aló no berce do río.

.................................. Alfonso Láuzara

quinta-feira, outubro 11, 2007

telefonía

sen fíos comunicamos.
todo o noso mundo é rexido por impulsos magnéticos;
imperceptíbeis, suaves, intensos.
crávansenos na pel reaccionarios,
nun xesto indómito de paciencia e sumisión.

ritual aprendido nas grandes urbes;
nas que sen timbres chamando á oración,
sentímonos alienados en nós mesmos.

agora, no silencio punxido, das paredes caleadas,
aprendo a non percibir contrasinal.
mergullo meus pensamentos
en complexos mecanismos etéreos
para non oír badaladas metálicas na miña lingua.

reposo a axitación e a rabia
entre numerosas páxinas desteñidas
para concentrarme
na pérdida absoluta do coñecemento
e así atopar as Respostas.


eva méndez doroxo

terça-feira, outubro 09, 2007

Quixera ser outro ser

Para gozar dos teus encantos.
Quixera ser vento
Para viaxar enredado
No teu cabelo liso.
Quixera ser colgante
Para estar preto,moi preto
Do teu corazón
E vivir sempre de ti colgado.
Ser o teu propio ser
Para poder penetrar
Nos teus íntimos desexos.
Ser coma a seda azul da túa cama
Para agarimar o teu corpo nu
Enredado entre as túas pernas,
Penetrar dentro da túa coiraza,
Vivir as túas vidas
E morrer a túa morte.


O cabalo do malo

sexta-feira, outubro 05, 2007

No cromatismo dos peixes




O silencio teu

no cromatismo dos peixes,
era a caricia do vento mariño
que viaxara cara aos continentes
eu, navegante solitario,
náufrago feliz,
acochado no teu ventre,
alí, no peirao.



Luís Viñas

quinta-feira, outubro 04, 2007

Apegado na codia da miña pel

Vés cabo de min, preto
coma chama que emerxe
prolóngase, invade
e acóllote dun xeito novo
porque entre os dous a nudez
fainos grandes

O estado de brétema
argalla unha luz fulgurante
Estancias nebulosas abren fiestras
e bícannos na boca, conmóvenme
contemplamos sinais de beixos
tatuados nas queixadas
As cousas sonche así, arrevesadas
Certamente somos monicreques
que irrompen na dependencia
dun abrazo

Cruz Martínez

domingo, setembro 30, 2007

Setembro verde!


Depósito legal: VG543-2007 .. P.V.P.: 10 €
A Porta Verde do Sétimo Andar

Foto: Kutambarara (Javi)

De esquerda a dereita: Luís Viñas, Minus-bálido (A.Rodríguez), Manolo Pipas, Alfonso Láuzara, Cruz Martínez, Abilio Rodríguez, Rosanegra (Rosa Martínez) e Alberte Momán

.

9 xeitos de traspasar a porta da poesía.
9 olladas que indagan na paixón, no cotián, na memoria...
creando espazos para recuperar o poder revelador da palabra.
9 voces contemporáneas que nos conducen polo universo polimorfo do poema.
Abrir a porta verde do sétimo andar é entrar en 9 mundos poéticos posibles e diferentes. Adiante, a porta está aberta!

e-mail: aportaverde@gmail.com

sexta-feira, setembro 28, 2007

nenos

onte o voso fillo
debuxou a sua primeira estrela


e o sol de que cor é
e porque está alá arriba


a lua xa está grande

gostanme as tuas palabras de neno
palabras imperfectas como as cousas
palabras que van cambiando coma ti
gostame a tua nena voz de neno


as ondas desfan
o teu castelo e area
pero respetan
o castelo dos nenos



manolo pipas

segunda-feira, setembro 24, 2007

Alberte Momán

Do libro de poemas 'Baile Àtha Cliath' gañador do Premio de poesía Erótica Illas Sisargas 2007


confúndome co ruído sen mesturarme en absoluto

de todo contacto prefiro
cando te alimentas de min
en silencio
sen as grandes promesas que sabemos imposibles

das ausencias
prefiro a de ambos aferrados aos nosos corpos suorosos
na penumbra do cuarto
perdidos entre as sabas aínda húmidas

deses instantes
gardo o silencio
o cheiro a humores quentes despois do orgasmo
gardo a calma despois da paixón
o sabor dos bicos teus
despois de percorrer cos beizos o meu corpo todo

sexta-feira, setembro 21, 2007

A presentación foi un éxito!!!

Se desexan mercar o libro de APORTAVERDE, téñeno a venda na GALERÍA SARGADELOS, rúa Urzáiz 17









Na fotografía inferior aparece parte do colectivo de A Porta Verde do Sétimo Andar.
De esquerda a dereita: Luís Viñas, Alfonso Rodríguez (minus-bálido) Manolo Pipas, Alfonso Láuzara, Cruz Martínez, Abilio Rodríguez...


>Nesta foto, de dereita a esquerda: Alberte Momán e rosanegra








Queremos agradecer a tódolos os nosos amig@s e demais persoas que nos honraron coa súa presenza


O libro de “A Porta Verde do Sétimo Andar” presentouse onte na Galería Sargadelos ( VIGO) cunha gran afluencia de público.


Graciñas polo voso apoio.



>aportaverde noutro momento do acto



































Fotos : Azucena Carrera


quinta-feira, setembro 20, 2007

PRESENTACIÓN

A Porta Verde do Sétimo Andar aparece en maio de 2005 en pleno corazón da zona vella de Vigo, onde teñen lugar as primeiras tertulias informais. Axiña o Café Lenda Moura convértese no seu fogar bohemio, mais o espírito inquedo do grupo implicaba frecuentar tamén outros locais da cidade olívica: O Lar da Zoe, A Cova dos Ratos, A Galería, Uf... E así avanza no tempo un colectivo entusiasta con moito para compartir, sen perder o carácter divertido da aventura emprendida. Na pel poética transpiran os clásicos e latexa o anovador futuro inmediato.
A Porta Verde é un novo espazo creativo inter-netamente galego e galeguista e, ao mesmo tempo, con marcada e decidida vocación cosmopolita, vinculada sempre ao compromiso asumido, e aberto a todo tipo de expresións artísticas (mesmo interactuadas). Tamén interesado a cotío na procura de lazos de amizade con outros colectivos e culturas (Incomunidade, Andar21, Portugal, América Latina...). A porta verde sempre fica aberta para se airear ben de cultura fresca. Asemade a boa sintonía coas novas tecnoloxías vese reflectida na posta en marcha deste blog actualizado cunha intensa actividade, ata superar a barreira cibernética das 15000 visitas, con procedencias de case todo o mundo e unha destacada presenza do Brasil e máis de Portugal.
Arestora, despois de dous anos de poesía, decidimos sacar á rúa unha síntese escrita en formato impreso do noso (e voso) espazo creativo. E quizais unha folla en branco ao final marcaría o sentido pretendidamente aberto desta obra imperfecta e compartida que vos convida a tod@s. Poñemos con ilusión nas vosas acolledoras e inapelábeis mans este noso libro colectivo de poemas.


...................................... Vigo, setembro de 2007


http:// aportaverde.blogspot.com

e-mail:
aportaverde@gmail.com

segunda-feira, setembro 17, 2007

Atención, gran noticia!!


Presentación do libro de
A PORTA VERDE
DO SÉTIMO ANDAR
.

Depósito legal: VG543-2007 .. P.V.P.: 10 €

.
un libro colectivo de poemas,
unha síntese en formato impreso
deste noso (e voso) espazo creativo
que cumpre dous anos

e xa supera as 15000 visitas!

.

Xoves, 20 de setembro. 20:00 h.

en

Urzaiz, 17 VIGO
.

A Porta sempre está aberta!
Estades tod@s
convidad@s!

.
e-mail: aportaverde@gmail.com

sábado, setembro 15, 2007

Signos poveiros

Signos poveiros
no Monte Santa Tegra (A Guarda)
en homenaxe a Póvoa de Varzim (Portugal)
- memorias do pai miño -
.

quinta-feira, setembro 13, 2007

cachiño-cociña

CACHIÑO
Collinche un anaco de cu
Trabeino
Collinche un cacho
Axeiteino ben. Viches?
Cachiño meu!
Amoldeime á moda
Eu non tiña cu. Agora teño
Collinche un cacho!
.
.
Pum-pum pum-pum
Sangue sangue
Pum-pum pum-pum
Cauterización do sexo

Se-men-tras subo baixas
.
COCIÑA
Aguacate en pólvora con insurrección de hormonas
Batería antiaérea na cociña da casa
Un mosquito non pode estragar a cea
Daquela optarei por amarte contra a encimeira
se sentas o cu onde curtas o bacallao
.
.
Alfonso Láuzara

terça-feira, setembro 11, 2007

Bolboreta na auga

Autor: Diego de Giráldez
A poesía tínguese de cor marrón, dourada...
proxéctase nas imaxes como tarefa fácil, inevitábel
crea un espazo, onde a suposta somnolencia da figura
atravesa aspectos profundos, existe
a psique sustenta realidades absolutas
NASvegando nas artes áureas
que o autor decide
Texto: Cruz Martínez

sexta-feira, setembro 07, 2007

Cruz Martínez

Onte, hoxe e sempre os adeuses déixante en coiro
A cachapernas
Entre pasado e presente, esmorecendo
Vértense bágoas no inevitable, íntimo inverno
Na boca do estómago un berro procura
Debuxar incómodas liñas que endurecen a face
Doe o pensamento
Hai unha sombra que ameaza pechalas páxinas
Do libro semiaberto
Hai unha liorta que gabea polas neuronas
E marca estigmas a xeito de interrogantes
Sen respostas
Elas acóchanse nos leitos copulativos
Da indecencia
Xerando inventos gramaticais que convenzan
A mente nos duros instantes
Crea loucas e impensables estratexias
Derruba doutrinas
Pero a nostalxia fai volver onde unha vez amaron
Onde coligaron cos pecados da carne

quarta-feira, setembro 05, 2007

josé vicente

Mar de arvoredo
brilha o escuro
na geometria dos sons

do livro: Caixa Inacessível

domingo, setembro 02, 2007

amante preso

Tanta ilusión pisoteada...
é difícil acender o sol cada mañá.
Cada pequeno esforzo sufocado,
cada coitado agromar non será fraga
cando no lugar da espranza resulta doado incendiar.
O amante preso quixera erguer da cama.
No chan un rompente de escume embotellado.
Na fiestra tapiada con zapatos vellos, un cartaz:
zona verde, non pisar

.................... Alfonso Láuzara

sexta-feira, agosto 31, 2007

Ciudad Juarez, obsesión criminal

No estado de chihuahua antes chamado “ Paso del Norte” pola súa situación fronteiriza con EE.UU. Juarez é a cidade máis castigada pola violencia e asasinatos a mulleres. Pódese dicir que ocorren os crimes máis cruentos e bárbaros semellantes aos dun campo de concentración preparado para o femicidio, un inferno en terras mexicanas, un holocausto sen igual que comeza en xaneiro do 1993 coa primeira vítima, a nena Alma Chavira Farel.
Dende ese ano máis de 300 mulleres foron secuestradas, violadas e asasinadas. A maioría das mozas eran; de ambiente pobre, obreiras, fisicamente miúdas e morenas. Todas foron agredidas sexualmente e morreron estranguladas. Moitas delas sorprendidas cando ían ou saían do traballo. Unha gran porcentaxe das mulleres tamén sufriron torturas e mutilacións antes da morte.
Existe un enorme misterio sobre os criminais. As detencións que se fan sementan moitas dúbidas sobre a eficacia da xustiza, parece ser que nunca deteñen ao culpable verdadeiro. O goberno parece máis preocupado en tapar os terribles sucesos que en esclarecelos, polo que a sospeita recae en persoas influentes; empresarios, políticos...
Ata cando teremos que aturar que insulten os dereitos humanos vulnerando o ben máis prezado, a vida. As mulleres seguen morrendo, soterradas por unha total impunidade e os verdugos continuan arrebatando vidas agochados na escuridade permisiva.























rosanegra e Cruz Martínez