terça-feira, maio 30, 2006

Cruz Martínez

... "Cruz Martínez, terceiro premio de poesía Eduardo Chao"
Foto: Atlántico Diario, domingo 21 de maio de 2006

A luz volveuse opaca
polo tanto decidín viaxar nocturnamente
aliñarme axexante tralos vencidos
vaites, é estraño, aínda son unha amante
....................................................... inconsútil
De súpeto as xanelas visten enreixados
e evocan tempos malditos
Eu tento argallar un número indefinido de
............................................................... metáforas
para que non me invada a invernía da incerteza
Se existe un oco onde agochar os medos
Primeiro déixame sentir a calor dos teus beizos


Poema pertencente á obra “Aínda son unha amante inconsútil”
Premiado no I Certame Literario “Eduardo Chao”.

domingo, maio 28, 2006

Un poema de Minus Bálido

En ningún lugar?
Diría que sí
Dáse en todo lugar.
Sae do contexto
Do contido.
Reviravolta
Mírao ao revés!
Non o vés?
O irrealizable
Está resolto
Inaudito
Pero logróuse
Logróuse
Un mundo
De realidade
Tanxible
De grande aspereza
Unha grande utopía
Se saes
E o miras ao revés.
Como non vai ser posible?
É posible
A explotación
Total
Por uns poucos
Da terra enteira.
En todo lugar
Existe a utopía.

sexta-feira, maio 26, 2006

Bravo Paquito!

Bendicións para Sir Paco Vázquez,
ex-alcalde de La Curuña,
cidade sempre tocada
pola súa divina falanxe

- Subcomandante Afonso trece -

Por favor fágame caso, querid@ visitante,
e faga coma min: non se meta en política!

quarta-feira, maio 24, 2006

Emigración galega


Cando aínda hai tan pouco dito sobre da emigración galega cumpre divulgar e animar a lectura de dous libros que nos chegaron dende o mundo da lusofonía, da man de dous autores fillos de galegos:

O primeiro, tal vez máis descoñecido, é TRABALHOS E PAIXOES DE BENITO PRADA (Ediçoes ASA), unha novela do escritor e periodista portugués Fernando Assis Pacheco, nel este autor do compromiso deixa testemuña deses primeiros emigrantes, aqueles permanentes nómadas que foron os afiadores e que cruzaron a raia cara a outra pobreza. Pero a novela non é só un lamento senón que é a épica duns homes marcados polos exilios, a aventura, o amor e sempre a morriña da terra afastada .



O outro, seguramente mais coñecido, é A REPUBLICA DOS SONHOS de Nelida Piñón ( Editorial Presença), onde o drama, a paixón e tamén o relato do pobo que se espalla dende os Fisterres máis ignotos polos océanos ata a terra prometida, tal vez a república dos soños.... que nunca existirá.

Luís Viñas

terça-feira, maio 23, 2006

De Virxinia con fame de sol.





Pensa que a agarda unha escolma de luz e centeo, se cadra.
Vai e pousa no fondo do río, na poza, no leito,
arrastra, puxa, couta,
mármore líquido de silencios e seica,
seica dixo o mouro,
seica a ola garda luz e centeo
por quen afogarse queira na auga.


Na busca do leito vai, paseniño,
porque escorre as dores onde a sobreira comba de graza.
É afogarte na chuza escura –dixo o mouro-, é o que buscas,
afogarte sen pan e sen sol.
Ela le o curso do poema, o canto da ola, e vai, tornando os ollos
en espreita de fame aferraxada
para iren un paso tras outro, sendo Virxinia
e os lobos almorzando no seu ventre coma o río.

E na busca da poza
seica atopa a luz e o centeo,
seica a morte.
E acha a fin da palabra.
Abilio Rodríguez Toimil.

domingo, maio 21, 2006

17 de maio en Compostela


Abilio Rodríguez, rosanegra, Cruz Martínez e Luís Viñas.
Nós tamén estivemos alí.
(Fotografías de: Cruz Martínez e rosanegra)

sábado, maio 20, 2006

(SRP) Segunda Repichoka Poética



Vaise achegando a data, está cerca... a segunda REPICHOKA POÉTICA!
Se non estivestes na primeira non podedes faltar á segunda. E para que vos entre o apetito ahí vai unha mostra

Será o venres 26 ás 22:00 na Cova dos Ratos, Rúa Romil 3 baixo, estades todos convidados a participar cos vosos poemas ou textos, agardamósvos.

Vinde gozar coa poesía!

quinta-feira, maio 18, 2006

Diego Rivera

“ O vendedor de coles “ cadro representativo que amosa a
fascinación do autor polos indíxenas do seu país.

Pintor mexicano e marido da tamén pintora da mesma
nacionalidade, Frida Kahlo.
Chegou ó noso país no ano 1907 para estudar co pintor
Eduardo Chicharro, recomendado por Gerardo Murillo.
Diego bebeu das técnicas de Zuloaga, Sorolla, O Greco
e moitos máis que se reflicten na súa obra.
Logo viaxou por Francia, Bélxica, Holanda e Inglaterra,
procurando solucións artísticas que non podían darlle as
academias. A súa sede de coñecementos obrigárono a
seguir as súas pescudas, no 1920 decidiu percorrer Italia
para coñecer as cidades máis significativas coma Roma,
Milán, Venecia... que imprimirían fondas pegadas na
futura traxectoria pictórica.
Un ano despois regresou a México que vivía unha etapa
Revolucionaria. Diego contábase entre os máis importantes
Muralistas non só pola cantidade senón pola calidade plástica,
técnica e histórica.
Rivera falece o 24 de novembro de 1957 deixando ó seu
pobo un legado artístico incalculable.

rosanegra


quarta-feira, maio 17, 2006

Día das Letras Galegas

MANUEL LUGRÍS FREIRE
(Sada, 1863 – A Coruña, 1940)
- homenaxeado -
.
.
Cántiga dos amigos da fala

Na fala gallega vive
A ialma da nosa terra;
A redención de Galicia
Nos seus acentos latexa.
Pobo que o seu verbo esquece
É traidor á natureza;
Como irmáns todos falemos
A nobre fala gallega.
Amigos da fala somos,
I-o amor de Galicia sea,
Xa que de todos é nai,
Quen nos xunte e nos protexa.

(Versos de loita, 1919)

.
Axiña

Os días xa son mais longos;
Xa brila mais ledo o sol;
Xa s´esperguizan nas ialmas
As ansias de redención...
Os arvoredos frorecen,
E as silveiras teñen fror...
¡Axiña virán os froitos
Que o novo tempo enxendrou!

(Versos de loita, 1919)

.

*** *** ***
.

A Porta Verde
pola irmandade cos territorios periféricos
de fala galega...
Navia-Eo en Asturias
O Bierzo
As Portelas sanabresas

e Val de Ellas cacereño
(As Ellas, Valverde do Fresno, e Trevello)
.

segunda-feira, maio 15, 2006

A ESMORGA (Ourense)

(detalle de minusbálido)

A Porta Verde

solidarízase co Centro Social A Esmorga,

precintado pola policía local de Ourense!

A canción do verán:



"Europá, yo via nacionalizá..."

Evo Morales

aupa!

sábado, maio 13, 2006

Con anacos d'o meu interior


....CCON anacos d'o meu interior
fago xogos de mans
......Sollar d'o sol encol
d'os agros y-o silenzo que alborexa
......Con anacos de min
..................................Xogador.
....Un sotil son de lonxe
....................................fío claro
........Atristura d'os eixos abate n-os pinos
........N-a corredoira d'a fonte van pasos
........Un paxaro que pasa cortando a fenestra
........Con anacos de min
.....................................Non reparo.
........Con anacos d'o meu interior
........malabarescamentes
........enrabesadamentes
........auto-rompecabezador.

Xaneiro- 22

Manoel-Antonio

sexta-feira, maio 12, 2006

17 de Maio

Eran os pertinaces ollos de Don José,
as bandeiras flotando ó vento,
aquela reprimida risa
contaxiosa entoando que din os rumorosos,
a excitación dun día sen estudio,
e as braguiñas rosa de Lidia.
Todos en rigorosa fila,
marabillados sancristáns
dunha rara liturxia en conmemoración
de non sei qué fillos de Breogán.
¿Quen recorda aquel 17 de Maio de 1981?
Moncho, Manoliño, Rocha, Luís…
o monótono fungar das nosas confiadas voces
colma esta tarde.
...................................... Todo aquilo hoxe
é o estupor inocente
de non saber nin en qué país moramos,
nin qué cor teñen as bandeiras da infancia,

da única patria que soubemos.

Rafael Viñó

quarta-feira, maio 10, 2006

00:47h. día 6 de maio

E veu a tempestade nun día claro
cando as nubes erguían columnas de aire
e os paxaros non se pousaron
por medo a non despegar
Pero las horas pasan y tus ojos no lloran
Para que chorar acubillada na beirarrúa
se as burbullas estoupan, sen mais

O MAIO

Aquí ven o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
¡Pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno!...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.

¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez

terça-feira, maio 09, 2006

Ciroleira en flor

Bos días, ciroleira en flor,
pasa, entra cos pes descalzos
na casa da mañá.
Recíbote cos brazos inocentes,
luminoso axóuxere silvestre,
titílante folerpa.

Benvida es foula de alborada,
agora que virutas
de luz se arremuíñan
nas túas pólas,
mentres estoupan
de fugaz asombro.
No teu colmado cáliz
xa nos brindas
ese teu froito en forxa,
o doce galardón
que aviva o noso sangue.
Espalla
a cinsa da abrasada noite
coas túas desposadas
raíces, puxa
.......... e sexa
un colmeal
de luz
esa nevada dinastía,
aceso
candil hoxe en sazón.
Consinte que me tenda no teu abeiro.
A miña gratitude
tamén medra contigo,
o teu costado,
ergueita nesa viva conformidade que agora
concede a túa milenaria salvia,
e fluír diluído
no callado xarope desta vida.


Telmo Fiz

segunda-feira, maio 08, 2006

domingo, maio 07, 2006

palabrasparamar



Hoxe: non me coñeces
non te coñezo
teremos que olvidarnos
para amar
inventarnos en segredos e misterios
non me digas que che diga
e marquemos os soños a intervalos
de mareas plenas en plenilúneo.


Luís Viñas

sábado, maio 06, 2006

Poalla marela (chuvia dourada)

Pasa. Entro. Siguemé, siguemé. Sígote.
No teu cú de lambada leva-los meus ollos tatuados.
Ponte cómodo, reláxate. Agardo. Achégaste suave de vagar.
Silencio. Vaime cubrindo o lenzo de sombra
da nube branca silenciosa que asoma
espida semella unha boneca inflada virxinal
pouco a pouco sobre de min, cúbreme,
ocupa o espacio habitáculo total
libera enerxía anatómica gaseosa
polo baixo súpeto na treboada visceral
no intre mesmo en que descarga
a quente chuvia dourada
poalla marela que cae toda sobre min
escot-ghüiski agasallo do ceo doméstico
agüita amarilla neurótica incontrolada
alivio líquido elemento asexual.
Eu estou morto de cansazo tombado na cama
morto coma deberan tódolos toreiros estar
enluvados no traxe de pingas de orina que brilan.
Sinto sobre de min as cóxegas da chuvia dourada
constante, rítmica, en histérica gargallada.
Cavilo en frío, mollado, de falso calor fugaz i engano.
E xa non teño ganas de andar paseniño
coma formiga pola túa costa de seda
hacia o ouro que se derrama i enreda.
Fico morto arestora no xardín de franela
mentras sosteño un cortafogo mollado
coa respiración do meu ventre atropelado.
Souben dun volcán de carne e oso
e fiquei apagado nun chasco xenital
coma un puto rei pasmado.


................... Alfonso Láuzara

Agüita amarilla!
Mexan por nós e hai que dicir que chove!

quinta-feira, maio 04, 2006

O pasado nas horas

volvo atrás
para todo volvo atrás
e temo non poder recuperarme

................................. do pasado

Alberte Momán
(Premio Rosalía de Castro de Cornellà)

quarta-feira, maio 03, 2006

1º de Maio en Galiza

A mocidade galega na rúa

Manifestación en Vigo (8000 persoas)

segunda-feira, maio 01, 2006

¡Viva o 1 de maio! e morte á inxustiza

A INXUSTIZA baixa a rúa igual ca unha prostituta
co zarandeo sensual do que espera follar férreas leis
e pasalas polo forro

A escura erección construíu aduanas
onde cobrar impostos a comités de desempregados
de fame intacta
e eles...
séntense esquecidos da man dun Deus
resignados, pensan que a desgraza é designio divino
confésanse vítimas da adicción a tódolos santos
e o clímax da vida eterna
fai soportable a lei do embude
A fe provoca sacrificios inútiles

A estrela de prata ilumina ao mellor postor
A catividade transfórmase en probas de acceso
a un falso paraíso de latón

Así, uns e outros
permanecemos coa rescatada alegría dos incautos
alimentándonos de certezas que son soños
tombados nos catres de insalubres celas

Cruz Martínez

Traballadores, non permitades que o xugo explotador coarte a vosa liberdade.

Viva o 1º de Maio!!

En pé escrav@s da terra
En pé @s que non teñen pan
A nosa razón forte berra
O trunfo chega en volcán
Crevemos o xugo do pasado
Pobo de serv@s ergue xa
Que o mundo vai ser trasformado
Unha orde nova vai chegar

Axuntémonos
tod@s, é a loita final
O xénero humano, forma a internacional

Non hai salvadores supremos
Nin reis, nin tribunos nin deus
Témonos que salvar nós mesm@s
O pobo traballador

Para que nos devolvan o roubado
Para derrubar esta prisión
Batamos no lume sagrado
Ferreir@s dun mundo mellor

Axuntémonos
tod@s, é a loita final
O xénero humano, forma a internacional
.
*** *** ***
.
Adiante, adiante, adiante...
o pobo traballador
por unha Galiza ceibe
por unha Galiza ceibe
sen explotación!
.
- Subcomandante Afonso trece -