segunda-feira, maio 30, 2005

UN MUNDO. APARTE (homenaxe a Nunca Máis)

Concentras tanta fermosura nos ollos...
Ceibas tanta beleza na túa mirada...
E ás veces semella
que non tes ollos na cara.
Cega semella .......................................Gz
tan bonita mirada.
Todo alumeas cando espertas
mais non te enteras de nada.
O mundo morre e ti NON saes dun soño.
¿Por que non? Galiza, terra do soño longo.


Alfonso Láuzara

domingo, maio 29, 2005

Onán parrulo perdido no asfalto

paso a páxina
brilla
percebo tamén as súas partículas
nas miñas extremidades entumecidas

dóeme esa pel
en ausencia da miña

o alcol percórreme ás veces a meixela
libando do seu corpo a inspiración

vive de min
cólmate da seiva que
como o látex
reloce húmida
nun Onán parrulo perdido no asfalto


Alberte Momán

sábado, maio 28, 2005

Perdida nun deserto

Perdida nun deserto de inquedanzas
Subsisto xa case morta
Non podo seguir crendo
Que o baleiro é sinónimo
De silencio e resurrección
O meu berro é azul
E sabe a miles de soños
E a metamorfose
Non quero seguir o camiño de antonte
Quero voar cun adeus na miña boca
E ananas brancas nos meus ollos

rosanegra

Talvez

Talvez os grilos fan niño na cavidade
estomacal
cada vez que te aproximas
i emerxen taquicardias nos contornos
A pel reflicte propostas subxacentes
Intencionadamente convértome no espazo
na porción de terra que agarda a fusión
co sol
e xazo feliz no instante en que os abrazos
deixan entrever unha conexión perfecta
as pálpebras ábrense ao mundo que
me amosas
nas túas meniñas, na túa boca
Quizais teña que falar de ti coma un
hipervínculo

Cruz Martínez

Turno de noite


Din os ollos palabras rotas
Ecolalia de ausencias manca os silencios
As lembranzas son brancas
Flotan nun mar de éter paredes brancas
Longos os días de tristes vidros
Brancas as pombas de alfeice e pan
Xa non hai soños na madrugada
Noite sen horas de branca luz.

Luís Viñas